Hoxe é o Día do Celíaco, unha doenza que afecta a 27.000 galegos

A enfermidade presenta múltiples síntomas que dependen da idade.
A enfermidade presenta múltiples síntomas que dependen da idade.

O un por cen da poboación mundial é celíaca. Se extrapolamos estes datos a Galicia falamos de aproximadamente 27000 persoas que non poden consumir glute de por vida. Esta substancia atópase en alimentos como o trigo ou a avea. O día 27 de maio é o Día Nacional do Celíaco, a doenza intestinal máis frecuente en España. Cada vez son máis os afectados e afectadas de celiaquía. A presencia do glute no organismo dos enfermos supón unha mala absorción dos nutrientes. O día a día das persoas afectades conleva o seguimento dunha dieta estrita para sempre. De non seguir este tratamento os doentes arríscanse a unha serie de complicacións moi graves como a infertilidade, o cancro ou a enfermidade celíaca refractaria, que xa non responde á dieta.

As formas da celiaquía

Sete de cada dez persoas están sen diagnosticar

 Non se pode falar de diferentes graos de celiaquía, pero si de distintas presentacións. Hai moito descoñecemento ao redor da doenza. Aínda hoxe sete de cada dez persoas están sen diagnosticar, unha cifra que se incrementa na rapazada. A celiaquía subclínica é un dos factores que o explican. Non presenta nin síntomas nin signos manifestos, pero as probas poden resultar positivas. A celiaquía sintomática, pola súa banda, si permite amosar unha morea de síntomas que son diversos e dependen da idade do afectado. Mais sen dúbida, unha das modalidades da enfermidade máis curiosas é a celiaquía latente. Baixo esta modalidade, o paciente pode chegar a consumir glute antes ou despois do tratamento.

A tarefa de busca da enfermidade

As diferentes formas nas que se manifesta a celiaquía dificultan a diagnose, que pode durar unha morea de anos. Unha meirande parte dos celíacos son diagnosticados por erro por sensibilidade ao glute non celíaca. Non hai nada que poida descartar a patoloxía. O protocolo a seguir adoita comezar coa seroloxía, un método que non sempre resulta efectivo.  A analítica de sangue permitirá identificar marcadores serolóxicos como os anticorpos antigliadina. Porén, esta opción non sempre é a máis aceptada e, en moitos casos, os médicos optan pola biopsia intestinal. Así, a extracción dunha mostra do tecido intestinal permitirá comprobar o grao de deterioro deste órgano. Esta proba é fundamental para dar coa enfermidade con maior certeza. Outra das alternativas é a proba xenética, que debe ser positiva por mor de que a celiaquía obedece a causas xenéticas.

A diagnose precoz, máis necesaria que nunca

O feito de que moitos afectados ignoren que son celíacos pode facilitar o desenvolvemento doutras patoloxías. Por esta razón é totalmente necesario unha diagnose precoz para evitar outras enfermidades asociadas. A fibromalxia, a fibrose quística, a osteoporose, a dermatite Herpetiforme ou a diabetes son algúns exemplos. O Ministerio de Sanidade establece dez claves para o diagnóstico precoz da celiaquía, entre os que se atopa o estudo minucioso en certos grupos de risco como os familiares de primeiro grao ou o padecemento de diabetes Tipo I, o Síndrome de Downou o Hipotiroidismo.

A enfermidade das múltiples caras

A celiaquía pode aparecer a calquera idade

A celiaquía é un trastorno dixestivo que ocasiona unha intolerancia ao glute. Antes, pensábase que era algo que afectaba exclusivamente a cativos. O certo é que pode aparecer a calquera idade. A tripa é a principal prexudicada, pero tamén pode danar outros órganos. Cantidades microscópicas de glute, como as dunha pinga de fariña, provocan unha resposta inmediata do sistema inmune. Deste xeito, o sistema produce diferentes autoanticorpos que poden atacar ao propio organismo. Así, baixo o consumo de glute, apréciase unha inflamación na mucosa duodenal do intestino delgado.

Os síntomas son tan variados que resultan difíciles de enumerar. Por este motivo a celiaquía é coñecida como “a enfermidade das múltiples caras”. Tradicionalmente, críase que os signos de malnutrición e o retraso do crecemento eran determinantes. Porén, estes trazos non son tan comúns, sobre todo en nenos maiores de dous anos e adultos. A meirande parte dos celíacos sofren, ao menos, pequenas molestias intestinais. Non hai unha clínica común para todos os casos: amósanse dende reiteradas perdas de peso ata obesidade.

A enfermidade materialízase de distinta forma en dependencia na idade. Na infancia aparecen síntomas como vómitos, diarreas fétidas, anorexia, náuseas, irritabilidade, pelo fráxil, distensión abdominal, fallos de crecemento. Xa na adolescencia atópanse algunhas manifestacións como anemia, dolor abdominal, dermatite atópica, artrite crónica xuvenil ou a hepatite. Na adultez pode materializarse en depresión, perda de peso, osteoporose, infertilidade ou cancro dixestivo.

A dieta: o único tratamento posible

Polo de agora, a celiaquía carece de cura. O único tratamento contemplado na actualidade é a dieta sen glute, estrita e de por vida.  Trátase de previr a activación inmunolóxica. Así, axúdase a evitar a aparición de complicacións vencelladas á celiaquía coma o cancro. Esta dieta prohibe a inxestión de alimentos comúns como a avea, o pan e a pasta convencional. A contaminación cruzada, isto é, a presencia do glute dun xeito menos directo, é un dos principais problemas ao que se enfrontan os enfermos nalgúns restaurantes. Actualmente en España non é obrigatorio o etiquetado “sen glute” nos envases dos alimentos.

Hoxe existe un novo método que analiza a presenza de glute nos ouriños

Porén, o intestino adoita tardar entre dous e cinco anos en recuperarse completamente. Os estudos constatan que, a pesar de seguir o tratamento, oito de cada dez celíacos aínda presentan lesión intestinal. Ás veces, o consumo de glute pode pasar desapercibido: é doado cometer erros. Aínda así, ata a data a metodoloxía empregada para avaliar o cumprimento do tratamento non era obxectiva. Proba disto foron as enquisas realizadas aos pacientes. Este ano xa está dispoñible un novo método de uso doméstico que analiza a presenza de glute nos ouriños.

O día Nacional do Celíaco invítanos a reflexionar sobre como as cousas eran antes e como son agora. Ademais, hai unha maior concienciación por parte da sociedade: hoxe dispoñemos dun etiquetado máis eficiente. Cada vez son máis numerosos os establecementos adaptados como as panadarías que optan pola repostería sen glute. Aínda así, quedan moitos aspectos por mellorar, como o prezo dos produtos. Segundo o Informe de Prezos sobre Produtos Sen Glute 2017, unha familia que conte cun membro celíaco gasta de media 1.500 euros máis. A enfermidade aínda non ten cura, pero a investigación segue a avanzar. Proba disto son os tempos de diagnose, que se reduciron notablemente co paso do tempo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.