Martes 30 Abril 2024

As covas do Monte Pindo, o refuxio dos disidentes durante a represión franquista

Un proxecto galego recupera a memoria dos fuxitivos da Guerra Civil na Costa da Morte a través de 12 pezas documentais

O Monte Pindo, fogar de lendas e mitos, é tamén foco das crúas historias que deixou atrás a Guerra Civil. Pouco coñecidos son os ‘agochados’ que atoparon neste olimpo celta —como mencionou Otero Pedrayo no seu día— un refuxio aos males da represión. Ás covas deste macizo granítico situado entre os concellos de Dumbría, Carnota e Mazaricos non só chegaban as xentes dos arredores, senón que pola súa fama, acudían disidentes de lugares máis lonxanos, como Rianxo, Betanzos, Boiro ou Noia. Os fuxitivos tiveron que convivir cos fenómenos naturais da Costa da Morte nas pequenas covas que hai espalladas polo monte: lugares inhóspitos de dimensións inhumanas. Con todo, hai case 90 anos houbo xente que tivo que vivir durante longas tempadas por fuxir do proceso político: algúns estiveron semanas ou meses, aínda que hai quen aguantou 10 anos nestas condicións. O proxecto Espazos da memoria: Monte Pindo, formado por 12 pezas documentais, pretende recuperar esta memoria e facerlle honra no presente.

No 2024, O Pindo deixa de lado o misticismo para converterse nun protagonista en si mesmo. aAntena, unha compañía de artes escénicas que leva o compromiso social e histórico como bandeira, en colaboración coa Deputación da Coruña, produciu os audiovisuais sobre os ‘agochados’. Durante nove meses, o xornalista Ubaldo Cerqueiro e o seu equipo fixeron o traballo de campo necesario para tentar comprender como se vivía esa represión na parroquia, que afectou a toda a súa poboación.

Publicidade

Máis de 40 anos fixeron falta para que saíse á luz un traballo que puxera no mapa este tema. Manuel Gago, xornalista especializado en patrimonio cultural e estudoso do Monte Pindo, denomina a publicación deste documental como “a satisfacción dunha necesidade urxente”. A declaración procede dun feito que tamén corrobora Cerqueiro: aínda que nunca é tarde para dar a coñecer a historia galega, chégase tarde en cuestións de recursos. “Xa non queda ningunha daquelas persoas que tiveron que fuxir ao monte ou algunha das mulleres que educaban en casa”, asegura o xornalista, pois na actualidade xa traballan con segundas e terceiras xeracións a quen lles contaron esta historia. Hai vinte anos, o coñecemento sobre a historia dos ‘agochados’ era máis recente e definido, porque aínda quedaban protagonistas en primeira persoa e familiares.

Deseño das miniaturas do proxecto Espazos da Memoria: Monte Pindo, feito por Alicia Baña (Deseño e web). Foto: captura da peza audiovisual ‘O Pindo: covas’ en YouTube.

Son poucos os que coñecen O Pindo como un espazo arqueolóxico máis aló da súa relevancia no ámbito natural e xeolóxico. “É unha historia moi descoñecida incluso aquí, na Costa da Morte”, di Cerqueiro, pois a historia dos fuxidos era ignota máis aló das fronteiras locais ata a publicación do proxecto. En palabras de Manuel Gago, “o Monte Pindo téndese a romantizar coma un espazo mítico”, pero un dos obxectivos do documental é mostrar ao público o espesor cultural co que conta. A diversidade do Pindo é destacable desde moitas frontes: é un dos poucos montes de Galicia con tres castelos datados da Idade Media e unha das maiores fortalezas de Galicia, o Castelo da Moa. Sen embargo, o documental mostra un “terceiro monte Pindo”, afirma Manuel Gago, que conecta a memoria máis recente co místico e o medieval. Pero, sen dúbida, as covas son un dos grandes segredos que se esconden na pedra. 

Os buracos do olimpo

Foi a poboación local a que máis estudou esta cara oculta do Pindo. Luís Lamela, Modesto García Quintáns e Pepe do Fieiro son, ademais das fontes que conforman este proxecto documental, uns apaixonados deste macizo galego e da historia sobre a represión franquista que nel se materializou.

“Sentarse nunha desas covas e poder pensar que alí tiveron que pasar semanas, meses, incluso anos, mete medo”, asegura Cerqueiro, quen visitou estes lugares para poder documentar a situación dos que alí viviron. A fame e o frío fixeron que tivesen que recurrir á supervivencia para manterse a salvo. Por iso, comezaron a traballar as covas para mellorar a súa estancia: crearon bancos, alxibes de auga e espazos para facer lume.

As covas, según Gago, “para ser exploradas desde un punto de vista científico, teñen que ter un rexistro material”. Pero o que se esconde entre estas pedras é moi fráxil porque foron habitadas por moi pouco tempo. O descubrimento dos rastros que deixaron os fuxidos só se pode determinar a través dunha escavación científica. “O dos fuxidos é unha etapa recente que habería que pór en valor e investigar moito máis sobre ela”, declara Xil Caamaño, presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural, organización colaboradora de Espazos da Memoria. 

As que quedaron á espera

As mulleres foron as grandes figuras da guerrilla antifranquista do Pindo. Elas tiveron que loitar polos seus fogares sen os seus maridos e convivir coa súa fuxida, recibindo malleiras das forzas do poder a cambio do seu silencio por non desvelar o paradeiro dos seus homes. Tamén arriscaban a súa vida subindo aos campos para levarlles comida.

De esquerda a dereita: Lola de Alberte, Olga de Tinto, María da Paloma e Maruja de Selia, as mulleres do Pindo. Foto: Marcos Boedo (aAntena)

Na peza documental titulada Mulleres, Olga de Tinto, María da Paloma, Consuelo do Roquiño, Maruja de Selia e Lola de Alberte protagonizan a historia desde a súa visión como as nenas daquelas casas. Contan de primeira man que, cando había matanza, as familias facían guiso: “un para os da casa, e outro para os do monte”. Elas desafiaron as leis ca fin de manter os ‘agochados’ con vida, cando non sabían se sería a última vez que os verían.

Con todo, elas preguntábanse se era mellor estar na guerra ou no monte, que é a realidade que lles tocou vivir. “É a parte da historia de Galicia que nunca nos contaron”, comenta Cerqueiro, aínda que xa era o momento de facelo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:05

R de Revolta: o autogoberno irmandiño de “todos á unha”

Entre 1467 e 1469 a rebelión do poder popular arremeteu contra as fortalezas do Reino, o símbolo material da violencia dos señores

A pegada dos deuses prerrománicos nos topónimos de Galicia

O estudo das inscricións de seis aras votivas no noroeste peninsular axudan a entender a mobilidade xeográfica e o culto ás deidades

Os oito precedentes de Toconao: 2.070 toneladas de ‘pellets’ vertidas ao mar dende 2011

Un informe de Fauna & Flora International recolle os accidentes máis graves que ocasionaron o derramamento de bólas de plástico polo mundo

Seis imaxes que cambiaron a historia da ciencia

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de O ser humano empregou primeiro o debuxo e...