É a escola mala para a saúde?

*Un artigo de

A escola sempre foi o maior inimigo do movemento corporal. As súas pequenas aulas, os pupitres e as cadeiras estáticas, reteñen e atenúan a enerxía innata de nenos e nenas.

Publicidade

As escasas horas de Educación Física que contempla o currículo educativo parecen reflectir un menosprezo das autoridades políticas cara a esta materia. Unha disciplina que, a pesar da súa escasa carga horaria semanal (de 1 a 3 horas por semana, segundo curso e comunidade autónoma), é a única de todo o programa escolar que foi capaz de demostrar cientificamente os seus beneficios en diferentes esferas do desenvolvemento humano.

Beneficios que van desde a mellora da aprendizaxe doutros contidos curriculares ou mellora do rendemento académico, a melloras en variables psicolóxicas ou psicosociais, valores, saúde, e por suposto tamén no plano motriz.

Publicidade

A primeira infancia

O movemento corporal cobra aínda unha maior importancia na primeira infancia, na etapa de 0 a 6 anos. E é precisamente nesta etapa onde o currículo educativo castiga de forma máis tallante a motricidade dos nenos.

Os últimos estudos realizados confirman que a gran maioría de centros de Educación Infantil tan só imparten 1 ou 2 sesións de psicomotricidade / Educación Física á semana, que duran uns 50 minutos de media. Moitas veces, as sesións diríxenas persoas non expertas en Educación Física e en espazos non apropiados, como un corredor, un patio pequeno interior, na aula ordinaria movendo as cadeiras e mesas ou aulas pequenas que limitan o movemento dos nenos.

Estes resultados constatan que o sistema educativo español non está a cumprir coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde en canto a niveis de actividade física dos nenos na etapa de 0–6 anos, institución que aconsella 180 minutos diarios de actividade física.

O sedentarismo

Tampouco as familias axudan: numerosos estudos constatan o predominio dun estilo de vida sedentario na maioría dos nenos.

Todo isto apunta a que estamos a presenciar a morte da infancia: nenos privados do movemento corporal tanto na contorna escolar como no extraescolar ou familiar.

Contrariamente, a investigación que aborda os efectos da actividade física na infancia resalta un amplo abanico de beneficios que se conseguen cando os nenos semoven. Todos os investigadores conclúen a necesidade de establecer estratexias para fomentar a práctica de actividade física na infancia.

Impacto na autoestima e a felicidade

Entre os beneficios que se obteñen están niveis maiores de autoestima, autoconfianza e autoconcepto que potencian á súa vez múltiples variables psicolóxicas, reducen o estrés e animan a afrontar novos retos aos nenos.

Nas clases de Educación Física os nenos afrontan retos e participan en xogos e actividades nos que o seu corpo e mente son os verdadeiros protagonistas. Cando superan ese reto, ou alcanzan o obxectivo establecido polo docente, queda neles un pouso de autoestima que lles axudará a afrontar novos retos e seguir realizando actividade física. Se os nenos non teñen esa oportunidade de moverse, e permanecen na aula sentados ou no sofá, dificilmente poderán recibir esa inxección de autoestima.

Experimentan tamén unha maior sensación de felicidade grazas aos diferentes neurotransmisores que se activan coa práctica de actividade física. O movemento, ademais da liberación de enerxía, achega unha sensación de benestar, felicidade, pracer e tranquilidade.

Shutterstock / SviatlanaLaza

Melloras no capital humano

Tamén atopamos melloras no capital humano do alumnado: poténcianse múltiples valores clave para mellorar a convivencia futura na sociedade adulta, como a cohesión grupal, o esforzo, a resiliencia, o saber perder e gañar, o respecto e a tolerancia.

Ademais, contribúe a melloras no ámbito social, porque os nenos, mentres xogan en clase de Educación Física, acatan e establecen regras e normas. Todas elas teñen unha gran transferencia no mundo adulto. Aprenden a colaborar e cooperar con outros nenos e xeran empatía e vínculos afectivos.

Beneficios físicos

O plano motor é o máis beneficiado e, xunto a el, tamén o crecemento, a maduración e a aprendizaxe motora. O exercicio físico favorece o desenvolvemento óseo e muscular.

Inflúe tamén en múltiples variables vinculadas á psicomotricidade, como o equilibrio, o control tónico, a lateralidade, a praxia fina e grosa, a coordinación óculo manual, pédica e dinámico xeral…

A modo de exemplo: a lateralidade e a praxia fina favorecerán a aprendizaxe da escritura.

Outras melloras percíbense na forza ou a velocidade, xa que dan ao neno unha mellor condición física e unha mellor competencia motriz.

Implantar hábitos para toda a vida

A investigación científica sobre actividade física na primeira infancia sinala tamén que os nenos que realizan actividade física nesta etapa adoitan ter traxectorias de vida futuras saudables. Redúcese o absentismo deportivo na adolescencia, etapa onde máis se abandona a práctica de exercicio físico. Adquírese ademais un perfil de normopeso e mellora a saúde e o benestar.

En definitiva, apostar por unha hora de Educación Física diaria na escola desde a primeira infancia é mellorar a saúde da poboación infanto–xuvenil, reducir as patoloxías e a farmacoloxía na infancia e adolescencia, reducir o sedentarismo, reducir gastos sanitarios e apostar por unha poboación adulta máis sa.


*Victor Arufe Giráldez é profesor titular da Facultade de Educación. Director da Unidade de Investigación do Deporte Escolar, Educación Física e Psicomotricidade da Universidade da Coruña.

Cláusula de divulgación: Victor Arufe Giráldez non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O valor da amabilidade ou por que os lobos teñen problemas de extinción e os cans, non

A prosociabilidade evolutiva decisiva para cans e humanos. Por Jonathan Benito Sipos

Como afrontar a posmenopausa: “O exercicio é a chave de ouro para protexernos”

O proxecto CARE da Universidade da Coruña emprega o adestramento de forza para mellorar a saúde cardiovascular nesta etapa vital

Tres claves para coidar a microbiota… e durmir mellor

Reducir o estrés non só beneficia a nosa saúde mental, senón a nosa microbiota e a calidade do noso descanso. Por Sara Uceda Gutiérrez e Manuel Reiriz Rojas

A verdadeira identidade do lobo cerval das lendas galegas: a UDC identifica restos do extinto lince boreal

Unha investigación arqueolóxica atopa nunha sima dos Picos de Europa un esqueleto case completo da especie, datado en 210 anos de antigüidade