Domingo 25 Febreiro 2024

Monte Pindo: o coloso de pedra que bica o mar

A mole granítica que fai posible a fervenza do Ézaro serve como atalaia de Fisterra e Carnota e alberga moita historia nos seus penedos

“Naquel momento reflexionei sobre o lonxe que estaba Carnota do resto do mundo”. Son palabras que hai case un século, en 1924, pronunciou a fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson ao visitar varias localidades deste municipio. Detívose bastante no Pindo, unha pequena aldea mariñeira que leva o nome do monte que a separa, como dicía Anderson, do resto do mundo. Un macizo de granito que se eleva no cume da Moa ata os 627 metros de altura a moi pouca distancia do mar, e desde a que se albiscan no seu esplendor dous dos moitos lugares fascinantes da xeografía galega: a praia de Carnota, a máis extensa do país, e o cabo Fisterra co seu faro. E tamén fai posible, nunha das súas abas, unha das paisaxes que máis sona acadou nos últimos anos na zona: a fervenza do Ézaro, onde o Xallas cae ao mar desde 40 metros de altura.

No monte Pindo, como en moitas outras cousas en Galicia, é difícil peneirar o que é real e o que é parte da lenda e da imaxinación da xente. Porque custa crer hoxe, aínda que foi ben certo, como documentou o investigador Luis Lamela, que nos seus infinitos recunchos e tobos se agocharan, durante anos, os fuxidos que escapaban da represión franquista tras o golpe de 1936. Ou que aínda fiquen numerosos restos de petróglifos e mesmo algúns de castelos como os de San Xurxo, Canedo ou Penafiel, erguidos en varios promontorios dentro do macizo. E a lenda tamén fala, pola súa banda, de que o tesouro da raíña Lupa pode estar agochado aquí. Do mesmo xeito, as figuras antropomorfas debuxadas pola erosión nas rochas, como o Xigante da Mina, que achegan de novo a realidade e a fantasía. Ante isto, non faltou quen decidiu bautizalo como o Olimpo dos celtas.

Xigante da Mina, coa praia de Carnota ao fondo. Fonte: Ondasderuido/CC BY-SA 2.0.
Xigante da Mina, coa praia de Carnota ao fondo. Fonte: Ondasderuido/CC BY-SA 2.0.

A xénese do Pindo

O catálogo do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME) define este macizo como “un auténtico museo ao aire libre”, grazas á gran variedade e complexidade de formas que alberga. Está labrado en granodioritas tardihercínicas e granitos hercínicos, polo que se distingue notablemente do substrato xeolóxico dos arredores. Así, mentres que por unha banda, ao sur e ao oeste, ten ao mar, ás súas costas, no norte e no leste, a súa cor rosada ou apardazada, dependendo de como caia a luz do Sol, contrasta coas verdes pradeiras dos municipios gandeiros de Mazaricos e Dumbría.

Na parte norte está un dos seus sinais de identidade, a fervenza do Ézaro. O Xallas non é distinto de moitos ríos galegos que acaban desembocando nas rías, pero no seu treito final atopouse co Pindo para volverse único. Porque ao tratarse dun macizo tan robusto, o Xallas, que é un río novo en termos xeolóxicos, non foi quen aínda de sucar o suficiente as rochas sobre as que leva millóns de anos a pasar. E por iso, aínda que debuxou unha considerable fenda no monte, segue dando un espectacular chimpo de decenas de metros de altura para caer á enseada do Ézaro. Porén, desde hai varios decenios, o caudal da fervenza está a mercé das comportas do encoro de Santa Uxía. Aínda así, a imaxe segue sendo impactante nas épocas de máis chuvias.

Flora e fauna

Mais a riqueza non é só xeolóxica. As peculiares características deste monte fan posible que nel convivan centos de especies de flora e fauna, ademais de ser aproveitado no pasado para pasto do gando da zona grazas á auga que cae en varios regos en todas as direccións cara a zonas máis baixas. A Asociación Monte Pindo Parque Natural, nacida na pasada década para reivindicar a declaración do lugar con esta figura de protección, desenvolveu un catálogo de especies que dá conta da gran biodiversidade do macizo.

Un dos seus prinicipais emblemas é o carballo anano (Quercus lusitanica) que ten aquí o seu único hábitat en Galicia, estando illada máis de 300 quilómetros da poboación máis próxima. Un pavoroso incendio que tivo lugar no ano 2013 arrasou parte desta poboación de carballo, e reforzou a concienciación para protexer o lugar. Do mesmo xeito, investigacións científicas nas que participan o CSIC e as universidades galegas desenvolven estratexias para protexer e conservar a especie.

Rutas para ascender

O cumio da Moa do Pindo pode acadarse desde tres rutas principais que parten dos arredores. O ascenso, en función do ritmo e das condicións de cadaquén, pode levar algo máis de dúas horas. Alén do lóxico desnivel, o percorrido non ten dificultades importantes e está sinalizado na súa maior parte.

A ruta máis utilizada é a que sae, a nivel do mar, desde a vila do Pindo, e que pasa antes de chegar á cima por lugares destacados como O Pedrullo, o Chan de Lourenzo ou a figura do Xigante. Outra delas sae desde a aldea do Fieiro, preto do encoro de Santa Uxía, e permite achegarse ao castelo de Penafiel ou a Cova da Xoana. A outra é a que sae desde a aldea de Quilmas, e que ten de camiño á Moa o Castelo de San Xurxo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A carabela portuguesa invade as praias da Coruña: como actuar se che pica?

Na Costa da Morte tamén aparecen exemplares de 'Pelagia noctiluca', unha medusa luminiscente cunha picadura moi urticante

Onde ver o mar de ardora? Estas son as mellores praias da Costa da Morte

O fenómeno de bioluminiscencia deixouse ver nas últimas semanas con todo o seu esplendor nos areais de Estorde (Cee) e Carnota

‘Sica’ e todo o que non lle pertence ao mar

O cambio climático aparece representado nun contexto de cotiandade na primeira longametraxe de Carla Subirana, ambientada na Costa da Morte

Carteis en catalán? Estes son os erros do videoxogo ambientado na Costa da Morte

A última entrega da saga 'Call of Duty' inspirouse no faro de cabo Vilán para recrear a loita contra unha banda de narcotraficantes