“En gran medida, o tipo de violencia que vemos contra as mulleres na Antiga Roma é bastante similar á que atopamos a día de hoxe. A diferenza é que non sabemos ata que punto algunhas destas cousas serían consideradas violencia”. Así comeza a súa explicación Helena López, doutora en Historia e investigadora Juan de la Cierva na Universidade de Vigo (UVigo).
Os seus estudos están dirixidos principalmente a explorar a violencia política recibida polas mulleres das distintas familias imperiais en Roma baixo a hipótese de que, ao contrario do que se cre habitualmente, estas tiñan algún tipo de relevancia. “Sempre se nos dixo que as mulleres non tiveron peso político ata a época contemporánea, mais se atopamos numerosas mostras de abuso contra elas na antigüidade, algunha repercusión tiñan que ter“, sinala a investigadora.
Se ben había outras violencias ás que eran sometidas (física, sexual, psicolóxica…), no caso do abuso política a investigadora non ten dúbidas en denominalo violencia de xénero: “Na antigüidade non existían os tests de paternidade. A muller era incómoda porque non podía controlarse a súa capacidade de ter fillos. Se tiña relevancia política podería levar esta capacidade a unha familia distinta á súa propia, polo que era castigada. Ao recibir esta pena por algo específico que elas podían facer, dende o meu punto de vista, é violencia de xénero”. Con todo, aquí tamén entra en xogo o compoñente de clase, posto que son condenas recibidas por “mulleres da familia imperial, da alta aristocracia ou de senadores”. É dicir, cando había algo que perder.
A relevancia política das mulleres
Despois de comezar a súa tese analizando o nacemento do cargo de emperador romano, un proceso bastante longo, Helena López continuou a súa investigación sobre a influencia que tiñan as mulleres da familia no proceso de creación do novo cargo. Mais ter esta relevancia na política tamén as facía vulnerables. “En Roma había unhas leis moi claras contra o adulterio e o tipo de condena que había que aplicarlle ás persoas culpables de cometer este delito. No caso das mulleres da familia imperial vemos que é moi habitual que acaben sendo desterradas a unha illa baixo esta acusación”, explica.
Isto, que podería tratarse dunha sentenza sen máis transcendencia, agocha algo máis, segundo palabras da historiadora: “Algúns investigadores, acudindo ás mesmas fontes que utilizo eu, entenden que se trata de mulleres incómodas, que quizais trataran de conspirar en contra dos emperadores, e isto levaba a que as desterraran, poñendo como escusa o adulterio. Eu non me meto niso porque é moi difícil saber ata que punto é certa unha condena do pasado. Con todo, se extraemos os datos brutos dos tipos de sentenzas, vemos que hai certos momentos históricos onde esta acusación é máis común“.
Así, a hipótese da investigadora é que cadran con períodos nos que as mulleres tiñan unha relevancia política superior ao que as fontes deixan ver. “É tan habitual que as familia imperial acaben coa mesma condena e polo mesmo delito que che fai sospeitar de por que acontece”, sinala.
De Julia a Agripina
Este foi o caso de Julia (39 a. C.–14 d. C.), a filla do emperador Augusto, fundador do Imperio Romano e o primeiro en exercer este cargo. O seu pai tomou a decisión de desterrala á illa de Pandataria (actual Ventotene) no ano 2 a. C.. “Foi acusada de ter relacións extramatrimoniais con moitos homes da nobreza. Danse algúns nomes para que a persoa que lera o que acontecera se dese de conta de que realmente eran coñecidos, mais tamén se deixa o texto aberto para deixar a libre interpretación cantos eran ‘moitos'”, relata López. Outra vítima destas acusacións foi Agripina a Maior (14 a. C.–33 d. C.), nai de Agripina a Menor (esposa do emperador Claudio) e de Calígula. Esta foi desterrada á mesma illa, onde acabou morrendo.
