As fotos descoñecidas de Ruth Matilda Anderson da Galicia de 1924

A fotógrafa estadounidense incluíu as imaxes nun libro de 1939, unha profunda análise antropolóxica e etnográfica do país da que só se tirou unha edición

Varias das imaxes tomadas por Ruth Matilda que aparecen no libro Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña.
Varias das imaxes tomadas por Ruth Matilda que aparecen no libro Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña.

Ao abrir a portada de Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña, o que aparece é un mapa do noroeste da Península no que aparecen marcadas con estrelas vermellas as vilas do Camiño de Santiago. Na seguinte páxina, o cadro da romería pintada por Joaquín Sorolla en 1915. O que vén despois é unha xoia aínda descoñecida por moitos en Galicia: un ensaio antropolóxico e etnográfico no que Ruth Matilda Anderson demostra que foi moito máis ca a fotógrafa que percorreu Galicia retratando á súa xente.

O libro, do que só se tirou unha edición en 1939, apenas se coñece en Galicia aínda que segue á venda na Hispanic Society of America, a entidade que a comezos dos anos 20 enviou a Ruth Matilda a España para retratar a súa xente. As referencias a Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Otero Pedrayo, Pondal, Emilia Pardo Bazán, e ata Martin Códax, e centos de fotografías apenas difundidas ofrecen unha visión ben interesante do que era Galicia naquel tempo.

Publicidade

O traxe e a muller

Alén da descrición xeral da paisaxe e a paisanaxe, Ruth Matilda párase a estudar con detalle dous aspectos: os traxes tradicionais (en especial o vestido de muradana, de Muros, ao que lle dedica un capítulo enteiro, así como aos vestidos de noiva e a bisutería) e ao papel da muller, moi retratada en diversos aspectos da súa vida diaria.

No medio do inglés, o texto aparece continuamente salpicado por palabras como caldo, filoas, soleira, mazarocas ou refaixo, que lle serven á autora para explicar mellor a realidade do país. E mesmo chega a transcribir en galego algunhas das accións das que é testemuña. Na praia do Pindo ve como as mulleres recollen as redes que os homes lles fan chegar desde os barcos.

Ala mulleres, ala por enriba! Por enriba! Agora, ala! Por enriba! Agora!

As 50 fotos de Ruth Matilda en Galicia que non coñecías

A lingua

A lingua galega é, como non podía ser doutro xeito, outro dos puntos dos que se para Ruth Matilda. Ten palabras eloxiosas para o acento galego: “É un feito que a cualidade musical das voces nativas é un dos grandes encantos de Galicia; as mulleres destacan pola dozura lírica do seu acento”. E un dos homes que fai de guía da fotógrafa, ao falar das particularidades do carácter galego, déixase levar pola febre celta que percorría naquel tempo á intelectualidade do país: “Nós non somos latinos! Somos celtas!”, exclama.

Un tuno co que Ruth Matilda paseou por Compostela.
Un tuno co que Ruth Matilda paseou por Compostela.

Despois da súa chegada a Vigo, Anderson percorreu o Casco Vello, foi ata Cangas e despois tomou parte en dúas das romarías máis destacadas do sur da provincia: a da Virxe da Rocha en Baiona e a de Santa Trega da Guarda, onde realizou unha das series máis interesantes que recolle o libro de 1939, nunha paisaxe na que aínda estaban ocultos parte dos castros que hoxe amosa o monte.  Percorreu tamén o litoral das rías de Pontevedra e Arousa, tomando imaxes e describindo o que observou en vilas como Cambados, Vilagarcía, O Grove, Carril, Marín ou Pontevedra.

Don Fulano de tal

En Santiago de Compostela, Ruth Matilda conta o seu peculiar encontro con dous tunos de Medicina. Un deles preséntase como Don Fulano de Tal, e ofrécese a contarlle á moza estadounidense a historia de Santiago. Acaban visitando, como non podía ser doutro xeito, a Casa da Troia de Pérez Lugín, a quen Ruth tamén cita. E pouco despois atópanse cun peregrino que percorría os últimos quilómetros de Camiño despois dun mes de peregrinación desde Valladolid, e que tamén pasou para a cámara.

Neste periplo, que vai de agosto a novembro de 1924, a fotógrafa tamén se achega a lugares como o Pazo de Oca, na Estrada, Padrón, Noia, Muros, e a Costa da Morte, desde O Pindo ata Camariñas, pasando por Muxía, Vimianzo, Cee e Fisterra, e visitando tamén A Coruña. En todos eles, ademais das fotos, toma notas, conversa, le, escoita e ve con moito tino para compilar aquela viaxe nun libro que hoxe, case 100 anos despois, é unha alfaia que garda as esencias dun tempo e un lugar do pasado.

3 COMENTÁRIOS

  1. O meu avó Laudelino de 90 anos da Guarda conta que estivo de pequeno no peirao da Guarda con Ruht Matilda, el era pequeno teria 4 anos, teño que volver a preguntarlle lo. O certo é que para min Laudelino José Rodríguez Perez é a fonte histórica máis fiable.

  2. Apuntamento: o tal mozo pontevedrés con capa, é un mozo de Marín con capa pontevedresa, así co cita non Gallegan provincies

  3. O que non me encaixa ben é que visitaran a Casa da Troia, de Pérez Lugín, porque eso é unha novela; en todo caso visitarían a Casa da Troia (edificio) e aínda eso con reparos pois no 1924 a casa xa non era pensión. Ou era vivenda particular ou estaba pechada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.