Venres 19 Abril 2024

Ourense lidera un estudo para predicir as colleitas do Ribeiro

Investigadoras e investigadores da Facultade de Ciencias do campus de Ourense lideran un proxecto estatal que ten como obxectivo principal establecer modelos de predicción da colleita con varios meses de antelación para as variedades autóctonas de vide da Denominación de Orixe Ribeiro, unha das de maior importancia vitivinícola de Galicia. Para acadalo, están a analizar, en colaboración con outras entidades públicas e privadas, numerosos parámetros, desde os requirimentos de frío e calor das vides ata os niveis de esporas dos principais fungos.

Na imaxe: Alberto Vara, Marí­a Fernández, Francisco Javier Rodí­guez, Alba Piñeiro e Estefaní­a González.
Na imaxe: Alberto Vara, Marí­a Fernández, Francisco Javier Rodí­guez, Alba Piñeiro e Estefaní­a González.

Froito deste proxecto, os colleiteiros poderán saber a finais de maio ou principios de xuño a previsión de cantidade de uva que van a recoller e disporán dunha aplicación para teléfonos móbil sinxela e visual que lles indicará se é realmente preciso ou non fumigar en cada momento, atendendo non só ás condicións meteorolóxicas senón tamén á fase da vide e á existencia de patóxeno no aire. “A capacidade de predicir a colleita permitirá ao sector vitivinícola ser máis eficiente e a aplicación permitirá mellorar a calidade do viño”, explica Francisco Javier Rodríguez Rajo, investigador principal do proxecto.

Publicidade

O proxecto, titulado Estratexia para a optimización e desenvolvemento sostible da colleita de variedades autóctonas de vide da Denominación de Orixe Ribeiro, está financiado con 82.000 euros pola convocatoria de 2014 do Programa Estatal de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Orientada aos Retos da Sociedade, do Ministerio de Economía e Competitividade. No seu desenvolvemento participa un equipo multidisciplinar formado por especialistas en viticultura, botánica, fitopatoloxía, aerobioloxía e modelización estatística con redes neuronais procedentes de diferentes entidades públicas e privadas, concretamente das universidades de Vigo e Santiago de Compostela, da Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro e da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

A Cooperativa do Ribeiro, a USC e a Estación do Areeiro colaboran na investigación

“O obxectivo máis importante do proxecto é establecer modelos de predicción da colleita con varios meses de antelación, o que permitirá poder organizar as prácticas culturais, os traballos de bodega, a contratación de persoal ou seguros agrarios, ademais de evitar fraudes por introdución de uva foránea”, indica Rodríguez Rajo, coordinador do Grupo de Investigación en Aerobioloxía e Apicultura da Universidade de Vigo. Para acadar este modelo, o proxecto pretende obter información de numerosas variables relacionadas, como son as fenoclimáticas (requerimentos de frío e calor), de produción (pole por planta, pole por antera, anteras, flores e racimos da planta), eficacia de fecundación (grao de corremento e viabilidade dos grans de pole), aerobiolóxicas (niveis de esporas dos principais fungos fitopatóxenos e pole no aire de vitis), fitopatolóxicas (cuantificación das lesións) e meteorolóxicas.

Concretamente, con este estudo preténdese establecer modelos de predicción do inicio das diferentes fases fenolóxicas das variedades brancas de vide Loureira, Godello, Treixadura e Albariño mediante modelos fenoclimáticos que cuantifiquen as necesidades de frío e calor que condicionan a rotura da latencia e o posterior inicio do ciclo reprodutivo, prestando especial atención ás fases de floración e maduración. Tamén se avaliará a eficacia de fecundación de cada variedade, a viabilidade dos seus grans de pole e o seu grao de adaptación á comarca do Ribeiro. “Outro dos obxectivos que se persegue con este proxecto é recoñecer o grao de adaptación das variedades de vide estudadas en función dos requirimentos bioclimáticos da planta, o cal será de gran beneficio para o futuro deseño de novas plantacións”, comenta Francisco Javier Rodríguez Rajo.

O proxecto estudará tamén o pole da vide.
O proxecto estudará tamén o pole da vide.

Aproveitando esta información, as investigadoras e investigadores tentarán igualmente establecer modelos de predicción mediante redes neuronais da concentración de pole no aire e das esporas dos principais fungos fitopatóxenos na atmosfera dos viñedos do Noroeste de España. Tamén determinarán posibles umbrais de risco de infección a partir da comparación entre as concentracións de propágulos de fungos fitopatóxenos no aire, do estudo dos síntomas das enfermidades que producen e da detección inmunolóxica de concentracións de fungos na atmosfera do viñedo. Para que efectivamente se dé infección por fungos, apuntan os promotores do proxecto, tense que cumprir o “triángulo da enfermidade”, é dicir, que coincidan uns determinados valores de condicións meteorolóxicas, de fase fenolóxica da planta e de existencia do patóxeno no aire. Na actualidade, advirten, fumígase tendo en conta só a primeira variable, as condicións climáticas.

Froito do modelo creado, no marco do proxecto crearase unha estación de aviso de posibles infeccións de fungos para optimizar o cultivo integral e sustentable da vide nesta denominación de orixe. “Para difundir aos viticultores esta información deseñaremos no marco deste proxecto unha plataforma para teléfonos móbiles que terá como fin difundir a información de prevención de pragas entre os profesionais do sector”, indica o investigador principal do estudo. A posta en marcha desta estación de avisos de infección de fitopatóxenos, engade, “será útil para reducir a aplicación de produtos fitosanitarios, o cal redundará na calidade do viño e na protección do medio ambiente e do consumidor”.

Por último, no marco deste traballo compararanse as tendencias dos parámetros de produción, fenolóxicos e fitopatolóxicos analizados fronte ás tendencias dos principais parámetros meteorolóxicos durante os últimos anos co obxectivo de valorar o impacto que terán sobre o cultivo da vide na área de estudo os diversos escenarios de cambio climático preditos polo Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático IPCC. A vide, indican os responsables do proxecto, é un excelente indicador de cambios asociados ao quecemento climático por ser moi sensible a fluctuacións climáticas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo