Científicas galegas participan no deseño dunha nova terapia contra o cancro de páncreas

O equipo de María de la Fuente creou nanopartículas para chegar ao tumor e impedir que se forme metástase

Un equipo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) foi o encargado de deseñar nanopartículas capaces de transportar fármacos ao cancro de páncreas. O grupo dirixido por María de la Fuente participou nun estudo liderado pola Universidade Autónoma de Madrid (UAM) e cuxos resultados acaban de ser publicados na revista Journal of Nanobiotechnology. O artigo, que forma parte do proxecto europeo Panipac, recolle o achado dun método innovador para intentar reducir a carga tumoral e a metástase no cancro de páncreas. Un tumor que, tal e como lembra De la Fuente, segue tendo unha “mortalidade altísima”.

A participación neste proxecto forma parte da colaboración que mantén dende hai anos o grupo de Nano-Oncoloxía e Terapéutica Traslacional do IDIS co equipo de Bruno Saínz da UAM. “O estudo é o resultado dunha investigación multidisciplinar, con xente experta na enfermidade, en modelos animais e con moito coñecemento molecular da doenza e da tecnoloxía”, incide a científica do IDIS. Segundo continúa explicando De la Fuente, o obxectivo é desenvolver un novo tipo de terapia máis eficaz e efectiva para modular o microambiente tumoral e impedir que se forme a metástase.

Publicidade

Método seguro e con potencial industrial

O equipo do IDIS centrouse no deseño experimental de nanopartículas. “Buscamos unha combinación de lípidos que tivese capacidade de levar fármacos ao tumor, de chegar ao cancro de páncreas, ao que é moi difícil acceder porque é moi compacto”, sostén a investigadora. De la Fuente tamén salienta que na investigación participou o grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do IDIS, que dirixe Rafael López, así como investigadores pertencentes ao Centro de Investigación Biomédica en Rede CIBER OBN.

“Unha das aplicacións que quixemos probar foi ver se se podía frear a metástase. Seguiremos nesta liña, colaborando activamente coa UAM. Temos que buscar máis financiamento para seguir avanzando”, indica a investigadora do IDIS. De la Fuente engade que os resultados son positivos e que o método utilizado emprega unha “tecnoloxía moi simple e con moitísimo potencial para o desenvolvemento clínico”. Empregáronse, segundo defende “materiais seguros” que se validaron en modelos preclínicos de animais e células. “Sabemos que se pode fabricar a nivel industrial”, argumenta.

Publicidade

María de la Fuente dirixe a spin-off Diversa para achegar estas innovacións ao mercado. Unha empresa que traballa en nanomedicina e con nanopartículas lipídicas, a través da que pretenden “desenvolver novas terapias para necesidades médicas non cubertas, entre elas algúns tipos de cancro”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional

A Academia de Ciencias de EE UU retira o estudo sobre a curación do cancro de páncreas en ratos de Barbacid

A revista PNAS retracta o artigo ao detectar relacións non declaradas dos autores coa empresa Vega Oncotargets

Un fármaco para recuperarse tras un ictus e unha tecnoloxía de selado de latas, Premios á Transferencia

Os galardóns que outorgan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación premian un grupo do IDIS e outro da UVigo