Venres 19 Abril 2024

Juan Rof Codina, o primeiro influencer veterinario

Un relatorio sobre o impulsor da veterinaria en Galicia lembra a pegada do Científico Galego do ano 2022

Un relatorio sobre o impulsor da Veterinaria en Galicia e España, a cargo do doutor Diego Conde, e a visita ao seu arquivo persoal, depositado na biblioteca Intercentros de Lugo, abren o 21 de setembro os actos organizados pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para lembrar a figura e a pegada de Juan Rof Codina, Científico galego do ano 2022.

O Campus de Lugo da USC converterase este mes nun dos escenarios escollidos pola RAGC para celebrar o recente nomeamento de Rof Codina como científico do ano. A fonda ligazón que existe entre a figura e pegada deixada na sede universitaria luguesa, cuxa biblioteca Intercentros é depositaria do arquivo persoal do homenaxeado, ademais de contar cun hospital veterinario que leva o seu nome, levou á RAGC a programar no Campus de Lugo unha sesión divulgativa da súa figura e da obra, que se desenvolverá o día 21, a partir das 18.00 horas, na Biblioteca Intercentros.

Publicidade

Unha figura trascendental e descoñecida

O relatorio O primeiro influencer veterinario, a cargo do investigador da USC e doutor en Veterinaria Diego Conde, quen é especialista en Juan Rof Codina, abrirá os actos. Na súa intervención, aberta a todo o público interesado, Conde achegará aos asistentes a unha figura tan transcendental como aínda descoñecida, dado que Rof Codina foi un innovador no eido da veterinaria, e a súa obra e legado contribuíron de xeito salientable á modernización do sector agropecuario en Galicia e á difusión do concepto de asociacionismo entre os gandeiros galegos.

Unha vez rematada a conferencia, os participantes terán a oportunidade de realizar unha visita guiada e comentada ao fondo Rof Codina, situado na propia Biblioteca Intercentros, para coñecer o “valioso material” que atesoura. A maior parte da súa obra orixinal e da súa biblioteca persoal foi doada en 1995 pola súa filla Carmen Rof Carballo á Biblioteca da Facultade de Veterinaria de Lugo da Universidade de Santiago, aínda que na actualidade o fondo permanece na Biblioteca Intercentros.

Máis de 700 artigos

Ao longo da súa vida Rof escribiu máis de 700 artigos destinados a difundir as novas teorías nos campos da agricultura e a gandería, depositados agora na biblioteca lucense, xunto a material manuscrito, diferentes publicacións e mesmo fotografías que foi recompilando durante a súa vida profesional.

A Fundación Rof Codina, de cuxo padroado forma parte a USC a través da súa Facultade de Veterinaria, e o hospital veterinario homónimo, reforzan se cabe a pegada de Rof Codina no Campus de Lugo, unha cidade que, asemade, recoñece no seu rueiro a este pioneiro no mundo da Veterinaria.

O aforo para tomar parte nas actividades programadas pola Real Academia Galega de Ciencias no Campus de Lugo é limitado, polo que as persoas interesadas poderán inscribirse de balde ata o 19 de setembro a través do formulario xa habilitado en liña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha placa rende homenaxe a Manuel Colmeiro, Científico Galego do Ano 2023

Está situada no Parque das Ciencias, onde a Academia fixo honores anteriormente a outras personalidades da nosa comunidade

A RAGC homenaxea cunha placa a Manuel Colmeiro, Científico Galego do Ano 2023

O acto terá lugar o vindeiro luns no Parque das Ciencias ás 12:30 horas, ao que asistirá a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín

O economista Manuel Colmeiro y Penido, nomeado Científico Galego do Ano

A Academia destaca a súa contribución ao cambio económico e social en Galicia e España e a súa influencia en xuristas e historiadores

A Academia Galega de Ciencias celebra o ingreso de tres novos académicos correspondentes

Francisco Marcellán, Jorge Martínez e Juan Ramón Sanmartín manifestaron o seu compromiso coa evolución da ciencia en Galicia