Galicia homenaxea a Juan Rof Codina, pioneiro da veterinaria

O Día da Ciencia galega, que se celebra este xoves, conmemora o impulsor da modernización no sector agropecuario galego

Pioneiro da veterinaria en Galicia, Juan Rof Codina xa é unha figura consagrada na nosa ciencia. Foi, ademais, impulsor da modernización do sector agropecuario galego e axudou a difundir o concepto de asociacionismo entre os gandeiros do país. O seu intenso labor científico é agora recoñecido no Día da Ciencia en Galicia, que se celebra este xoves 6 de outubro, como Científico Galego do Ano. Para celebrar a efeméride, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) organiza unha serie de actos co obxectivo de renderlle tributo e pór en valor a súa figura.

Máis polo miúdo, Rof Codina naceu en Barcelona en 1874 pero foi destinado a Lugo en 1898 como tenente veterinario militar. É aí, na cidade lucense, onde nace o seu interese polos problemas gandeiros de Galicia. A partir de entón traballou a prol da renovación técnico-produtiva da agricultura galega ao longo do século XX, destacando en dous campos: a aplicación e divulgación de novidades zootécnicas e a posta en práctica de medidas de hixiene pecuaria para a mellora do continxente gandeiro, para o que comeza a escribir artigos de difusión de boas prácticas; e a organización e valorización da profesión veterinaria en España.

Publicidade

Chega a Lugo en 1898 e aí nace o seu interese polos problemas gandeiros de Galicia

Tamén é importante salientar que ao longo de toda a súa vida escribiu unha inxente cantidade de artigos destinados a difundir as novas teorías nos terreos da agricultura e a gandería. Entre as súas obras destacan Galicia Pecuaria (1927), El color de la yema de huevo de gallina (1951), La avicultura en Galicia (1952) ou Nociones de avicultura (1962). A maior parte da súa obra orixinal e da súa biblioteca persoal foi doada pola súa filla Carmen Rof Carballo á Biblioteca da Facultade de Veterinaria de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), aínda que actualmente o Fondo Rof Codina está na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo da USC.

Ademais disto, Juan Rof Codina dá nome á Fundación Rof Codina —creada en 1994 e vinculada á USC— e ao Hospital Veterinario Universitario Rof Codina de Lugo, así como a unha rúa nesta cidade, a outra en Monforte de Lemos e a uns xardíns na súa localidade natal en El Prat de Llobregat (Barcelona). Outro dos seus fillos foi o prestixioso médico e ensaísta Juan Rof Carballo (Lugo, 11 de xuño de 1905 – Madrid, 12 de outubro de 1994), pai da medicina psicosomática e membro da Real Academia Española, encadrado na chamada Xeración do 36.

Un tributo á ciencia

Co obxectivo de homenaxear a Rof Codina, a RAGC celebrará un acto este xoves no Colexio de Fonseca. Dará comezo ás 19.00 horas cunha conferencia en torno á figura do homenaxeado que impartirá o catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela Lourenzo Fernández Prieto. Ademais, no transcurso do acto proxectarase un vídeo centrado na súa traxectoria vital e profesional. En representación da familia estará un dos seus netos, José María Sancho Rof, que foi xefe do Servizo de Endocrinoloxía do Hospital Ramón y Cajal de Madrid. No mesmo acto farase entrega das cinco Medallas de Investigación de Galicia que concede a RAGC. Os científicos/as distinguidos este ano son Jesús López Romalde, Ramón Máiz Suárez, Mª Ángeles Sanromán Braga, Jorge Mira Pérez e Isabel Pastoriza Santos.

Ademais dos actos programados pola RAGC, o Consello da Cultura presentará pola mañá unha publicación de autoría colectiva sobre Rof Codina producida por GCiencia. No acto participarán Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e Juan Manuel Lema, presidente da Real Academia Galega de Ciencias. De seguido, coa colaboración do Concello de Santiago, colocarase unha placa conmemorativa no Parque das Ciencias (fronte ao colexio La Salle).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC, galardoado por crear sistemas de calefacción e refrixeración máis ecolóxicos

Os Premios á Transferencia tamén recoñecen unha tecnoloxía da USC para extraer das augas residuais un mineral moi apreciado na agricultura

A matemática Elena Vázquez Abal, Premio de Divulgación da Academia de Ciencias

A gañadora por unanimidade pon en valor o recoñecemento ás mulleres que comunican e o uso do galego na profesión

O economista Antón Costas ingresa na Academia de Ciencias

O vigués destaca a necesidade de crear “un novo contrato social focalizado en devolver dignidade e recoñecemento ao traballo”

O economista galego Antón Costas, novo ingreso na Academia de Ciencias

O acto celebrarase o vindeiro luns no compostelán Pazo de San Roque ás 19:00 horas