Oposición e alumnos esixen reabrir a investigación por acoso sexual na UVigo tras o peche da vía xudicial

O equipo reitoral impón o silencio e non aclara se vai reactivar ou arquiva o expediente ao profesor de Filoloxía e Tradución sinalado por ata catro estudantes

“Estou escandalizado”, asegura Jacobo Porteiro, catedrático da Universidade de Vigo e un dos tres candidatos á reitoría. Pronuncia estas palabras tras revelarse ata catro casos de presunto acoso sexual cara a alumnas por parte dun profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución. O reitorado abriu unha investigación interna en febreiro de 2025 tras unha queixa formal interposta por unha das estudantes, quen tamén denunciou ante a Policía Nacional. O expediente disciplinario ao profesor quedou en suspenso ata que non se dilucidasen as responsabilidades penais e non se tomaron medidas cautelares. O pasado marzo arquivouse xudicialmente a causa por “falta de colaboración da vítima”, pero o equipo reitoral impón o silencio e non aclara se reabrirá a investigación interna. “A universidade terá que continuar indagando porque o asunto é moi grave. Hai que tratar de chegar ao fondo da cuestión. Quero pensar que o goberno actual reabrirá o caso”, declara Porteiro. Ás súas palabras súmase a Delegación de Alumnos da Facultade de Filoloxía e Tradución, que reclama a reapertura do expediente e anuncia un paro estudantil “en repulsa destes acontecementos”.

A instrutora da investigación interna foi a catedrática de Dereito María del Carmen Ruiz Hidalgo, quen en marzo de 2025 concluíu, tras atopar ata tres testemuños máis de presunto acoso sexual, que se debía continuar pescudando “con independencia do curso da investigación policial“. Recomendaba, ademais, que se tomase declaración ás alumnas do departamento ao que pertence o profesor, que continúa en activo, “aos efectos de profundizar no coñecemento dos feitos denunciados”. A UVigo non aclara en que punto está agora o expediente e aluden á confidencialidade do procedemento. A directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez Castro, tamén declinou facer declaracións.

Publicidade

Os testemuños

A alumna que denunciou o docente ante a Policía Nacional explicou que nunha titoría presencial celebrada en xullo de 2024, el abrazouna, bicouna no pescozo e realizou proposicións de tipo sexual. Ela dixo sentirse “nerviosa e asustada”, polo que marchou do despacho mais, nos días sucesivos, el púxose en contacto con ela a través de mensaxes de WhatsApp nos que solicitaba vela fóra da facultade e incluso ir ata a súa casa. Os testemuños doutras supostas vítimas relatan como el lles ofrecía agasallos, lles tocaba a cadeira e lles ofrecía visitalas nas súas casas de madrugada. Nas mensaxes que recolle o informe da UVigo incluso se describe como as alumnas trataban de evitar o profesor para non ter que cruzarse con el.

Un maior acompañamento

“Debemos partir da presunción de inocencia, pero as evidencias que imos coñecendo apuntan a un asunto moi grave e preocupante”, define Porteino. “Intento sacar unha aprendizaxe deste caso. O que se aprecia é que, moitas veces, as vítimas non se senten ben acompañadas e acaban abandonando o procedemento porque queren pasar páxina. É unha experiencia traumática”, engade o líder da candidatura ConSenso. A contorna máis próxima da alumna que denunciou xustifica a “falta de colaboración da vítima” descrita polo xuíz no arquivo da causa co seu escaso dominio do español dada a súa orixe estranxeira e polos seus problemas de saúde mental.

Publicidade

O centro vigués conta cun Protocolo de prevención e acción fronte ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo na Universidade de Vigo, actualizado o 26 de maio de 2025, catro meses despois da queixa formal presentada pola primeira alumna. A este respecto, Porteiro cualifica o documento de “moi ben elaborado e detallado”, mais considera que hai que ter máis sensibilidade co “sufrimento emocional da vítima”. Propón, por tanto, que a propia universidade contemple que, cando se abran investigacións de acoso sexual, ademais de nomear un instrutor se escolla unha “acompañante da vítima”: “Moitas das mulleres que denuncian son novas, non coñecen a institución e séntense indefensas ante a universidade, que pode ser un pouco abstracta e complexa”.

O estudantado

“Cabería esperar unha reapertura do expediente administrativo”, di o presidente da delegación de alumnos, Pedro Lago. Considera que, unha vez arquivada a causa xudicial, a universidade debería retomar a súa investigación interna para “estudar todos os testemuños e que, eventualmente, chegue a unha conclusión administrativa”. Expón, ademais, que o paro académico dun día que proxectan busca demostrar o “claro compromiso coa igualdade” e para evitar que non se repitan este tipo de situacións. Así mesmo, chama á calma: “Vin ameazas contra a integridade do suposto agresor. Ata que non haxa unha sentenza temos que manter a máis absoluta das cautelas e non pecar de desproporcionalidade”.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. De verdade non había mulheres con algunha implicación feminista a que preguntarlles por este tema? Na facultade hai moita rapaza feminista botando xa horas e traballo en actuar, pensar e acompanhar, e outras tantas con experiencias as que dar voz xd

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O catálogo ‘Quero ser investigadora’ alcanza a súa 6ª edición con dez historias de científicas da UVigo

O evento inclúe unha guía didáctica, contidos gamificados e unha versión audiolibro que conta cunha versión de lectura fácil

Unha quinta alumna sinala o profesor da UVigo por suposto acoso sexual: “Acurraloume e abrazoume nun corredor”

Unha nova estudante describe un episodio acontecido durante o curso 2022/2023 co docente da Facultade de Filoloxía e Tradución acusado por ata catro rapazas máis

Un estudo relaciona a debilitación das correntes oceánicas con idades de xeo máis longas e intensas

Unha investigación con participación da UVigo achega nova información sobre a evolución do clima e o papel do océano Atlántico no fenómeno
00:06:10

Dopamina e lampreas: así descifra o CINBIO o sistema que inflúe nas nosas decisións e que nos fai sentir pracer

O grupo Neurocircuits investiga como o cerebro procesa datos novos e calcula o valor das nosas accións cun modelo animal de máis de 500 millóns de anos