Primeira morte en Galicia por gripe, que entra na fase epidémica

A onda epidémica chega nesta campaña máis tarde que o ano anterior, cando o incremento de casos xa comezou no mes de decembro

A gripe entrou esta semana en fase epidémica en Galicia, cun constante incremento de casos e o primeiro falecido na tempada actual, que se corresponde cun paciente que, aínda que tiña factores de risco, non estaba vacinado. Así informaba o Sergas no seu noveno informe desta campaña, que reflicte que desde o principio da tempada e ata o mércores 8 de xaneiro, incluído, declaráronse 108 ingresos con gripe confirmada -fronte aos 57 de hai unha semana-, dos cales 55 xa recibiron o alta.

Dos ingresados con gripe, 90 tiñan indicada a vacina por idade ou por presentar factores de risco para unha gripe complicada e 49 deles non estaban vacinados. Deles, 33 presentaban o virus da gripe B e 74 o da gripe A, mentres que un tiña o virus da gripe C. A doenza entrou en fase epidémica  que fai prever un rápido incremento de casos nos vindeiros días, nunha “tendencia crecente cun nivel de intensidade basal” e “difusión esporádica”, segundo a califica o Sergas.

Publicidade

En total, esta última semana analizáronse, segundo a información recibida de hospitais de Galicia, 500 mostras para virus da gripe, con 59 resultados positivos para o virus da gripe A e 21 para o da gripe B.

En canto a Atención Primaria, o informe indica, por segunda semana consecutiva, unha tendencia crecente, “superándose, por primeira vez”, o límite que “marca o inicio da onda epidémica para esta tempada”.

Publicidade

Ademais, nos rexistros das chamadas semanais ao 061 por gripe e infeccións respiratorias agudas, esta semana o sistema de vixilancia “mostrou unha tendencia crecente”, indícase no documento.

A gripe da tempada 2019/2020 chega con certo retraso con respecto á do ano anterior, cando a onda epidémica xa chegara a finais do mes de decembro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

O ‘cameo’ histórico de Castelao: as imaxes do rianxeiro no filme de ficción máis antigo de Galicia viaxan a Italia

O galego interpreta un pequeno papel como pastor protestante en ‘Miss Ledyia’, a película de 1916 que será proxectada no festival de cine mudo de Pordenone

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga