A asma está causada por unha reacción inflamatoria dos bronquios, que dificulta a respiración. Imaxe: Pixabay.
A asma está causada por unha reacción inflamatoria dos bronquios, que dificulta a respiración. Imaxe: Pixabay.

Unha vacina experimental contra a asma alérxica amosa bos resultados en ratos

Un equipo de investigadores franceses dá os primeiros pasos cara aos ensaios clínicos en humanos fronte a unha doenza que sofren 340 millóns de persoas

A asma, unha doenza crónica do sistema respiratorio que afecta a uns 340 millóns de persoas en todo o mundo, causando sufocación, tose, dificultade para respirar e outras posibles complicacións, podería estar no camiño de ter unha vacina, no caso das persoas nas que esta doenza é de orixe alérxica. Un equipo de investigadores do Instituto Pasteur de París, a universidade da Sorbona, a empresa Neovacs e a Facultade de Medicina de Toulouse publicaron a pasada semana en Nature Communications un artigo no que describen unha vacina experimental que, en estudos en ratos, demostrou moi bos resultados para protexer contra a asma alérxica.

O seguinte paso, segundo explican os investigadores, é poñer en marcha os mecanismos precisos para realizar un ensaio clínico en pacientes humanos. “A idea é establecer no futuro un enfoque preventivo para as poboacións en risco de desenvolver unha forma grave de asma”, expón o neumólogo Laurent Guilleminault, do Instituto de Enfermidades Inflamatorias e Infecciosas de Toulouse, e un dos autores do artigo.

Ata agora, o tratamento desta patoloxía baséase en corticosteroides inhalados que controlan esta patoloxía, pero no caso dos cadros graves, estes fármacos non son suficientes. A vacina é así unha nova esperanza para as persoas que padecen asma, despois de que investigacións anteriores demostrasen que o dupilumab, un anticorpo monoclonal utilizado no tratamiento do eccema, tamén é eficaz para aliviar os síntomas e mellorar a función pulmonar en casos de asma grave.

Crese que isto é debido á forma na que o dupilumab bloquea a sinalización da interleucina-4 (IL-4) e a interleucina-13 (IL-13), dúas moléculas de citocina que desempeñan un papel na resposta inmunitaria, pero que tamén participan na inflamación do tipo 2 que causa a obstrucción das vías respiratorias, observada nunha proporción estimada entre o 50 e 70 por ciento dos pacientes con asma.

En casos de asma alérxica, a exposición a ácaros do po, pole e outros alérxenos pode producir grandes cantidades destas citocinas, ademais de cantidades excesivas de inmunoglobulina E (IgE), o que promove a inflamación das vías respiratorias e dificulta a respiración.

Aínda que os tratamentos con dupilumab e outros anticorpos monoclonais poden mitigar estes síntomas, estes enfoques adoitan ser costosos e precisar de inxeccións continuas para funcionar, mentres que unha vacina que logre os mesmos fins podería proporcionar efectos terapéuticos rentables a longo prazo.

Nas probas con ratos, máis do 90% dos animais que recibiron o prototipo da vacina amosaron anticorpos capaces de neutralizar a IL-4 e a IL-13 seis semanas despois da inxección, cunha protección que dura ata un ano, momento no que máis do 60% dos ratos mostraba aínda altos niveis de anticorpos.

Ademais disto, inxectáronse a outros ratos doses intranasais de ácaros de po, un dos alérxenos humanos máis comúns, amosando que a vacinación achegou tamén unha protección significativa en termos de funcionamento pulmonar, comparado cos controis animais que non recibiron esta inxección.

En ratos modificados xenéticamente para xerar a versión humana das citocinas IL-4 e IL-13, a vacina tamén mostrou resultados positivos, neutralizando as citocinas e reducindo os niveles de IgE durante polo menos 11 semanas despois da vacinación.

Quedan, por agora, máis preguntas por responder, como a duración da protección, pero é probable, segundo os autores do traballo, que os ensaios clínicos poidan comezar nun prazo de dous anos.


Referencia: Dual vaccination against IL-4 and IL-13 protects against chronic allergic asthma in mice (Publicado en Nature Communications).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.