As doenzas nos pés empeoran a calidade de vida dos pacientes crónicos de ril

Un estudo con participación da Universidade da Coruña constata que o problema dificulta a actividade física e afecta máis ás mulleres

Un grupo multidisciplinar composto por científicos das universidades de Extremadura, Málaga, Complutense, Castilla-La Mancha e A Coruña publicou recentemente un estudo no que se constata como as enfermidades nos pés empeoran a calidade de vida das persoas que padecen enfermidade renal crónica (ERC), un conxunto de doenzas heteroxéneas que afectan á estrutura e función do ril. Entre os asinantes está o profesor Daniel López da Facultade de Enfermaría e Podoloxía da universidade coruñesa.

Os pacientes con esta patoloxía sofren cadros clínicos derivados desta doenza crónica, con repercusións nos seus membros inferiores como cambras musculares, edemas en pés e nocellos e dores, entre outros, que afectan negativamente á calidade de vida. “Por iso, o control dos pés e a boa saúde son esenciais nas persoas que presentan ERC, xa que son os que nos permiten camiñar e desprazarnos; e a evidencia científica demostrou que camiñar é a actividade preventiva máis eficaz para controlar e optimizar as enfermidades crónicas e transmisibles, así como para mellorar o estado físico, mental e social do paciente”, segundo explica o profesor da UDC Daniel López.

Publicidade

A investigación realizouse en 101 pacientes de clínicas de diálise das cidades de Plasencia, Coria e Badajoz, e revelou que a poboación con enfermidade renal crónica ten problemas nos pés que afecta negativamente á súa calidade de vida. Neste sentido, Patricia Palomo, investigadora do Centro Universitario de Plasencia, engade que “teñen máis dor, maior dificultade á hora de calzarse e problemas na elección dos zapatos, o que repercute na funcionalidade do pé, que se ve diminuída”. Da mesma forma, estes suxeitos presentan úlceras, entumecemento, cambras, picadas ou sequidade cutánea. Estas doenzas repercuten na incapacidade para realizar actividade física, a falta de enerxía e o cansazo, segundo explicaron os investigadores

Problema máis grave en mulleres

Ademais, a investigación tamén revelou diferenzas por sexos. Ricardo Becerro de Bengoa Vallejo e César Calvo Lobo, profesores e investigadores da Facultade de Enfermería, Fisioterapia e Podoloxía da Universidade de Castilla-La Mancha, salientan que a calidade de vida relacionada coa saúde en relación á actividade física e ao vigor das mulleres que padecen ERC “parece verse máis deteriorada con respecto aos homes que sofren esta patoloxía crónica”.

Publicidade

Para Palomo, “é necesario coñecer o estado do pé en suxeitos con esta enfermidade, así como o coidado que realizan nos mesmos pois é fundamental establecer estratexias de promoción e prevención da saúde podiátrica que melloren a calidade de vida destes pacientes”.

 


Referencia: Impact of chronic kidney diseases in feet health & quality of life: A case-series study (Publicado en Journal of Tissue Viability).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como afectan as chuvias extremas á contaminación na ría de Arousa?

Un modelo da UDC simula a viaxe dos refugallos ata o mar e estuda como as precipitacións intensas axudan no proceso

Un equipo da UDC analiza con láser a contaminación das pontes de Praga

Unha alumna procedente da República Checa realiza a súa tese na institución galega con vistas a futuros procesos de restauración

Un equipo da UDC patenta un sistema pioneiro que mide a postura vertebral en tempo real

Investigadores do CITENI crean unha tecnoloxía non invasiva e de baixo custo para mellorar o diagnóstico e tratamento das doenzas da columna

A toxoplasmose é un factor de risco para o envellecemento inflamatorio nos maiores

Un estudo da UDC demostra que as persoas cunha resposta de anticorpos máis forte á infección tiñan máis probabilidades de ser fráxiles