Venres 19 Abril 2024

As catro auroras boreais que se viron en Galicia nos últimos 100 anos

A primeira do século aconteceu o pasado domingo, pero os ceos cubertos polo paso dunha borrasca atlántica impediron a súa visualización

Non hai rexistros fotográficos e sobran os dedos dunha man para poder contar as veces que se contemplaron auroras boreais dende Galicia. Cando pensamos neste fenómeno véñennos á mente imaxes sorprendentes de Islandia, Noruega ou Finlandia con ceos cubertos de luces verdes brillantes. Non obstante, a península ocupa unha localización complicada para poder velas con facilidade, e sen dúbida non chegan a parecerse como as que forman parte do imaxinario colectivo. A súa apariencia é moito máis difusa, con resplandores vermellos e púrpuras no ceos. Galicia, precisamente, é unha zona aínda máis complexa pola súa climatoloxía, xa que se necesitan ceos completamente despexados para poder contemplalas.

Aínda que teña dificultade, non é imposible. As auroras son propias de zonas polares, pero poden observarse en latitudes máis baixas e en momentos excepcionais. Actualmente, e segundo apunta Pedro Pablo Campo, do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, comeza o tempo das auroras boreais, xa que o sol se atopa na súa máxima actividade. Durante toda a historia, é difícil identificar que episodios de auroras boreais foron reais ou non, xa que algúns ocorreron hai máis de 100 anos e existen lendas populares e baleiros de información ao respecto. É o caso de Vigo, en 1850, cando os veciños saíron asustados á rúa por unhas luces que apareceron no ceo. Existen sospeitas sobre o que puido considerarse unha aurora boreal.

Publicidade

Xosé María Álvarez Blázquez, na súa obra A cidade e os días, escribiu: “Unha aurora boreal é observada na nosa cidade. A media tarde, o ceo e os montes próximos tínguense dunha cor granate intensa, que ocasiona a natural expectación e aínda a alarma da veciñanza. Despois do inusitado fenómeno, o ceo anubrouse. A temperatura era moi baixa”. Aínda que si puido ser real, por aquelas datas ocorreu un acontecemento xeolóxico moi importante que pode estar relacionado coa aparición desas luces no ceo: o nacemento dun volcán, o Cerro Negro, en Nicaragua. A xénese botou á atmosfera toneladas de residuos, cunha grande nube de piroclastos que provocaron que as saídas e as postas de sol en todo o mundo foran dun vermello brillante.

Aurora Boreal durante a Guerra Civil

Ocorreu na noite do 25 ao 26 de xaneiro de 1938. Unha aurora boreal de cor vermella apareceu en toda a península. En Madrid puido verse dende o oeste e pensouse que ardían os montes do Prado. En Lalín os veciños refuxiáronse nas casas. Os máis relixiosos pensaron que se trataba da aparición da Virxe de Fátima ou a premonición dunha Segunda Guerra Mundial. Paco Bellido, no seu blog ‘El beso de la Luna’, recolle testemuñas, unha delas de José Luis Alcofar no seu libro La aviación legionaria en la Guerra Española: O día 25 o bombardeo foi de novo moi intenso. A moral viuse afectada aquel día por unha estraña luminosidade que apareceu polo Tibidabo sobre a que se fixeron as máis estrañas conxecturas e que resultou ser unha aurora boreal, un fenómeno moi raro naquelas latitudes. Un estraño misticismo apoderouse da cidade, falando de milagres e culminando ao día seguinte, cando comezou a correr o bulo de que se chegou a un acordo co Xeneralísimo para que non se repetisen os bombardeos de Barcelona. O optimismo desapareceu o día 30 cando a cidade foi bombardeada tres veces”. 

A Coruña, 21 de xaneiro de 1957

Os científicos do Observatorio da Coruña rexistraron o fenómeno: “Observouse un reflexo moi intenso avermellado con franxas verticais en dirección NNW sobre as 22.20 Z ata as 22.45 Z. Aurora polar2”. Crese que se producen entre tres e catro auroras polares por siglo. Segundo apunta o investigador Pedro Pablo, actualmente é a época de aprecialas nos ceos. A evolución das tecnoloxías permite prever e rexistrar este sucesos dunha maneira moito máis sencilla e efectiva, pero hai que buscar fontes fiables que aporten unha visión científica e estar preparados para capturalas no mellor momento. Por exemplo, fai dous anos houbo dúas falsas alarmas: en 2012, cunha tormenta solar, e en 2015, cando un portal estadounidense chegou a predicir que serían visibles. Finalmente non aconteceu nada.

1989: a aurora boreal máis visible dende Galicia

Foi noticia durante días. A xornalista Alicia Rivera, recolleuno así no xornal El País: “Na madrugada do martes púidose observar no norte de Galicia unha aurora boreal, un fenómeno relacionado coa radiación electromagnética procedente do Sol que non se observaba en España dende hai 50 anos. O fenómeno está relacionado coa gran explosión solar rexistrada o pasado día 9”. José Ángel Docobo, do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller, explicou por aquel entón que tiña unha cor vermella cobriza, semellando a un gran lume, bastante uniforme. “Outras persoas que viron o fenómeno no norte de Galicia comunicáronnos que se apreciaban formas de filamento. Puido observarse toda a noite. O día anterior fortes ventos do norte deixaran o ceo completamente despexado e puidemos ver á aurora, pero á noite seguinte estaba nublado”, comentou.

A primeira do século XXI

Tivo lugar a noite do domingo 23 de abril. Unha borrasca atlántica que entrara o pasado venres cubriu os ceos de nubes e deixou precipitacións en todo o país. Dende o Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller non tiñan ningunha previsión da aparición dunha aurora boreal. O inestabilidade do clima impediu que ningún galego ou galega puidese apreciar unha luminosidade inusual do ceo. A mañá do martes 25 de abril, o Observatorio de Calar Alto, en Almería, compartiu a imaxe dunha aurora boreal de cor púrpura. O xornalista Lorenzo Cordero publicou dende Cáceres unha espectular fotografía que a NASA escolleu como a foto do día. O astrónomo Pedro Pablo explicou que a aurora boreal estivo presente no ceo de Galicia, e así o confirma tras identificar unha masa de aire solar. Porén, as nubes non permitiron apreciala, mais apunta que comeza o tempo de velas e que hai ferramentas dixitais como Space Weather Live onde se poden comprobar os pronósticos das auroras boreais.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204