O consumo de anguía en Nadal reabre o debate: “Hai que parar. Non se pode seguir pescando”

O investigador do IEO da Coruña David J. Nachón advirte da delicada situación das crías no río Miño, o único enclave de Galicia onde se poden capturar

Un quilo anguía europea (Anguilla anguilla) custou 643,43 euros de media en decembro nas lonxas galegas. É un prezo desorbitado que só poden pagar os petos máis adiñeirados. A cría desta especie, denominada meixón, cotízase aínda máis. E o Nadal, con comidas opulentas de familia e traballo é unha das épocas clave para o seu consumo. A polémica está servida, sobre todo tras as declaracións do cociñeiro vasco Andoni Luis Aduriz na súa conta de Instagram, na que critica abertamente a compañeiros de profesión que mostran “bacanais completas de cría de anguía” e pide unha reflexión colectiva para evitar a extinción dunha especie en grave perigo.

A opinión de Aduriz, da que se fixo eco o xornal El País, reabriu o debate sobre o consumo de anguías e das súas crías, pese a que o Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) leva anos aconsellando o “cesamento completo” da súa pesca. En Galicia, o escenario é moi preocupante, tal e como traslada David J. Nachón, investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO) na Coruña e doutor en Biodiversidade e Conservación do Medio Natural. “A situación en Galicia é extremadamente crítica”, apunta o experto, en alusión ás crías das anguías, que en Galicia só se poden capturar no tramo final do río Miño.

Publicidade

Unha caída de ata o 90%

“A redución do meixón é moi drástica. Rexistrouse unha caída do 75% da produción dende o 2013 ata o 2025. Pasamos de 1.321 quilos a 331,5 en 12 anos”, sostén o experto en peixes migratorios. Se se toma como referencia o ano 1992, a redución é aínda máis acusada, e estaríase a falar dunha diminución do 90% das capturas. “É un descenso alarmante e xeneralizado”, sentenza Nachón. E aclara que, aínda que estes datos proveñen do total de capturas e poden ter certos nesgos, outras ferramentas de monitorización apuntan a unha situación similar noutros puntos de Galicia.

É o caso das anguías no río Ulla, onde a estación itiolóxica do couto de Ximonde tamén estima unha redución de entre o 80% e o 90% dos individuos que pasan por ese punto. Neste caso, Nachón fai referencia á anguía subadulta ou prateada, que nada río arriba para medrar. Pero tamén alude ás anguías amarelas, que baixan polo leito en dirección ao Mar do Sargazos, unha rexión do Atlántico Norte delimitada por distintas correntes oceánicas. De alí volverán saír as larvas de anguía ata entrar por diferentes ríos, como o Miño, en forma de meixón.

Publicidade

A pesca na costa

Os datos que poden destorcer o relato son as capturas de anguías nas costas da ría de Arousa, de Vigo, de Ferrol e de Muros e Noia. Segundo explica o investigador do IEO, nestes puntos do litoral galego non se rexistra un descenso tan abrupto como no Miño, onde se pescan as crías. “Nas rías captúranse individuos de distintas idades, dende os dous ata os 11 ou 12 anos. Non se nota tanto o descenso porque se están capturando anguías de diferentes xeracións e a diminución non é tan alarmante”, apunta Nachón. Mais, se non se fai nada por deter a grave situación da especie, os datos tamén serán extraordinariamente preocupantes na costa nos próximos anos.

Un fenómeno multifactorial

“Hai un abrupto declive xeneralizado”, remarca o investigador. Mais detrás desta situación non hai unha única causa, senón que se trata dun fenómeno multifactorial. Un dos principais hándicaps para a anguía é a drástica redución do seu hábitat en Galicia dende mediados do século XX. “Diminuíu un 80% dende hai 100 anos”, declara Nachón. Se a comezos do século pasado había sobrepoboación, a construción de grandes presas hidroeléctricas e muíños nos leitos dos ríos confinou as poboacións de anguías a poucos quilómetros do mar. No caso do Miño, dende o encoro de Frieira ata a súa desembocadura. Cando non existían estes obstáculos, sinala o investigador, as anguías chegaban a Lugo e Ourense.

Estas grandes construcións concentráronse entre os anos cincuenta e sesenta, é dicir, en plena ditadura franquista. Era de esperar que unha vez que se freou a súa instalación a poboación de anguías se estabilizase, mais non foi así. Nachón atribúe esta situación á aparición de novas ameazas para a especie, como a introdución nos anos oitenta dun parasito que afecta a vexiga natatoria destes peixes. É un nematodo que procede de Asia e que chegou a Europa froito do comercio de anguía xapónica. “Este parasito non adoita causar mortalidade directa, pero si reduce a calidade de vida. Como se adhire á vexiga, afecta a flotabilidade do peixe e vólvese máis susceptible aos depredadores”, indica.

Da contaminación ao cambio climático

Aos obstáculos nos ríos e ao nematodo asiático hai que sumar diferentes fontes de contaminación orgánica, difusa e de metais pesados, así como o cambio climático. Este fenómeno ameaza con cambiar a corrente de Golfo e as consecuencias poderían ser “nefastas”. “Se isto ocorre, pode que as anguías non acaden tan doadamente as costas europeas. A temperatura do Mar dos Sargazos podería ser maior, igual que nos ríos. Sobrevivirán os individuos que medren antes, pero que talvez non acaden tallas grandes, o que influirá na fecundidade”, sinala Nachón, dentro dunha longa lista de preocupantes consecuencias.

