Venres 29 Marzo 2024

Nigal, solucións matemáticas para a industria 4.0. galega

Investigadores galegos retornados poñen en marcha unha start-up cun crecemento exponencial en dous anos

Nigal é o acrónimo de Nova Industria Galega (e tamén o nome dunha deusa da mitoloxía mesopotámica) e xa dende o nome os fundadores desta start-up lucense marcan o ambicioso obxectivo de achegar solucións innovadoras e revolucionarias para distintos sectores da industria galega, sempre baseadas no Machine Learning e os modelos matemáticos. Aínda que a empresa apenas ten dous anos de vida, xa contan no mercado con tres produtos para sectores diversos e aspiran a desenvolver moitos outros no futuro.

Lara Neira, CEO de Nigal, explica que a idea xurdiu dun grupo de investigadores galegos que, coma ela, estaban a traballar no estranxeiro e querían retornar a Galicia para poñer en marcha algún tipo de proxecto innovador e xerador de valor engadido. “Con esta idea acudimos á convocatoria de proxectos 4.0 de Galicia Open Future e fomos seleccionados para participar na aceleradora. Despois acadamos o premio ao proxecto mellor acelerado e en maio de 2020, en plena pandemia, creamos a empresa”, indica Neira.

Publicidade

O proxecto principal no que participa Nigal e Libatio, un tapón intelixente para barricas que permite controlar a evaporación do viño  e mellorar a súa calidade. A iniciativa é desenvolvida en colaboración coa empresa viguesa SC Robotics e conta cunha axuda do programa Conecta Hubs da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia. Nestes momentos a solución aplicase ao sector vitivinícola pero tamén poderá estenderse a outros sectores nos que se traballe con outro tipo de líquidos, como o aceite por exemplo.

Os outros dous proxectos que xa se están a comercializar por parte de Nigal son unha aplicación que permite dixitalizar o proceso da corta de madeira (Notifor) e unha plataforma de xestión de residuos (Lixo), que xa se comezou a aplicar en colaboración co Concello de Ribadeo. Como ocorre no caso de Libatio, a aplicación dos modelos matemáticos á industria está na base dos produtos.

Neira apunta que o crecemento da empresa está a ser moi rápido debido aos coñecementos cos que partían os socios fundadores. Ela mesma é doutora en Machine Learning e outro dos socios fundadores, Adrián Rodríguez, é doutor en Matemáticas Aplicadas. “Cara ao futuro inmediatos os nosos plans son escalar os produtos que temos para aumentar a oferta e, ao mesmo tempo, desenvolver novas solucións para outros sectores. O noso obxectivo fundamental é crear valor para as empresas. A internacionalización é algo que tamén temos en mente e xa temos algúns contactos nesa liña”, sinala a CEO de Nigal.

En apenas dous anos a empresa conta xa con 8 empregados e neste 2022 aspira a consolidar o negocio xerado. Neira destaca a importancia dos apoios públicos obtidos para o desenvolvemento da empresa, tanto dentro de Galicia Open Future, como de Conecta Hubs e dunha axuda do Igape para acudir a una feira de alimentación en Alemaña na que se presentou Libatio.

Intelixencia artificial

Nigal é un exemplo de empresa que soubo detectar un importante nicho de mercado e en moi pouco tempo foi quen de sacar ao mercado produtos para sectores moi diversos. O feito de basear o seu modelo na intelixencia artificial facilitou a súa entrada ao mercado e agora teñen que afrontar o reto de levar estes produtos innovadores ás empresas que están a demandar solucións para unha industria 4.0 que cada vez conta cun maior desenvolvemento na economía galega.

 Tamén hai que destacar o feito de que a empresa se creou por investigadores que decidiron volver a Galicia para desenvolver as súas capacidades e que dende un lugar pequeno como é Ribadeo se pode desenvolver unha start-up punteira nun sector con moita competencia e que é capaz de xerar moito valor engadido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pódcast | Máis alá dos videoxogos: o uso das imaxes creadas con IA

O investigador do CITIC José Antonio Iglesias Guitián analiza no oitavo episodio de O Descodificador as vantaxas e inconvenientes da xeración sintética de gráficos por ordenador

Pódcast | Reloxos intelixentes e medicina do sono: así nos axuda a tecnoloxía a vivir mellor

Os investigadores do CITIC Diego Álvarez e Patricia Concheiro analizan no sétimo episodio de O Descodificador as aplicacións biomédicas da IA

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas