A galega discípula de Jane Goodall: “Cando te abraza un chimpancé parece que te abraza unha persoa”

Rebeca Atencia, directora do Instituto Jane Godall no Congo, protagoniza un documental sobre a maior reserva da especie en África

A veterinaria Rebeca Atencia, nun intre do documental. Crédito: Canle Odisea
A veterinaria Rebeca Atencia, nun intre do documental. Crédito: Canle Odisea

Os montes de Ferrol son semellantes á selva do Congo. Non hai chimpancés, pero si unha intensa humidade que deixa un extraordinario ulido nas árbores. Unha sensación que atrapa e da que xa non podes escapar. Ou iso di Rebeca Atencia (Ferrol, 1977), unha veterinaria que hai 17 anos marchou rumbo a África para traballar con animais salvaxes. Namorouse da selva e dos chimpancés, e hoxe é directora executiva do Instituto Jane Goodall en Congo. O seu labor durante as últimas décadas deulle numerosos recoñecementos e xa é considerada a herdeira de Jane Goodall, a famosa primatóloga. De feito, estas dúas mulleres son protagonistas do documental Jane Goodall: a esperanza dos chimpancés, que a canle Odisea estreará este sábado 10 de setembro. O filme, gravado ao longo de 30 anos, narra o proceso de creación da maior reserva de chimpancés de África, abrindo un fío de esperanza para esta extraordinaria especie.

—O documental Jane Goodall: a esperanza dos chimpancés estréase este venres e vostede é unha das protagonistas. Como foi, ao longo destes 15 anos, a produción do filme?

—Non fun moi consciente. As gravacións víñanse facendo dende hai anos pero o seu primeiro obxectivo non era facer un documental, esa idea veu despois. Viron que, con todas as imaxes dos últimos 15 anos, se podía crear algo moi bonito. No filme vese como todos imos medrando e avellentando. Tamén, como empezan os traballadores, como chegan os chimpancés, aínda pequeniños, e van crecendo… E de repente xa son chimpancés enormes! É moi bonito porque é real.

Moitas veces, cando estas en África, estás metida na túa burbulla e pensas que o universo enteiro é iso. Estás moi centrada no día a día, velo como unha rutina. Cando o ves dende fóra, cambia a perspectiva. Eu mesma, cando vexo o documental, penso: Que facía eu aí, detrás dese chimpancé? Como me deixaban facer esas cousas? Impresiona moito ver algo que, para ti, é o teu día a día, está integrado na túa vida.

—O primeiro caso que aparece no documental é o de Zezé, un bebé chimpancé que chega en moi mal estado ao centro de recuperación. Impacta velo cunha cicatriz no ollo. Vostede mesma, no filme, di que só teñen unhas horas para salvarlle a vida. É habitual que os animais cheguen nunha situación tan complicada?

—Si, moitas veces chegan en estado crítico. A Zezé rescatámolo antes de que pecharan as fronteiras de covid. El estaba con outro chimpancé chamado Zizí e conseguimos traelo de Angola. Collémolo no último momento e pasámolo grazas aos contactos da Unión Europea. A verdade é que é moi tráxica a forma na que chegou Zezé porque tiña un machete que lle atravesaba toda a cara. De feito, non pode ver dun ollo. Impresiona, pero é a realidade. Cando os cazadores furtivos van á selva e matan a nai chimpancé, disparan. A nai cae ao chan, pero ás veces está viva e acaban de rematala a machetazos. Moitas veces, danlle un machetazo ao bebé e queda sen brazo. Pero no caso de Zezé déronllo na cara. Que sería, un bebé de menos dun quilo? Pero sobreviviu e conseguimos salvalo, aínda que chegou nun estado límite.

Pero a historia de Zezé é moi bonita porque dá esperanza. Permite ver que aínda que nós, os humanos, destruímos tanto e non somos capaces de ter empatía por un ser tan próximo a nós, tamén reconstruímos e damos segundas oportunidades, como a que lle estamos a dar a Zezé. O que fixemos mal podémolo remediar. Poder difundir estes casos fai que teñamos máis empatía por estes individuos que son coma nós. Son como bebés humanos, aínda que non falen o noso idioma.

—Como de traumático pode ser para un bebé chimpancé presenciar o asasinato da súa nai?

Presenciar a morte de túa nai cando es un bebé, cando túa nai é o centro do universo, é brutal. De repente chega un ser, dispáralle e mátaa. Despézaa diante de ti, incluso a chega a afumar. Hai bebés que quedan enganchados á nai afumada. É algo tan traumático… Moitas veces, cando describo estas situacións nas charlas que veño dar a España, conto como chegan estes bebés, con tensión, mordendo os dentes, a mirada perdida. Miran cara ao outro lado cando te achegas, con movementos moi ríxidos.

