Investigadores galegos desenvolven biocarbón para impulsar unha viticultura máis sostible en Ourense

Un equipo da UVigo obtén resultados positivos ao empregar residuos agrícolas e biomasa invasora en solos de cultivo

Un equipo da Universidade de Vigo conseguiu elaborar con éxito biocarbón a partir de residuos de viñedo e de acacia e aplicalo en solos de viñedo. Isto podería mellorar a calidade deste tipo de terreos e a súa microbioloxía, reducir a dependencia de fertilizantes convencionais e contribuír á sostibilidade do sector vitivinícola en Ourense.

O proxecto foi realizado dende a Facultade de Ciencias do campus de Ourense por un equipo do grupo de investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos (BV1) e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA), encabezado por Vanesa Santás e completado con Manuel Arias, Paula Pérez e Cecilia Araceli Martínez.

Publicidade

O sector vitivinícola, comenta o equipo investigador, constitúe unha das principais actividades económicas da provincia de Ourense, onde a xestión de residuos derivados da poda, como as vides das cepas, supón un desafío ambiental. Ademais, engaden, a acacia (unha especie invasora en expansión en Ourense e Galicia) ameaza os ecosistemas autóctonos e require estratexias de control efectivas. Neste marco de traballo, o proxecto centrouse na produción de biocarbón a partir de residuos de viñedo (sarmentos) e biomasa de acacia, mediante procesos de pirólise controlada, e na avaliación do seu potencial como emenda agrícola en solos de viñedo, tanto a nivel fisicoquímico como microbiolóxico.

O proceso de investigación

A nivel experimental, detalla Vanesa Santás, elaboráronse distintos biocarbóns variando temperatura e tempo de pirólise (proceso termoquímico de descomposición de materia orgánica mediante calor intenso en ausencia de osíxeno). Finalmente seleccionáronse os materiais con mellores propiedades, con maior potencial funcional para a súa aplicación en solos de viñedo dende un punto de vista agronómico e ambiental. Estes biocarbóns aplicáronse en cinco solos de viñedo con características diferentes, empregando dúas doses, e analizouse a súa evolución ao longo do tempo en condicións de laboratorio.

Publicidade

En base aos resultados obtidos ao longo do desenvolvemento experimental, procedeuse á valoración do impacto ambiental e agronómico do biocarbón como emenda agrícola, considerando os seus efectos sobre as propiedades fisicoquímicas e a actividade microbiana dos solos. “Os cambios observados poñen de manifesto o potencial do biocarbón para modificar a dinámica fisicoquímica e biolóxica do solo, cunha resposta dependente das características iniciais do sistema edáfico [capa superficial da corteza terrestre], da dose aplicada e do tempo de incubación”, sinala o equipo da UVigo.

Resultados positivos

Segundo explica Vanesa Santás, os resultados obtidos indican que o biocarbón produce cambios moderados pero consistentes nas propiedades do solo, especialmente no pH, na condutividade eléctrica e na capacidade de intercambio catiónico. O efecto é máis notable en solos ácidos, mentres que en solos máis alcalinos a resposta é máis limitada. “Desde o punto de vista microbiolóxico, observouse unha resposta inicial das comunidades microbianas tras a aplicación do biocarbón, especialmente no crecemento bacteriano, aínda que este efecto tende a estabilizarse co tempo. A resposta depende en gran medida das características iniciais do solo”, engade a responsable do proxecto.

O proxecto foi realizado dende a Facultade de Ciencias por un equipo liderado pola investigadora Vanesa Santás. Imaxe: Universidade de Vigo.
O proxecto foi realizado dende a Facultade de Ciencias por un equipo liderado pola investigadora Vanesa Santás. Imaxe: Universidade de Vigo.

O equipo investigador indica que, en conxunto, o traballo realizado “apunta a que o biocarbón pode ser unha ferramenta interesante para mellorar a calidade do solo en viticultura, cun efecto progresivo e dependente do tipo de solo”. A transformación dos citados residuos en biocarbón permite xerar “un produto de maior valor engadido, susceptible de ser reutilizado como emenda agrícola”, aliñándose cos principios da bioeconomía circular e o fomento dun modelo de xestión eficiente e respectuoso co medio ambiente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Máis aló da madeira: o proxecto galego que busca novos aproveitamentos do monte dende Baroña

Multi-Forest, unha iniciativa impulsada dende Feuga, aplica imaxes satelitais para diversificar os usos do territorio, dende a micoloxía ata o certificado de calidade