Sen apelar á alarma, pero si á precaución. Así acollen desde o proxecto COVIDBENS, que analiza a presenza do SARS-CoV-2 nas augas residuais da área metropolitana da Coruña, a detección da variante Delta, tamén coñecida como B.1.617.2. Nas últimas semanas, a análise xenómica das mutacións do coronavirus nas augas que chegan á depuradora coruñesa están a constatar unha presenza crecente da variante atopada nun primeiro momento na India, que xa é maioritaria noutros países como o Reino Unido.
A científica Margarita Poza, coordinadora do proxecto, explica que o rastrexo das augas residuais permite, polo momento, observar fragmentos do ARN do virus nos que se analizan as mutacións máis características. As porcentaxes non se poden extrapolar á proporción na que esta variante está a circular na poboación. Para isto, avanza, “estamos a desenvolver un algoritmo que nos permita afinar estes datos”.
Detección primaria das mutacións, non das variantes
Tal e como se expón na páxina web do proxecto, o equipo de COVIDBENS, composto por persoas expertas en microbioloxía, enxeñaría informática, industrial e de camiños, matemáticas, química ou bioloxía, realiza desde abril deste ano a vixilancia das variantes de interese do SARS-CoV-2.
Mientras la vacunación sigue en ascenso, el virus circula entre los vacunados sin hacer daño y la variante india DELTA B.1.617.2 irrumpe 🇮🇳 aquí. #COVIDBENS: ALERTA TEMPRANA
VACÚNATE @Carlos_Lamora@Noelia_NT @susanaladra @RicardoCaoAbad @Juan_Vallejo_ @SRumboFeal @handleitwithK pic.twitter.com/gvSSNjsRta— Marga Poza #MakeArtNoWar #SaveForest/Ocean (@margapoza) June 18, 2021
Neste traballo estanse a buscar unhas 80 mutacións de vixilancia recomendada, de acordo aos criterios do Centro Europeo de Control e Prevención de Enfermidades (ECDC). Destas, na última semana atopáronse 39 na EDAR de Bens. Estas mutacións non son equivalentes a cada unha das consideradas variantes de preocupación ou interese (VoC e VoI), xa que pode haber diversas mutacións que se corresponden coa mesma variante; por exemplo, hai varios cambios no xenoma do SARS-CoV-2 que son característicos da B.1.1.7, coñecida como Alfa, e observada nun primeiro momento no Reino Unido. E viceversa: unha mesma mutación pode ser representativa de dúas ou máis variantes distintas. Isto é o que acontece, segundo explica Margarita Poza, coa variante Delta, que comparte mutacións coa B.1.621, observada nun primeiro momento en Colombia. Esa mutación, coñecida como S:D950N, ten unha frecuencia do 15,6%. As diversas mutacións atribuídas á Alfa están por riba do 70% en todos os casos.

Con estes datos na man, Margarita Poza advirte que “a desescalada podería perigar un pouco, xa se está vendo no Reino Unido ou Portugal, onde a variante Delta é predominante. Seguramente aquí acabe pasando o mesmo, porque xa se ve que ten un certo efecto nunha maior transmisibilidade. Pero iso non significa que provoque necesariamente un aumento importante de casos”.
Neste sentido, Poza fai referencia á necesidade de manter o ritmo de vacinación, e que unha parte importante da poboación teña a pauta completa. “Hai estudos en revisión no Reino Unido nos que se ve que a inmunidade despois da segunda dose contra a variante Delta é moito maior cá primeira. Por iso é esencial, aínda máis se cabe, que a xente complete a pauta canto antes, porque temos moita xente sen vacinar aínda, sobre todo entre a máis nova. E estamos vendo que está indo menos xente a recibir a vacina a medida que descende a idade”.
Coa detección da variante Delta nas augas que chegan a BENS, o proxecto de investigación liderado por Poza volveu anticipar a alerta temperá na vixilancia epidemiolóxica do SARS-CoV-2, que xa se notificou en datas pasadas á Consellería de Sanidade. O proxecto acaba de ver renovado o financiamento por parte da EDAR Bens para continuar co traballo de rastrexo da Covid-19 nesta estación depuradora, que recolle as augas dunha poboación de preto de 400.000 persoas da área metropolitana coruñesa.
Na comparecencia dos responsables sanitarios galegos o pasado mércores, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, avanzou que en Galicia se confirmaran 23 casos da variante Delta. Boa parte deles cinguíanse a tripulacións de barcos que chegaron ao porto de Vigo. Porén, todo apunta a que a maior transmisibilidade e ‘éxito’ da variante podería convertela en vindeiras semanas na dominante. Mais por agora, a nivel estatal, a última actualización do Ministerio de Sanidad situaba a súa frecuencia por baixo do 1% no caso dos positivos secuenciados.
Máis información sobre a vixilancia das variantes, na páxina web do proxecto COVIDBENS.