“Os casos de bebés chimpancés aos que lles mataron as nais son moi parecidos aos de nenos maltratados”

Unha vez, nunha charla, veu falar comigo unha chica que é psicóloga e traballa con nenos maltratados e ou con traumas infantís. Ela traballa no seu proceso de recuperación. Díxome que o que eu estaba explicando era o que ela vía en nenos. É dicir, en humanos acontece iso. Empezamos a compartir as experiencias e eran moi similares, incluso as historias de recuperación. Cando tes un chimpancé orfo que viu como mataron a súa nai, necesita amor, cariño, contacto. Por iso, nós dámoslle como unha nai adoptiva. Primeiro ten que pasar unha corentena porque pode ter enfermidades, pero logo asignámoslle unha humana, unha coidadora, que queda día e noite con el.

O chimpancé, ao principio, ódiaa. É humana e un humano matou a súa nai. Pero cando logras que se achegue a ti, que se agarre… Cando establece contacto, todo cambia. A partir de aí, parece un adhesivo e vas vendo como se vai recuperando psicoloxicamente. A veces, cando dorme, ten pesadelos. Esperta berrando. Pouco a pouco aloumíñalo e deixa de telos. Logo vanse separando ata que, de repente, xa só queda unido a ti por un dediño durante a noite. Por iso é tan importante ese contacto, ese cariño e ese amor.

—Con cantos chimpancés contan actualmente no centro de recuperación?

—Nós traballamos con chimpancés que recuperamos do tráfico ilegal para rehabilitalos e reintroducilos. Pasaron moitos chimpancés polo noso centro pero realmente o noso obxectivo é protexer os que están na selva. Queremos que cada vez haxa menos en Tchimpounga. Hai 10 anos recibiamos 10 ou 12 chimpancés ao ano, que son moitísimos. Cada chimpancé orfo significa que morreu toda a súa familia. Pero agora, grazas ao traballo de educación e sensibilización, de dar opcións á xente e aos cazadores, á aplicación da lei, baixamos as chegadas. En Congo temos un ou incluso cero nun ano. Pero isto é algo moi localizado, só pasa nese país. A nivel mundial a situación segue a ser tráxica. Aínda así, é bonito ver que, polo menos, funciona cando poñemos esforzo, traballamos unha estratexia, pensamos na xente. Ten que haber un equilibrio. Hai que protexer a natureza, pero tamén os humanos do arredor. De igual maneira, temos que darlles alternativas pero tamén aplicar a lei.

—Aínda que a situación mellora, parece que aínda queda moito por facer, sobre todo noutros países.

—Moitas veces traballas, traballas e traballas para atopar unha solución pero non a encontras porque o problema sempre está aí. Para min é moi importante ser testemuña deste cambio. Pasamos unha situación moi difícil, de alarma, pero traballando na dirección correcta si que se salvan e acadamos un equilibrio. Empezas centrándote moito no chimpancé, pero tamén tes que protexer as comunidades humanas locais, que son as que van protexer a selva. Queremos protexer os animais na selva, non telos nun centro de rescate. Oxalá non existiran.

“Hai máis de 10 anos chegaban arredor de 10 ou 12 chimpancés a Tchimpounga. Agora, un ou incluso ningún ao ano”

—Esa é a meta? Que, algún día, xa non haxa centros de rescate como o de Tchimpounga?

—Claro. Para min o éxito sería ese. Ir diminuíndo o número que temos e aumentar o dos chimpancés que hai na selva. Que aumente a empatía cara aos chimpancés vivos. Estouno vendo no Congo. Cando rescatamos a Zezé e a outros compañeiros seus, recibín chamadas do director xeral do ministerio. Ata a ministra se interesaba pola saúde do chimpancé. Para min é algo incríbel porque iso é empatía. Que unha persoa do goberno teña tanto interese en chamar por teléfono e preguntar que tal está unha chimpancé rescatada. Son sinais pequenas, indicadores que vou vendo en Congo de que hai un cambio. Congo é un país pequeno dentro de toda África pero é ver unha luz que vai alumeando máis lapas. Nós traballamos seguindo un triángulo: coidado de chimpancés, educación e sensibilización e aplicación da lei. Esa é a estratexia que está funcionando no Congo e xa vemos como outros países, como Angola ou Guinea Bissau, queren facer o mesmo porque está funcionando.

—Parece que se abre a esperanza. Como evolucionou a percepción social do chimpancé dende que vostede chegou ao Congo?

