Xoves 15 Xaneiro 2026

O cemiterio dos peregrinos, a necrópole esquecida da historia de Compostela

Investigadores da USC reconstrúen a evolución dun espazo funerario clave, ligado á peregrinación medieval, hoxe oculto tras o Pazo de Raxoi e fóra da memoria colectiva

Santiago de Compostela construíuse sobre un sepulcro, pero a súa historia tamén se escribe coas milleiras de tumbas sen nome que rodean a catedral. O cemiterio de peregrinos de Santiago foi un caso único de patrimonio funerario condenado ao esquecemento. Tras o Pazo de Raxoi, alí onde están as sombras dos cipreses, xace o antigo Cemiterio de Peregrinos. Así analizan os investigadores da Universidade de Santiago José Manuel Suárez García e Jorge Viz González a evolución deste espazo nun artigo publicado en Cuadernos de Estudios Gallegos no ano 2023.

Os autores sinalan os cemiterios como os lugares onde mellor se reflicten as crenzas dunha sociedade. Con todo, isto non é algo que saiba todo o mundo, polo que o abandono do patrimonio funerario é a resposta a este descoñecemento.

Publicidade

No caso de Compostela, unha vez que os camposantos perderon a súa función, como ocorreu co cemiterio de Bonaval ou co descoñecido cemiterio de peregrinos, foron abandonados. Esta situación acentúase sobre todo no segundo mencionado dada a desconexión emocional: “Foi dende sempre un cemiterio sen vínculos parroquiais nin familiares coa meirande parte dos composteláns”, explican Suárez e Viz no seu artigo. O contexto acrecéntase se se ten en conta o século e medio que estivo en desuso, despois de anos de evolución. Esta é a súa historia.

O paradoxo do Calixtino

A crónica evolutiva do cemiterio de peregrinos de Santiago comeza co Códice Calixtino. No libro V, o autor fai referencia a sete portas e dez igrexas na cidade compostelá do século XII. Concretamente interesa a quinta, da Santísima Trinidade, coñecida tamén como camposanto dos peregrinos, vinculada tamén á Porta do Santo Peregrino, que despois pasará a nomearse porta do Hospital. Vázquez Castro aseguraba no ano 1998 que esta denominación atribuída aos peregrinos podía deberse máis a unha propaganda para os destinatarios da obra que ao propio uso dos habitantes composteláns.

Publicidade

Rúa das Hortas, Pelayo Mas, 1919. ADMin_MemoriasdeCoMPostela, “Rúa das Hortas [P.
Mas, 1919]”, Memorias de Compostela, 2015
Rúa das Hortas, Pelayo Mas, 1919. ADMin_MemoriasdeCoMPostela, “Rúa das Hortas [P. Mas, 1919]”, Memorias de Compostela, 2015

A finais do século IX e comezos do X, aparecen os primeiros hospicios. Segundo o investigador da USC José Armas Castro, citado no artigo, neste momento aparece o “primeiro hospital de pobres e peregrinos dentro da cidade”. Cara ao ano 900, álzase en Compostela un edificio de pequenas dimensións fronte á porta norte da basílica de Santiago, onde remataba o camiño seguido habitualmente polos peregrinos xacobeos. No XI comezan a facerse máis abundantes as referencias a peregrinos e, un século máis tarde, empézase a falar sobre o Hospital de Santiago.

Xa no século XV, concretamente no ano 1466, a crónica da viaxe de León de Rosmithal tamén referenciará o cemiterio de peregrinos: “Fóra da cidade tamén pero unida ás murallas, hai outra igrexa onde enterran ós peregrinos que morren na cidade e ós pobres do hospital”. Os autores do artigo sospeitan que o atrio do campanario barroco da rúa das Hortas debeu ser o espazo destinado a dito camposanto.

Antonio López Ferreiro sitúa o cemiterio dos peregrinos entre a Catedral e o mosteiro de San Martiño Pinario. Indica, ademais, que os corpos dos peregrinos pobres defuntos debían sepultarse a carón da igrexa que alí se debía construír. Segundo Suárez García e Viz González, a capela da Trindade mencionada no Códice Calixtino foi unha peza clave do proxecto de Diego Xelmírez, quen, no marco da reforma gregoriana, institucionalizou o enterramento dos estranxeiros para dar prestixio á peregrinación. Ademais, servía como ferramenta propagandística ao garantir un espazo sagrado e digno para aqueles que morrían lonxe da casa.

Caridade dos Reis Católicos

Cando os hospitais de Santiago deixaron de cubrir por completo as necesidades dos peregrinos, os Reis Católicos decidiron construír un grande hospital para facilitar un espazo de cura para os viaxeiros. “Ay mucha necesydad de un ospital donde se acojan los pobres peregrynos e enfermos que alli binieren, e por falta de tal hedificio han pereçido e perecen muchos pobres enfermos e peregrinos por los suelos de la dicha iglesia e otras partes“, versaba o poder outorgado polos Reis Católicos a Diego de Muros para a construción do hospital o 3 de maio de 1499.

