A Deputación da Coruña libera do seu Arquivo documentos históricos do Pazo de Mariñán, entre os que se recolle o inventario detallado da herdanza que Gerardo Láncara, último propietario deste patrimonio, cuxos foros, bens e liñaxes son parte da historia contemporánea de Galicia.
Ao longo deste ano, o ente provincial publica escritos do seu Arquivo na súa páxina web nos que se revelan anécdotas e curiosidades históricas. Nesta ocasión, a Deputación dedica o seu ‘Documento do mes’ a desvelar os detalles da herdanza que deixa Láncara.
Un documento do ano 1942, con 45 páxinas nas que se detallan ata 796 obxectos, entre os que sobresaen o refinado mobiliario de caoba, óleos, gravados, bronces, cristalerías e vaixelas. Tamén destaca a biblioteca, que consta duns 400 volumes entre os que se atopan a ‘Carta xeográfica de Galicia’ de Fontán, a ‘Enciclopedia’ de Diderot e d’Alembert, ‘Vidas de homes ilustres’ de Plutarco, ‘España Sacra’ do Padre Flórez, ‘Sermóns’ do Padre Isla ou ‘Novo teatro crítico’ de Pardo Bazán, ademais de biografías, obras de historia, manuais de dereito, literatura de viaxes, novelas e dicionarios, entre outros.
A historia desta herdanza, segundo destaca a Deputación, “é digna dunha novela”. Un dos capítulos máis sorprendentes é o asalto do testamenteiro da herdanza ao pazo en novembro de 1942. Antes de que os funcionarios se achegasen para inventariar o legado do defunto á Beneficencia Provincial, o testamenteiro, en compaña doutras persoas, levaron tres maletas cargadas de obxectos de valor. A súa fuxida en bote pola ría foino levar ao apeadoiro de Paderne para logo poñer rumbo a Madrid. Unha curiosa anécdota sobre o legado do derradeiro fidalgo do Pazo de Mariñán.
O vindeiro documento, do mes de xullo, desvelará arquivos relacionados co ascenso e caída de Gerardo Láncara, un proceso de destrución máis rápido que o da súa formación.
Os últimos do ‘Documento do mes’ estiveron dedicados á expedición Balmis, que partiu da Coruña con 22 nenos expósitos para levar a vacina da varíola a América, á figura de Emilia Pardo Bazán, no ano no que se conmemora o centenario da súa morte, e ao Mosteiro de Caaveiro.
O documento pode descargarse en PDF nesta ligazón.