Rof Codina, precursor dos concursos de gando

O Científico do Ano da Real Academia de Ciencias foi un grande impulsor dos certames para a excelencia pecuaria de Galicia

Rof Codina, veterinario a quen este ano dedica o título de Científico do Ano a Real Academia Galega de Ciencias, foi tamén un grande impulsor dos certames para a mellora pecuaria de Galicia, con concursos de gando onde se repartían premios ás mellores vacas do país, sempre na procura da mellora xenética.

“Outro dos aspectos máis interesantes do seu labor en  Galicia foi a organización dos Concursos de Gando que exerceron unha influencia extraordinaria na selección progresiva nesa rexión. Grazas a estes Concursos, logrou don Juan  Rof Codina facer o primeiro estudo zootécnico dunha raza, no gando bovino galego”, explica Carlos Ruiz Martínez, biógrafo de Rof, quen engade que “a finalidade destes concursos era escoller por selección dos exemplares mellor  conformados os que debían ser destinados á reprodución con vistas a obter cada vez mellor rendemento en carne”.

Embarque de vacas para Inglaterra dende Vigo.

O primeiro Concurso de gando propiciado por Rof celebrouse en Carballo en 1911 e, no ano 1913, trasladou gando bovino galego a Madrid, onde ese ano tivo lugar o Primeiro Concurso Nacional de Gando organizado pola Asociación Nacional de Gandeiros do Reino. Aquí estableceuse o prototipo da ‘rubia galega’ con 610 quilogramos de peso, que alcanzou un éxito extraordinario ao presentar estas vacas chegadas desde A Coruña e Lugo.

O negocio do gando en Galicia

Porque a exportación de gando galego para carne sempre foi un negocio, xa no Antigo Réxime, especialmente in vivo antes da chegada das técnicas de conxelación asociadas ao transporte por ferrocarril. Bo exemplo son os gravados que atopamos publicados pola revista británica ‘Sporting Dramatic News’, nos que se reflicte o embarque de gando bovino desde o porto do Berbés, en Vigo, con destino a Inglaterra. O gravado está datado en 1886 e retrata unha actividade económica que chegou a ser vital para Galicia.

Na estampa, vemos unha res cunha notable cornamenta que é izada a bordo dun barco cun guindastre. O pé da ilustración reza:  ‘Embarcation. Vigo’. O máis interesante da imaxe é que vemos retratada a concatedral de Santa María e, ao fondo o monte do Castro.

Rof Codina.

A estampa foi habitual en Galicia durante séculos. Sábese que xa durante o Antigo Réxime era común a comercialización de gando vacún fóra de Galicia. O investigador Antonio Eiras Roel, da  Universidade de Santiago, conclúe nunha  monografía que “os principais axentes económicos do produto mercantil da Galicia do Antigo Réxime non foron os comerciantes foráneos establecidos nos portos coruñés e vigués, ou nos de Ferrol e Carril, senón os 315.000 produtores galegos que animan as feiras cos seus produtos, e os  tratantes casteláns e doutras procedencias que trafican no que é con moito o primeiro artigo de exportación de Galicia, e superior en valor a calquera dos importados para o consumo, o gando vacún”.

Convois de reses a Madrid

Entre 1850 e 1882, saían desde Galicia cara a Inglaterra entre trinta mil e corenta mil cabezas de gando cada ano. Na súa maioría eran bois, como o representado no gravado inglés. Na última década do século  XIX, este tráfico cae enormemente e Portugal pasa a ser o destino principal das vacas galegas, mentres crece o das reses que van parar a Madrid, que coa chegada do tren fai que se formen auténticos convois de reses cara á capital. A caída do comercio de vacún con Inglaterra estivo en parte sustentada polo desenvolvemento da produción americana. As vacas da  Pampa van substituír ás das  leiras galegas. Ademais, prodúcese unha especialización, xa que Galicia exporta carne mentres Asturias dedícase principalmente ao leite e os seus derivados.

Pero a comercialización de gando vacún foi un dos alicerces da economía galega durante séculos e na súa mellora, tamén a través da revitalización das feiras e dos certames con premios, foi outra das teimas do incansable traballo de Juan Rof Codina.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.