Ao mesmo tempo, mercan uns terreos destinados a crear un cemiterio para o hospital. As obras da capela, onde o cemiterio dos Peregrinos do Hospital Real de Santiago, deberon avanzar á vez, segundo sinalan os investigadores da USC. Tal e como se reflicte nunha cita do artigo, os Reis Católicos prohibiron a costume de velar ou dicir as misas no zaguan para obrigar a que o defunto fose honrado cunha misa de corpo presente na igrexa ou no propio cemiterio. Ademais, establecen unha liturxia perpetua cada luns, outorgándolle ao camposanto dos peregrinos o mesmo rango espiritual cas grandes catedrais, asegurando que o estranxeiro sen familia recibise o mesmo amparo que un veciño de Santiago.

Así, Viz e Suárez explican que nas inmediacións da capela de Vera Cruz ou das Angustias era onde se enterraban aos peregrinos falecidos no hospital, mentres que na Trindade recibían sepultura aqueles falecidos que non recibían asistencia médica. “Con todo, a documentación da que dispoñemos nada aclara ao respecto”, escriben no artigo.

O desterro dos peregrinos

Chegaría o século XVIII coa época das Luces, e con ela un dos maiores proxectos de Compostela para modificar a súa trama urbana: en 1766 constrúese o Pazo de Raxoi. Así, o cemiterio de peregrinos quedaría encaixado detrás do novo palacio, nun recuncho sombrío. Con todo, nun contexto de pestes, fame e fervor relixioso, o cemiterio vese como un foco de infección. A raíz desta preocupación, clausúrase o principal camposanto da cidade, a Quintana.

Plano de Santiago de Compostela, mediados do século XVIII. Francisco Ferreiro. Foto: Instituto
de Estudos Galegos Padre Sarmiento, CSIC
Plano de Santiago de Compostela, mediados do século XVIII. Francisco Ferreiro. Foto: Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, CSIC

Así, durante a primeira metade do século XIX comezan a decretarse leis para suprimir os cemiterios urbanos e o desterro dos mortos a distancias cada vez maiores do centro das urbes. En 1811 declárase o peche do cemiterio situado detrás do Pazo de Raxoi. Centro trinta e cinco anos despois, en agosto de 1946, establécese un repartimento dos mortos da cidade entre dous cemiterios: Bonaval e Santa Susana. Os que descansaban no Hospital Real debían pasar a este último, pero un ano despois decídese ocupar só Bonaval. “A mediados do século XIX a área da antiga porta da Trindade perdera toda función funeraria”, sinalan os autores do artigo de Cuadernos de Estudios Gallegos.

Caída no esquecemento

Coa caída en desuso, as capelas das Angustias de Abaixo e da Trindade comezan o seu camiño cara ao esquecemento. O declive inicia co rexeitamento da Coroa de manter o Hospital Real, convertido en Hospital Provincial da Coruña en 1949: “Unha vez clausurado como cemiterio, o terreo só se aproveitaba para tendeiro das roupas do Hospital”, sinala Jesús Ángel Sánchez García no ano 2020.

A pesar de que non existe un vínculo entre o cemiterio de peregrinos e os cidadáns de Compostela, segue a formar parte do patrimonio funerario da cidade. José Manuel Suárez García e Jorge Viz González denuncian a falta de vontade de recuperación e posta en valor do espazo. “As sombras dos cipreses recordan o pasado funerario do lugar”, conclúen no artigo.


Referencia: O espazo funerario do cemiterio de peregrinos de Compostela (Publicado en Cuadernos de Estudios Gallegos)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nin bárbaros nin salvaxes: así coidaban os galegos dos seus enfermos hai 1.500 anos

Unha investigación da USC revela que as comunidades galegas mantiñan redes de solidariedade vitais para protexer os máis vulnerables

A perigosa bacteria que ataca os vexetais, ás portas de Galicia: “Non estamos preparados”

A 'Xylella fastidiosa' identificouse en case 600 especies e pode causar enfermidades graves e morte en oliveiras, cítricos, vides, froiteiras de óso e plantas ornamentais

Cinco dedos e 78 nomes en galego: do matapiollos ao dedo da puñeta

Un mapa interactivo creado polo Instituto da Lingua Galega documenta a enorme diversidade terminolóxica existente en Galicia e no norte de Portugal

Identificados no noroeste peninsular 14 lagares de cera excepcionais en Europa

Un estudo da USC analiza a distribución de construcións tradicionais para aproveitar os produtos apícolas e das que apenas existen exemplos conservados no continente