A asma, un factor que pode agravar os problemas podolóxicos e o risco de caídas

Unha investigación do podólogo galego Roi Painceira recolle as evidencias a partir dunha mostraxe realizada no Hospital de Ferrol

Podería parecer que a asma e os problemas podolóxicos e outros riscos asociados, como a probabilidade de padecer caídas, non gardan moita relación. Porén, o vínculo constátao un traballo realizado por Roi Painceira (San Sadurniño, 1991), colexiado do Colexio de Podólogos de Galicia (Copoga) e que recentemente presentou a súa tese de doutoramento na Universidade da Coruña. Painceira explica que as diferentes alteracións fisiolóxicas provocadas pola asma (da que este 4 de maio se conmemora o seu Día Mundial), así como a intervención dos fármacos utilizados para o seu tratamento, poden xerar un mecanismo de sensibilización do sistema nervioso central que, á súa vez, pode producir alteracións musculoesqueléticas e sensoriais, que son as que finalmente terminan xerando alteracións podolóxicas.

A tese, titulada “Impacto da asma relacionada coa calidade de vida, dor e mobilidade relacionada coa saúde dos pés en pacientes adultos”, levouse a cabo na área de Alergoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, coa colaboración da doutora Vanesa García Paz, experta en asma e alergoloxía, e foi dirixida polos profesores Daniel López e César Calvo. Presentouse na Universidade da Coruña e recibiu a cualificación de sobresaliente cum laude e mención internacional.

Publicidade

Roi Painceira explica que a asma non só produce malestar no sistema respiratorio, senón que tamén causa alteracións noutros sistemas do corpo humano, como é o caso dos pés. Ata agora, a pesar da alta incidencia desta patoloxía na poboación mundial con 300 millóns de persoas en todo o mundo, segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), non existía bibliografía que abordase a relación entre esta patoloxía e a saúde dos pés. Por iso, Roi desenvolveu a súa tese en tres estudos diferenciados.

O podólogo explica que no primeiro dos estudos abordouse o impacto da asma no limiar da dor na rexión anatómica do pé e o nocello, así como tamén os niveis de kinesofobia (medo ao movemento debido á dor). O segundo estudo avaliou a influencia desta patoloxía no rango de mobilidade articular e a taxa de caídas. E finalmente, a terceira parte da tese centrouse en avaliar a repercusión da asma na calidade de vida relacionada coa saúde do pé.

Publicidade

En base aos resultados obtidos na investigación, Painceira explica que os pacientes diagnosticados de asma poden presentar limitacións da mobilidade articular (articulacións do nocello e metatarsofalánxica), un maior risco de sufrir caídas, un incremento da mecano-sensibilidade á dor e unha diminución da calidade de vida relacionada co pé. “Os pacientes asmáticos teñen un limiar da dor á presión máis baixa, un rango de flexión dorsal do nocello e a primeira articulación metatarsofalánxica limitada, polo que o empobrecemento da calidade de vida relacionada co pé neste grupo de pacientes é máis vulnerable”, indica Painceira.

En canto aos consellos podolóxicos para os pacientes con asma, o doutor destaca que é moi importante que o paciente teña un bo control da súa enfermidade de base, neste caso a asma. De forma máis específica e a nivel podolóxico, considera que é fundamental que estes pacientes realicen revisións podolóxicas periódicas co obxectivo de detectar posibles alteracións, e así poder previr as diferentes patoloxías asociadas.

Segundo destaca o agora doutor, “é importante que a comunidade podolóxica contribúa a aumentar o coñecemento científico para así mellorar o labor asistencial”. Animado pola aceptación da súa tese, Roi Painceira sinala que actualmente está a traballar nunha investigación no que se abordará o impacto da asma sobre a postura e as presións plantares. Doutra banda, lembra que tamén abriron unha nova liña de investigación sobre o impacto na saúde dos pés de diversas patoloxías respiratorias.

A asma é unha afección pulmonar que se asocia cunha menor resposta dos bronquios. Aínda que non é transmisible, si prexudica de maneira notable a calidade de vida dos pacientes asmáticos.


Referencia: Impacto da asma relacionado coa calidade de vida, dor e mobilidade relacionada coa saúde dos pés en pacientes adultos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As alerxias alimentarias asócianse a un menor risco de infección por SARS-CoV-2

Un estudo realizado polos Institutos Nacionais de Saúde dos Estados Unidos demostra que teñen un risco 50% menor de contraer o coronavirus

As doenzas nos pés empeoran a calidade de vida dos pacientes crónicos de ril

Un estudo con participación da Universidade da Coruña constata que o problema dificulta a actividade física e afecta máis ás mulleres

Unha vacina experimental contra a asma alérxica amosa bos resultados en ratos

Un equipo de investigadores franceses dá os primeiros pasos cara aos ensaios clínicos en humanos fronte a unha doenza que sofren 340 millóns de persoas

Unha enorme Lúa tras o Teide

A Nasa escolle un espectacular vídeo do astrofotógrafo Daniel López como a imaxe astronómica do día