Ramón Núñez, premio de Divulgación Científica da RAGC

A Academia recoñece a “ampla e frutífera” traxectoria do que foi o artífice da creación dos Museos Científicos Coruñeses

A Real Academia Galega de Ciencias anunciou ese venres a concesión do Premio RAGC de Divulgación Científica 2021 a Ramón Núñez Centella, considerado o promotor da nova museoloxía científica en España a través dos Museos Científicos Coruñeses. Núñez Centella foi un dos principais artífices do nacemento da Casa das Ciencias (1985), a Domus (1995) e o Aquarium Finisterrae (1999). A Academia recoñece deste xeito a súa “ampla e frutífera” traxectoria no eido da divulgación científica en Galicia, e en particular, o seu traballo pioneiro na creación de museos de carácter científico na comunidade galega e noutras rexións de España.

“Recibir este premio faime sentir emocionado e sumamente agradecido”, manifesta o galardoado, segundo informa a RAGC. Núñez Centella considera que é, quizais, o recoñecemento máis importante que tivo na súa vida profesional. Destaca tamén o valor que para el ten a RAGC, institución que tivo entre os seus fundadores persoas que foron mestres ou referentes na súa xuventude, como Luis Iglesias, Enrique Vidal Abascal, Isidro Parga Pondal ou Domingo García Sabell. “Síntome orgulloso de que a socialmente imprescindible profesión de educador da ciencia sexa recoñecida por unha institución do prestixio da RAGC”, declarou.

Publicidade

Ramón Núñez Centella (A Coruña, 1946) é divulgador científico, fillo, neto e bisneto de mestres. Mudou a súa orientación profesional da industria química á educación das ciencias e logo á divulgación e mais á museoloxía.

É licenciado en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Master of Arts en Educación das Ciencias pola New York University (NYU). Concibiu e deseñou os tres museos científicos coruñeses de titularidade municipal: Casa das Ciencias, Domus (Casa do Home) e Aquarium Finisterrae (Casa dos Peixes), creados e financiados polo Concello da Coruña, desde a súa creación ata 2008.

Publicidade

Posteriormente realizou o Plan Museolóxico do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología de España (MUNCYT), que se inaugurou na Coruña, e dirixiuno ata 2013. Tamén participou no deseño museolóxico doutros centros, como o Museo de las Cièncias de Valencia e o Museo de la Evolución Humana en Burgos. Está considerado como o impulsor da nova museoloxía científica en España.

Moncho Núñez é director e autor do guión de decenas de exposicións e programas de planetario. Alén do seu labor en museos, contribuíu á educación e divulgación da ciencia con centenares de artigos en prensa, sendo colaborador habitual en diversos medios de comunicación, como a revista Muy Interesante. Tamén fixo divulgación científica en programas de radio e televisión e outros formatos.

Ademais, participou en numerosas conferencias en todo o mundo sobre museoloxía, divulgación, didáctica das ciencias, xornalismo científico e historia da ciencia. É autor de libros como “Nombres Comunes, Visiones Propias“, “Esta es mi gente” ou “Un científico en la cocina”. Foi Premio Nacional de Periodismo Científico e membro, entre outras institucións, da Asociación Española de Comunicación Científica, da Academia de Gastronomía de Galicia, da New York Academy of Sciences e da Royal Institution. Ten, entre outros, o premio Mario Bohoslavsky (2000), e o premio de divulgación JM Savirón (2009).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gumersindo Feijoo: “Os nosos fillos e netos vivirán menos se abandonan a dieta atlántica”

O catedrático de Química da USC e director científico do CRETUS ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

Xurxo Mariño recibe o Premio de Divulgación da RAGC: “A cultura científica contribúe nunha cidadanía crítica”

O galardón recoñece o labor do investigador da Universidade da Coruña, que leva máis de tres décadas difundindo coñecemento científico dende Galicia

Consecuencias da invasión

A ameaza dunha alga asiática que xa está en Galicia

Un fármaco para recuperarse tras un ictus e unha tecnoloxía de selado de latas, Premios á Transferencia

Os galardóns que outorgan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación premian un grupo do IDIS e outro da UVigo