Os restos do furacán ‘Danielle’ deixarán abundantes chuvias en Galicia a comezos de semana

O episodio podería durar ata o mércores, cando xa se rexistren chuvascos máis dispersos e intermitentes

Os restos do furacán Danielle chegarán a Galicia. Malia a incerteza da última semana e os continuos cambio de rumbo do fenómeno, parece que finalmente impactará no país para deixar chuvias e ventos fortes. Segundo a última actualización do Servizo Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o furacán —xa convertido en borrasca— estará preto da península o domingo. Ese día impulsará ventos válidos do sur e do suroeste, con alto risco de incendios. Segundo Meteogalicia, aumentará a probabilidade de chuvascos pola noite. No que respecta ao luns, A AEMET prevé que deixe “chuvias abundantes” no oeste da península.

Porén, dende o portal Eltiempo.es indican que o domingo xa haberá chuvias “fortes” nas provincias de Coruña e Pontevedra, asociadas aos restos de Danielle. O luns, cando as precipitacións se vaian estendendo polo resto do territorio, “haberá un cambio brusco de tempo, con vento forte e un empeoramento da situación marítima no Atlántico e no Cantábrico”. O martes espérase unha xornada semellante e xa o mércores prevese que remate o episodio, deixando chuvias intermitentes e máis dispersas.

Publicidade

Os prognósticos sobre Danielle foron moi oscilantes nos últimos días. Primeiro prevíase unha chegada á península, logo cunha dirección máis ao norte e finalmente volvendo de novo a Galicia. A incerteza é propia deste tipo de fenómenos complexos, tal e como explicaba esta semana a AEMET. De feito, os propios investigadores do Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos mostraron a súa preocupación ante o comportamento errático e impredicible do furacán. Amais diso, o foco de atención púxose sobre Danielle ao considerarse un “fenómeno anómalo”, por xerarse en latitudes máis altas do habitual.

O verán de 2022, o máis caloroso

Máis alá do furacán tamén preciso falar do verán, que está a piques de rematar. A AEMET fixo onte público o seu informe de avaliación dos meses de xuño, xullo e agosto, concluíndo que foi o verán máis caloroso dende 1961. No que respecta ao último mes, trátase do segundo máis cálido do século XXI, tan só por detrás de 2003. No que respecta a Galicia, as anomalías térmicas máis salientables situáronse arredor de +3ºC en amplas zonas do sur do país. Ademais, agosto é considerado pola AEMET como un mes “seco ou moi seco” en Galicia, malia que na meirande parte da península fora entre “normal e húmido”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O furacán Gabrielle cambia de traxectoria: así afectará a Galicia

O percorrido levarao cara a Lisboa e ao Golfo de Cádiz, con efectos secundarios sobre o litoral noroeste con ventos e ondas elevadas

O furacán Gabrielle avanza cara a Galicia: esta é a súa posible evolución

Algúns dos máis de 50 escenarios meteorolóxicos prevén o seu impacto na costa galega en forma de borrasca

Os restos do furacán Erin traen chuvia a toda Galicia e activan a alerta amarela na costa

A borrasca situada ao oeste das Illas Británicas enviará varias frontes ao longo dos próximos días e provocará un descenso das temperaturas

O paso de Kirk por Galicia deixa refachos de 180 km/h e 100 litros por metro cadrado

O exfuracán desprazarase este mércores cara ao leste e tanto o vento como a chuvia amainarán en todo o territorio ao longo da mañá