Grazas á relevancia destas mulleres, é común que estas historias aparezan recollidas e documentadas, mais non sempre é doado diferenciar os feitos da información falsa. “A día de hoxe, cando se supón que acontece algo coa familia do presidente, aparece en todas as noticias. Na Antiga Roma acontecía o mesmo. Se a muller máis importante do Imperio era desterrada a unha illa sen unha clara explicación, moitas veces ademais coa orde de executalas, era doado que os historiadores o rexistraran porque era algo relevante. Mais, loxicamente, toda a información á que puideran acceder estaba tremendamente controlada pola propaganda imperial, polo que realmente as explicacións que vemos son aquelas que á familia imperial lle interesaba que a xente crera”, explica López.
O que non se recolle
Un exemplo do nesgo que había á hora de rexistrar determinadas informacións é o dos embarazos. Por norma xeral, todo aquilo relacionado coas mulleres non era de interese para os historiadores. Con todo, con motivo da celebración dun congreso sobre a xinecoloxía na antigüidade, Helena López preguntouse se isto acontecería tamén no caso das mulleres que daban a luz a futuros emperadores: “Os historiadores, sobre todo, céntranse en acontecementos políticos. E como, en teoría, as mulleres non poden participar deles, non aparecen moito. Eu pensaba que, sendo nais de gobernantes importantes, isto podería levar a que apareceran algo máis, considerándoo como un acontecemento político. A realidade é que non”.
A investigadora foi quen de atopar algunhas referencias, por exemplo, ao nacemento de Augusto: “Dise que a muller foi a unha vixilia no templo de Apolo, espertando á mañá seguinte cunha mancha no seu corpo con forma de serpe, o animal do deus. Pouco despois diso, soubo que estaba embarazada e aos nove meses naceu o neno. É o que se chama omen, a narrativa que vai indicando que esa persoa vai ser importante nun futuro”. Con todo, López non dubida ao afirmar o seguinte: “Aínda tratándose de emperadores e emperatrices, aos historiadores da antigüidade seguía sen interesarlles demasiado o relativo á vida das mulleres“.
Un cambio de paradigma
As estatuas públicas eran representacións pagadas polas arcas do Estado, polo xeral de homes que gañaran unha batalla importante ou que tiveran unha gran relevancia no corpo do goberno. As mulleres, ao non dirixir exércitos nin ter a posibilidade de ser maxistradas, non eran obxecto desta forma de veneración. Cando menos, na época republicana. “Cando apenas acababa de chegar ao Imperio e Augusto se atopaba nun momento bastante primixenio do seu goberno conseguiu que a súa irmá e a súa muller foran representadas en estatuas públicas. A partir dese momento comezamos a atoparnos con moitas estatuas de mulleres, tanto dentro como fóra de Roma”, explica López.
Se ben se descoñece ata que punto isto provocou un cambio no estatus extraoficial das mulleres, deixa entrever que o houbo. “Nunca ía haber un cambio oficial, mais é un recoñecemento de que as mulleres, ao estar cerca do emperador e ter acceso directo a el de maneira diaria, tiñan unha influencia. Poderían aconsellar ou intervir a favor de terceiros. Non sería estraño que unha persoa importante, como un senador, fora ao palacio e, ao non poder falar co emperador, falara coas mulleres da casa. Sería como facer unha petición de maneira indirecta a través delas“, sinala.
A polémica polo cambio de status
Un exemplo deste cambio de status vese nas críticas que recibía o emperador Claudio: “Sempre se dicía que era manexado polas súas mulleres, especialmente Mesalina primeiro e Agripina despois. Dicíase que eran elas as que concedían as maxistraturas, os consulados e os gobernos provinciais. Hai que ter coidado e non tomarse as cousas ao pé da letra, porque realmente era unha crítica ao goberno de Claudio, mais non deixa de ser un recoñecemento do poder extraoficial”.
Nestes momentos, López ten un libro en proceso de edición que publicará na Universidade de Vigo sobre a súa investigación arredor do impacto das mulleres no proceso de creación do cargo imperial.
Totalmente de acordo, as mulleres non deberian ser usadas como obxectos, todos temos os mesmos dereitos, por desgraza non e asi, non se trata igual as mulleres ca os homes e aunque xa non estamos tan atras como conta nesta noticia non e xusto, todos e todas deberiamos poder ter os mesmos dereitos poder facer as mesmas cousas e sobre todo non pensar que as mulleres somos inferiores aos homes, nin moito menos tratalas como tal.