Protocolos notariais e fotos do século XIX: a Catedral de Santiago dixitaliza máis de 82.000 documentos en liña

O novo espazo virtual do Arquivo-Biblioteca incorpora fondos medievais e unha base de datos pública sobre peregrinacións a Compostela

A Catedral de Santiago custodia unha ampla colección de documentos históricos. Así, o Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago (ABCS) recolle e conserva a información histórica xerada polo Cabildo no exercicio das súas funcións, e actualmente tamén a pon a disposición en liña. Unha nova páxina web permite consultar 82.913 documentos pertencentes á colección privada, dos cales 47.520 contan con contidos dixitais asociados. Entre eles destacan numerosas aceptacións, documentos nos que unha persoa ou institución acepta oficialmente un cargo, beneficio, doazón ou compromiso eclesiástico ou xurídico, así como protocolos notariais dos séculos XVI ao XVIII, actas capitulares do século XVII e fotografías decimonónicas do sacerdote José Limia Rodríguez.

A páxina web estrutúrase en tres apartados principais: información xeral sobre o Arquivo, “Fondos e Coleccións” e “Servizos”. Deste xeito, pódese coñecer a composición dos fondos bibliográficos da Biblioteca da Catedral de Santiago (BCS). Por unha banda, existen fondos pechados —como a Colección Alejandro Barral, o Fondo Histórico, a Colección Guerra Campos e a Colección López Ferreiro— e, por outra, fondos abertos, como o Fondo Xeral, o Fondo Xacobeo, os materiais de referencia e as publicacións seriadas, que continúan a medrar grazas ás doazóns.

Publicidade

Apartamento de Alonso Cordero, veciño da cidade de Santiago, por inxurias verbais. Imaxe extraída da páxina web do Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago.
Apartamento de Alonso Cordero, veciño da cidade de Santiago, por inxurias verbais. Imaxe extraída da páxina web do Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago.

Que documentos se poden atopar?

A BCS conta con máis de 16.000 rexistros bibliográficos, dos cales arredor de 9.000 están accesibles ao público. Con este volume de información, o Arquivo-Biblioteca da Catedral convértese nun dos centros de patrimonio documental e bibliográfico máis importantes de Europa. Os seus fondos remóntanse aos primeiros séculos da Idade Media, coincidindo coa orixe da propia sé de Santiago. O responsable da custodia deste material é o arquiveiro-bibliotecario, encargado de conservar e catalogar os fondos, ampliar a Biblioteca Capitular e facilitar o acceso ao arquivo tanto aos investigadores como, grazas a Internet, ao público xeral.

Ao acceder aos documentos do Arquivo-Biblioteca, os resultados poden filtrarse segundo distintos criterios. Entre os diferentes creadores documentais destaca o excusador Francisco Rodríguez, que aparece como asinante do maior número de documentos, cun total de 1.992 rexistros. As materias tratadas abranguen unha ampla variedade de asuntos, desde preitos ata tenzas e casas, así como obras e reparacións. Tamén se recollen foros, limosnas, libranzas, axudas de costa e visitas de casas, o que reflicte a diversidade da actividade administrativa e económica documentada no arquivo.

Publicidade

Peregrinos medievais

Entre os servizos máis interesantes que ofrece esta páxina web destaca a Base de Datos de Peregrinos Medievais (BADAPEM). Trátase dun portal interactivo de acceso público, libre e gratuíto que permite buscar e consultar datos e referencias nominais de peregrinos que viaxaron e chegaron a Compostela entre os séculos IX e XV. Deste xeito, a información pode filtrarse segundo distintos criterios, como o lugar de procedencia, as datas, a profesión ou o sexo dos peregrinos.


Podes consultar o Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago na seguinte ligazón.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A dixitalización das aulas avanza amodo en Galicia: “Hai centros que queren volver ao papel, é preocupante”

Un proxecto estatal con persoal dos campus galegos analiza durante máis dunha década os materiais didácticos da ESO e insta a un cambio de paradigma

O 95% dos procedementos administrativos da Xunta máis solicitados serán dixitais en 2027

O investimento no Plan de Dixitalización Plena achégase aos 10 millóns de euros para avanzar en tecnoloxías como a intelixencia artificial e a analítica de procesos

Reconstruído en 3D o sepulcro do arcebispo Bernardo II de Santiago datado no século XIII

A cabeza da arquidiocese entre 1224 e 1237 da capital galega foi enterrado nunha tumba con elaboradas inscricións e no que está esculpido a súa figura

Xoana de Castro, unha raíña para a eternidade

O seu matrimonio con Pedro I de Castela foi moi efémero pero ela defendeu o seu título rexio ata a fin dos seus días