Venres 29 Marzo 2024

A fin da máscara obrigatoria no exterior xa ten data: sábado 26 de xuño

Un Consello de Ministros extraordinario que se celebrará o vindeiro xoves 24 de xuño dará luz verde ao que será un novo, pero moi relevante paso, agardado pola cidadanía para comezar a albiscar a fin da pandemia da Covid-19. Segundo anunciou este venres o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, o sábado 26 de xuño a máscara deixará de ser obrigatoria en espazos ao aire libre.

Quedan pendentes, por agora, as posibles excepcións nas que siga vixente a obrigatoriedade, como por exemplo algunhas actividades colectivas nas que se podería seguir esixindo o uso de máscara. Porén, segundo recolle El País, os documentos técnicos nos que están a traballar o Goberno e as comunidades autónomas cinguen este novo paso aos momentos nos que sexa posible manter a distancia de seguridade de 1,5 metros con persoas alleas á burbulla social máis próxima. Todo apunta a que, por agora, o uso da máscara manterase no resto de supostos nos que podería haber risco de transmisión do SARS-CoV-2, como espazos pechados e nos que concurra un importante número de persoas en superficies reducidas en actividades sociais, laborais ou académicas, entre outras.

Publicidade

O levantamento da obriga no uso de tapabocas pasa pola derogación do artigo 6 da lei aprobada en marzo deste ano, de “medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19”. Esta norma obriga ao uso da máscara na “vía pública, espazos ao aire libre e calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público” e diversos medios de transporte.

Esta norma eximía do uso desta protección a persoas con enfermidades que poidan verse agravadas polo uso da máscara, en actividades incompatibles, pola súa natureza, co uso da máscara ou na práctica deportiva ao aire libre. Porén, neste último punto, a normativa é máis estrita en Galicia, onde se obriga ao seu uso no caso de concorrencia con outras persoas.

Mais diante da mellora na situación epidemiolóxica, que nas últimas semanas coloca xa a Galicia nos niveis de “baixo risco” (menos de 50 casos/100.000 habitantes a 14 días) a consellería de Sanidade traballa desde hai semanas na documentación técnica precisa para dar o paso en determinadas situacións, como os paseos no exterior en áreas con escasa presenza de persoas ou nos que conviventes vaian soas. Estes detalles poderían avanzarse a próxima semana, xa que se tratarán no comité clínico do martes 25, xunto ao outras medidas coas que avanzar na ‘desescalada’. É probable, con todo, que a incidencia do virus leve a retrasar a medida nalgunhas comunidades como Andalucía, con 180 casos a 14 días por cada 100.000 habitantes.

España será, deste xeito, un dos últimos países en dar un paso relevante na superación da fase máis aguda da pandemia. Este xoves 17 entrou en vigor a medida en Francia. Portugal, Italia e Grecia son os outros dous países que manteñen a lexislación máis estrita no uso de cubrebocas. Na meirande parte dos países, a normativa foi máis laxa, e o uso xa non era obrigatorio en espazos exteriores, aínda que si se mantén a obrigatoriedade, na maioría dos supostos, en áreas pechadas. Con todo, a medida que as taxas de inmunización medran, as restricións continúan relaxándose.

No caso de España, as previsións do Goberno sitúan a 15 millóns de persoas inmunizadas contra a Covid-19 nos vindeiros días. Do mesmo xeito, a incidencia acumulada continúa a súa progresiva baixada, e xa se estabilizou por baixo dos 100 casos/100.000 habitantes nos últimos 14 días. En Galicia, máis do 36% da poboación ten a pauta completa, e máis da metade dos habitantes (53%) recibiu polo menos unha dose. A incidencia rolda os 40 casos/100.000 habitantes a 14 días.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia

Un equipo galego deseña un sistema para detectar o ARN do coronavirus

Tamén presentou avances en novas ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) capaces de acelerar o desenvolvemento de fármacos