AMS-LAB, Ventilatio Lab e MetBioCat reciben os IX Premios GCiencia Galicia Spin-off  

Os galardóns, que celebran a súa novena edición, foron entregados nun acto no Pazo de San Roque en Santiago

Os gañadores da IX edición dos Premios GCiencia Galicia Spin-off recolleron este venres os seus galardóns nun acto celebrado no Pazo de San Roque de Santiago. As empresas AMS-Lab e Ventilatio Lab recibiron os seus premios como gañadoras nas categorías Selo de Calidade e Idea Emerxente, respectivamente, mentres que na categoría de Grupos de Investigación o gañador foi MetBioCat, da Universidade de Santiago (USC). O evento conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Universidades, Unirisco e Gadis. 

O acto foi presentado pola xornalista de GCiencia Laura Filloy, quen na apertura do mesmo destacou que a entrega de premios coincidía casualmente coa conmemoración do nacemento de Marie Curie, a científica máis recoñecida da historia. Filloy fixo referencia á necesidade de fomentar a vocación científica entre as mulleres e destacou que as nenas necesitan o exemplo de mulleres científicas coas que se poidan identificar. 

Publicidade

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, pechou o evento cun discurso no que falou sobre a necesidade de construír un ecosistema que permita partir da ciencia básica para despois chegar á ciencia aplicada e finalmente chegar á creación de empresa con base no coñecemento científico e tecnolóxico.

Rodríguez sinalou que dende a Xunta se está a traballar no deseño dun instrumento que permita facilitar aínda máis a chegada do investimento privado ás empresas que nacen cunha base científica e que necesitan máis posibilidades para o seu desenvolvemento. “Traballar pola ciencia e o coñecemento é traballar polo ben de Galicia”, concluíu o conselleiro. 

Publicidade

Intervencións dos premiados

Por parte dos premiados, Jorge Mira, representante de Ventilatio Lab, agradeceu ao propio conselleiro por ser o “pai intelectual” da idea que permitiu poñer en marcha a empresa. Mira agradeceu o traballo de todos os investigadores que permitiron a posta en marcha da spin-off da USC, con mención especial para os outros dous fundadores da compañía, Alberto Pérez Muñuzuri e Alberto Otero Cacho. 

Laura Filloy, xornalista de GCiencia, presentando o acto.

Manuel Lolo, CEO de AMS-Lab, agradeceu a GCiencia a concesión do galardón e ao xurado e destacou que a idea coa que se creou a compañía en 2008 era demostrar que dende Galicia se pode facer ciencia e non é necesario saír da comunidade para conseguilo. “O máis gratificante é ver a importancia do grupo co que contamos actualmente despois de iniciar un proxecto coa idea de dous investigadores”, indicou. 

Finalmente, José Luis Mascareñas, director do grupo de investigación, MetBioCat, destacou a importancia da investigación básica e a necesidade de traballar na investigación con equipos multidisciplinares e con xente “con curiosidade e implicada no que se está a facer”. Ademais, tivo palabras de eloxio para GCiencia, “unha plataforma que se preocupa tanto pola difusión de contidos científicos como pola formación do público que a sigue”. 

Traxectoria dos gañadores

Na categoría Selo de Calidade, que premia as iniciativas empresariais cunha traxectoria destacada na aposta pola innovación e a investigación, o premio foi para o grupo AMS-Lab. Xurdiu en Lugo no ano 2008 e foi fundado como spin-off por un grupo de químicos da Universidade de Santiago. Actualmente, o grupo conta cunha serie de empresas biotecnolóxicas especializadas en solucións analíticas en distintos sectores. 

No apartado de Idea Emerxente, que premia as empresas ou iniciativas innovadoras desenvolvidas nos dous últimos anos, a gañadora foi a spin-off da USC Ventilatio Lab, unha compañía que aplicou unha innovadora tecnoloxía de simulación CFD (Dinámica de Fluídos Computacional) para analizar e controlar o comportamento do aire en espazos interiores e exteriores. 

Na categoría de Grupos de Investigación o galardón foi para o grupo MetBioCat, pertencente ao centro CiQUS da Universidade de Santiago, que conta co catedrático de Química Orgánica da USC, José Luis Mascareñas como investigador principal. Ao longo da súa traxectoria rexistrou 26 patentes e foi quen de obter financiamento para investigacións por valor de catro millóns de euros. 

Xurado de prestixio

O xurado dos Premios GCiencia Galicia Spin-off estivo composto nesta edición pola investigadora do IDIS Cintia Folgueira, a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnoloxía Universitaria da Xunta de Galicia, Irene Bonome; o director de Investimentos de Unirisco, Pablo Mosquera; o director de I+D de Mestrelab, Carlos Cobas; e o presidente do clúster Bioga, José Manuel López Vilariño. Tamén tivo voz o director de GCiencia, Pablo López, malia que sen voto.

Os Premios GCiencia Galicia Spin-off distinguen dende o ano 2015 ás empresas e grupos de investigación máis innovadores e que destacan polo emprego da investigación para desenvolver os seus produtos e servizos. Entre as empresas e grupos galardoados nos últimos anos atópanse Alén Space, Mestrelab, Hifas da Terra, o grupo BioFarma da USC ou Laboratorio de Bases de Datos da UDC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns

Ventilatio Lab, solucións científicas que veñen polo aire

A spin-off da USC foi a gañadora na categoría Idea Emerxente dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off

Por que as tardes comezan a alongarse antes do solsticio de inverno?

A partir do 8 de decembro, a combinación da inclinación do eixo terrestre e da órbita irregular da Terra fai que os días comecen a medrar