—Cando eu cheguei a Congo, a carne de chimpancé comprábase como un artigo de luxo. Era moi cara. Comíase en ceas de xente importante. Agora, iso é algo inaudito. Tamén é certo que axudaron moito as redes sociais porque fan que a xente se exprese. Outra ministra de Congo empezou a facer comentarios moi en contra dunhas imaxes duns gorilas que mataron na selva. Que xente dos ministerios congoleños se poña de forma activa, sobre todo en redes, a declarar que iso é inaceptable e debemos protexer os grandes simios da selva é unha riqueza, algo moi bonito. Polo tanto, hai un cambio xeracional. A xeración coa que estivemos a traballar hai anos, coa que fixemos moita educación, está agora no poder. Foi o que sempre soñamos. Síntome moi afortunada de estar vendo o cambio.

Outro dos temas dos que é preciso falar é do aceite de palma. Cando fas ese tipo de plantacións tes que cortar a selva e deforéstanse zonas enormes. É máis barato e úsase para moitos produtos. Vas ao supermercado e todo ten aceite de palmeira, malia que non sexa bo para a saúde. É dicir, estamos facendo e creando unha deforestación. Por iso os chimpancés teñen que saír da selva. Van ás vilas e terminan matándoos porque hai un conflito co humano. E nós participamos diso de forma inconsciente. Cando si somos conscientes podemos tomar unha decisión no noso día a día de dicir non ao aceite de palma. A unión de todos os grans de area fixo que grandes compañías puxesen na súa etiqueta “sen aceite de palma”. Por iso é incríbel o poder do individuo. Estamos demostrando que o poder individual é o que manexa as multinacionais. Somos nós os que compramos e os que facemos a demanda. Se dicimos non ao aceite de palma, á madeira tropical… Nós estamos salvando o planeta.

“Cando cheguei a Congo, a carne de chimpancé comprábase como un artigo de luxo. Agora, iso é algo inaudito”

—Fala con moita paixón da selva. Como naceu esta vocación?

—En Ferrol non hai chimpancés pero hai moitas outras especies, aínda que non sexan tan rechamantes. Raposos, aguias, esquíos… De pequena gustábame moito ir ao monte. Para min, os montes eran a miña selva. Con rincóns marabillosos, ríos… Os bosques de Galicia son moi verdes. O vivir o monte de pequena fixo que amase a terra, o ulido da herba, da chuvia. A min Galicia recórdame moito a África, a Congo, porque hai moita humidade. Cheiras a humidade nas ábores. Iso fíxome amar a selvar porque eu tiña a miña propia selva en Ferrol.

—Chegou a Congo en 2004. Que a levou alí?

—Cheguei a Congo buscándoo. Fun a África porque quería traballar con animais salvaxes, protexer chimpancés. E Congo era o único sitio no que se estaba a facer, nese momento, a reintrodución de chimpancés na selva. Tiven sorte e ofrecéronme traballar alí. Foi un percorrido moi longo porque primeiro formeime como veterinaria, logo en animais salvaxes. Traballei con animais en cativerio, en zoos, en safaris… Cando cheguei podía achegar moito porque xa tiña coñecementos. Cando cheguei alí e respirei esa humidade… Atropoume. A África tropical atrapa. O olor, entrar na selva… Dá moito medo porque é como estar nunha película onde ti es un personaxe que pode morrer. Eu quería volver. Cheguei para un ano, e mira… Sabes cando chegas a África, pero non cando marchas.

—De feito, un chimpancé salvoulle a vida na selva. O que dá conta do perigosa que é.

—Na selva hai moitos perigos. Serpes velenosas, por exemplo, ou os propios chimpancés, que te atacan e te poden matar. Eu vivín unha situación moi difícil e emotiva porque foi outro chimpancé o que me salvou a vida. Un chimpancé co que tiven un vínculo moi forte. Iso aínda te ata máis a esa selva. Se el me protexe, eu tamén debo facelo. Kutú enfrontouse aos seus compañeiros para poder salvarme. Eles atacáronme e el púxose en medio. Eu coidárao meses antes porque tiña feridas. Aí establecimos ese vínculo e axudoume nun momento crítico. Na selva o chimpancé sabe facer todo e un humano non pode defenderse. Que un animal salvaxe te ataque significa que ti estás vendido. Para min, foi unha experiencia de vida.

—Outro dos casos máis famosos, do que vostede foi protagonista, foi a liberación dun chimpancé que, antes de entrar na selva, volveu para darlle unha aperta.

—Os chimpancés que temos dende pequenos e medran con nós saben que son veterinaria e un pouco como súa nai. No momento en que os metemos noutro medio, dálles medo. Intentas agarrarte á persoa que recoñeces ou que cres que te vai protexer, máis forte ou con máis poder no grupo. Non con todos. Con algúns tes unha conexión especial . Antes de entrar danse a volta, agárrante e só queren que vaias con eles. Ou apértante moi forte para que non os deixes só. Tan só unha hora, logo xa seguen. É algo moi gratificante. Teñen mans coma nós, brazos… Ulen coma nós. Parece que te abraza unha persoa. Xúntanse os corazóns cando te abrazan tan forte.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.