Prohibición da pesca

A última causa da situación da anguía e, por tanto, do meixón, é a pesca. “Nunca houbo unha correcta xestión nin unha adecuación do esforzo pesqueiro á abundancia de poboacións, como si aconteceu con especies comerciais como a pescada e o boquerón”, apunta o investigador do IEO, quen sinala que é un problema que se estende a outros peixes migratorios como o salmón e a lamprea. “Así chegamos a unha situación de auténtica sobreexplotación e moito furtivismo“, engade. E isto acaba xerando unha “espiral de extinción”, tal e como describiron os investigadores Miguel Clavero da Estación Biolóxica de Doñana e Estíbaliz Díaz, do Centro de Investigación Mariña e Alimentaria, nun estudo recente.

“Canto máis diminúen as poboacións máis aumenta o prezo que acada a especie. É un vértice que se non se frea a través dunha moratoria, pode levar á súa extinción irremediable“, alerta Nachón, apoiándose na investigación de Clavero e Díaz. Esta última investigadora é, ademais, a representante legal de España no ICES para a anguía. Precisamente este consello leva uns anos emitindo a recomendación do cesamento total da pesca desta especie; un ditame que traslada á Unión Europea e esta, á súa vez, aos países membros. Mais as actuacións son extraordinariamente dispares, incluso dentro dos Estados. En España, por exemplo, o País Vasco prohibiu este ano a pesca da anguía, pero en Galicia púidose capturar, igual que en Asturias e Cantabria. Tan só rexe a limitación de 30 días de pesca ao ano.

“Hai intereses ocultos, espurios e económicos. Hai todo un aparato de orquestración de argumentos para eludir responsabilidades”, sentenza Nachón. De acordo co ditame do ICES, o investigador do IEO tamén pide o cesamento total da pesca da anguía e, por tanto, das súas crías: “Hai que parar. Non se pode seguir pescando”. E critica a “mentalidade curtopracista” de determinados sectores, que avogan por defender a captura de anguía dentro duns límites establecidos. Nachón considera que o principal argumento esgrimido polo sector da pesca, que é o sostén económico de centos de familias, é en certo modo “demagoxia”. “Sexamos honestos, é a pesca dunha especie en perigo de extinción. Pese aos prezos que acada, non dá para vivir o resto do ano”, asevera.

Conxunto de meixóns. Foto: David J. Nachón
Conxunto de meixóns. Foto: David J. Nachón

Unha polémica que atinxe e moitos sectores

Na publicación de Instagram do cociñeiro Aduriz tamén interviron voces discordantes, entre as que salienta Javier Botana, de Pescaderías Coruñesas e coñecido en redes sociais como “Capitán Agallas”. “Culpar o sector pesqueiro desta situación para min é totalmente inxusto. […] Hai factores moito máis potentes, como son as barreiras de auga, e se non consultade a cantidade de centrais hidroeléctricas que existen, así como a contaminación dos ríos”.

Nachón considera que este argumento “xoga cunha medio verdade” e asegura que no leito principal do Miño xa se fixeron actuacións en diferentes afluentes para mellorar a conectividade lonxitudinal e, así, favorecer o movemento das anguías. Defende este tipo de actuacións e sinala que a demolición de grandes presas, como podería ser a de Frieira, é un proxecto “moi complicado e a longo prazo”, malia que experimentos semellantes en Francia deron grandes resultados. “Cando se actúa sobre a pesca non se actúa sobre o elo máis fácil, senón sobre a vía máis rápida e directa para frear o declive”, apunta.

A gastronomía e a cultura culinaria, di o cociñeiro Aduriz, non poden ser a xustificación para consumir unha especie en perigo crítico de extinción. El pon voz e forma parte da xunta directiva de Euro-Toques, unha organización internacional de cociñeiros. O certo é que Aduriz reabre un debate tan recorrente como necesario, e expón a súa opinión, que coincide directamente coa da comunidade científica. No País Vasco oíron a ciencia e prohibiron a captura de anguías, pero o esforzo ha de ser colectivo, non illado. Nachón advirte: “Urxe tomar medidas”. E non será polos avisos recorrentes dos expertos.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación

Da cosmoloxía moderna á física solar: os congresos que marcarán a semana da eclipse na Coruña

A cidade reunirá durante catro días a investigadores de referencia internacional para abordar as grandes incógnitas do universo e os últimos avances da estrela

⁠⁠A Coruña, entre os puntos de repartición das lentes gratuítas do Goberno para a eclipse total

O Ministerio de Ciencia e o Grupo Social ONCE distribuirán dous millóns de dispositivos visuais certificados para observar con seguridade o fenómeno do 12 de agosto

Da Torre de Hércules ao Castro de Elviña: percorre o patrimonio da Coruña a través da eclipse

O concello sinala 46 puntos privilexiados dende os que se poderá vivir a fase de totalidade do fenómeno astronómico do ano