Galicia avanza na elaboración de guías para unha intelixencia artificial fiable e de calidade

A comunidade autónoma aspira a actuar como banco de probas das tecnoloxías intelixentes dentro da Alianza Ibérica Dixital

Galicia poderá definir mecanismos e elaborar guías para asegurar a calidade e a fiabilidade da Intelixencia Artificial (IA) en aspectos técnicos, modelos e procesamento de datos, segundo sinala o Informe sobre as propostas para a adaptación da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030 (EGIA) aos novos escenarios.

A EGIA2030, que foi presentada no mes de xuño 2021 como un documento vivo e aberto, debe adaptarse en función da evolución da tecnoloxía, e tamén de novos escenarios, como o que resultará da instalación en Galicia da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial.

Publicidade

A revisión debe ter en conta tamén os resultados do estudo promovido pola Xunta e elaborado polas tres universidades públicas sobre o marco ético e normativo necesario para garantir unha IA fiable e humanista, así como as novas necesidades que resultan da creación da Alianza Ibérica Dixital asinada por España e Portugal para reforzar a cooperación e impulsar proxectos dixitais conxuntos.

Marco lexislativo europeo

O estudo das universidades destaca a necesidade de agardar a que estea aprobado o marco lexislativo europeo de referencia e, no seu caso, o seu desenvolvemento estatal, e evitar que o mercado único se fragmente en marcos nacionais potencialmente contraditorios.

Publicidade

Sinala, non obstante, que a comunidade autónoma podería regular xa a utilización das tecnoloxías baseadas na IA polo propio sector público autonómico.

Propón tamén, entre outras medidas, ademais de avanzar na definición de mecanismos e protocolos para asegurar a calidade e fiabilidade, o deseño de accións de formación, educación e divulgación do marco ético cara á cidadanía, a articulación dun plan de formación e certificación de expertos en auditoría de sistemas de IA fiable, ou o deseño dun cadro de indicadores que permita medir, a través de datos demoscópicos, o avance na adopción da IA.

A AESIA promoverá proxectos piloto para verificar en condicións reais a aplicación do marco ético

A AESIA, pola súa banda, facilitará a posta en marcha de proxectos piloto e espazos de proba (“sandboxes”) que permitan verificar en condicións reais a aplicación do marco ético e regulamentario nas aplicacións e servizos baseados en intelixencia artificial.

Galicia, banco de probas da Alianza Dixital Ibérica

No marco da Alianza Dixital Ibérica, Galicia aspira a actuar como banco de probas de carácter transfronteirizo para a supervisión da intelixencia artificial de acordo coas directrices europeas, así como a experimentación con datos en sectores de interese común.

Neste sentido, o informe destaca a necesidade de desenvolver espazos de datos comúns en sectores estratéxicos e de interese público, co obxectivo de superar as barreiras legais e técnicas ligadas á compartición de datos, mediante normas, ferramentas e infraestruturas comúns. As propostas recollidas no informe serán debatidas con todos os axentes do ecosistema -expertos, universidades e os sectores económicos- no marco do nodo galicIA.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Está empobrecendo a IA a linguaxe xornalística (e da sociedade)?

A propagación da IA e o consecuente adestramento doutros modelos con textos sintéticos contribúe a eliminar a diversidade e riqueza lingüística. Por Xosé López-García e Cristian Augusto González Arias

Unha nova ferramenta de IA analiza a microbiota da poboación galega para anticipar enfermidades

Dous investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur crean un novo índice para identificar zonas de actuación prioritaria e apoiar a toma de decisións sanitarias

A Amtega ofrece un catálogo de servizos para unha dixitalización inclusiva nos concellos

A axencia da Xunta ofrece máis de 40 solucións que engloban ámbitos como a administración dixital, a xestión do territorio, a ciberseguridade e a capacitación da cidadanía para a Internet

Madrid adopta tecnoloxía galega para xestionar as súas explotacións gandeiras

Amtega mantense como referente da xestión de recursos agrogandeiros coa sinatura dun novo convenio para ceder o uso de sistemas da oficina virtual de gandería