Sábado 7 Decembro 2024

80 anos da historia de Compostela nas lembranzas dun home de esquerdas

O libro “Pasín. Memoria dunha resistencia” ofrece unha crónica política e social da cidade 

A historia que aparece nos libros esquece moitas veces as persoas anónimas que axudan a escribila. “Pasín. Memoria dunha resistencia”, publicado pola Editorial Alvarellos e escrito polo xornalista José Luis Estévez, supón unha aproximación a preto de 80 anos de acontecementos políticos e sociais ocorridos en Santiago de Compostela. O vehículo elixido é a memoria dunha testemuña privilexiada, o ex concelleiro compostelán Luis Pasín Liñares (Santiago, 1934), un home que viviu dende dentro a loita na clandestinidade contra o franquismo na cidade e que coa chegada da democracia tivo a oportunidade de exercer como edil durante 24 anos.

O autor do libro (esquerda) falando co protagonista do mesmo. Foto: Alvarellos Editora

O libro fai un relato cronolóxico da vida social e política na capital galega dende o final da Guerra Civil ata hoxe. A súa fonte principal de datos e feitos é a memoria de Pasín, un home que xa dende moi novo experimentou os efectos da terrible Guerra Civil na súa familia. Dos dos seus tíos foron executados en Santiago en 1936 polas súas ideas de esquerdas e o seu pai foi preso e tamén estivo condenado a morte, aínda que puido fuxir do tráxico destino dos seus irmáns. O seu avó foi José Pasín Romero, un home de longa traxectoria esquerdista e que tivo que pasar anos fuxido tralo inicio da Guerra Civil.

Publicidade

O autor do libro explica que a súa intención con este proxecto foi a de dar voz e visibilidade a toda unha xeración que viviu en primeira persoa as consecuencias da Guerra Civil. Son homes e mulleres que nas longas décadas do franquismo traballaron e loitaron por sobrevivir e comezar a construír unha nova sociedade para cando chegara a democracia. “O de Pasín é un bo exemplo de como un home que nace nunha familia marcada pola súa traxectoria política logra seguir mantendo vivas esas ideas e loitar, na medida das súas posibilidades, contra a ideoloxía imperante e contra as autoridades franquistas. Pero ao mesmo tempo hai que vivir a realidade cotiá, convivir cos veciños e traballar coa esperanza de que ten que haber un futuro mellor”, indica Estévez.

A traxectoria de Luis Pasín abrangue aspectos moi significativos para entender a evolución social en Compostela na segunda metade do século XX. No libro recóllese con especial atención a militancia política de Pasín no comunismo e no antifranquismo, con episodios como as revoltas universitarias de 1968 ou a loita dos veciños do barrio compostelán de Conxo para evitar unha desfeita urbanística que ameazaba as vivendas de centos de persoas.

Publicidade

Coa chegada de democracia o relato afonda no traballo dunha nova xeración de políticos de esquerdas que chegaban ás institucións e trataban de desmontar os restos do aparato franquista que aínda persistía, ademais de poñer no centro da xestión aos veciños fronte ao que ocorría na etapa anterior. Pasín participou en diversas áreas de goberno e tivo a oportunidade de vivir de preto a vida municipal, tanto con responsabilidades como na oposición.

“Creo que pode resultar moi interesante para os máis novos entender como as persoas doutras xeracións tiveron que loitar moito para conseguir a chegada da democracia. E mesmo tiveron que seguir traballando arreo para que institucións como os concellos tamén mudasen o seu xeito de relacionarse cos cidadáns. Pasín foi un exemplo do esforzo realizado por moitos concelleiros para atender as necesidades dos cidadáns, sen limitacións horarias de ningún tipo. Hoxe en día o seu labor aínda pode verse en cousas como a proliferación de zonas verdes na cidade”, explica o autor do libro.

Un dos obxectivos do libro é o de dar visibilidade a toda unha xeración que viviu en primeira persoa as terribles consecuencias da Guerra Civil e contribuiu a crear a nova sociedade democrática

O libro inclúe unha coidada galería de imaxes na que se aprecia a evolución da cidade ao longo de máis de 80 anos e tamén aparecen destacados persoeiros aos que Pasín puido tratar durante a súa vida entre os que se atopan Rafael Alberti, Fidel Castro, Santiago Carrillo, Isaac Díaz Pardo, Antonio Machín, Emilio Pérez Touriño ou Vicente Álvarez Areces, entre outros. O autor consultou unha ampla bibliografía para complementar o relato histórico feito polo propio Luis Pasín.

O Museo do Pobo Galego de Santiago albergará o vindeiro 24 de xuño a presentación do libro coa presenza, entre outros, do ex alcalde de Santiago, Xerardo Estévez, autor do limiar e tamén protagonista de moitos capítulos do libro xa que foi o alcalde que dirixía o equipo de traballo no que se integrou Luis Pasín a finais da década dos 80 en Santiago.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As covas do Monte Pindo, o refuxio dos disidentes durante a represión franquista

Un proxecto galego recupera a memoria dos fuxitivos da Guerra Civil na Costa da Morte a través de 12 pezas documentais

Un novo relato da Guerra Civil en Galicia: “Nada facía pensar que o golpe triunfaría aquí”

Científicos das tres universidades galegas propoñen un novo relato da guerra e da ditadura baseado na memoria soterrada dos vencidos

As catro veces que o fenómeno se puido ver en Galicia nos últimos cen anos

A primeira do século aconteceu o pasado domingo, pero os ceos cubertos polo paso dunha borrasca atlántica impediron a súa visualización

Arrinca a primeira exhumación de represaliados en Galicia ao abeiro da nova Lei de Memoria

Ademais desta intervención na Capela está previsto que este mércores 23 de novembro comecen as exhumacións en Celanova e Lousame