Un audiovisual reconstrúe por vez primeira en 3D a fachada orixinal do Pórtico da Gloria

O proxecto KosmoTech_1200 presenta un vídeo que recrea as oito esculturas tal e como foron concibidas polo obradoiro do Mestre Mateu

As esculturas de Ezequiel e Xeremías estiveron durante décadas en mans da familia Franco, ata que unha sentenza do Tribunal Supremo ditaminou en xuño de 2025 que debían ser devoltas ao Concello de Santiago, o seu lexítimo propietario. As pezas, que o Mestre Mateu pensou para a entrada do Pórtico da Gloria, chegaron a Compostela a comezos de decembro e agora están expostas no Museo do Pobo Galego. A mostra que as homenaxea apóiase nunha peza audiovisual de 16 minutos que achega a primeira reconstrución integral en 3D da fachada do Pórtico da Gloria da que formaron parte as esculturas.

O audiovisual é froito do proxecto KosmoTech_1200 da Universidade de Santiago (USC) e do Centro Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC). A reconstrución contou coa colaboración da Fundación Catedral de Santiago e do Consello da Cultura Galega. Francisco Prado-Vilar está á fronte na dirección científica e Alexandre González Rivas na virtualización e restauración dixital mediante a implementación dun fluxo de traballo complexo que integra máis de 11 softwares especializados (entre eles Blender, ZBrush, Substance Painter, Unreal Engine e DaVinci Resolve).

Publicidade

Das cores á roupa

A peza recupera as policromías orixinais das esculturas, baseándose nos estudos de pigmentos e motivos decorativos da primeira policromía do Pórtico e en documentación comparativa, de xeito que ofrece unha lectura iconográfica da composición e movemento das vestimentas e do simbolismo dos personaxes. Deste xeito, apréciase con nitidez “o colérico visionario Ezequiel” e “o desolado Xeremías”. Para Francisco Prado-Vilar, as esculturas volven a Santiago cun espírito novo, xa que o coñecemento que adquirimos sobre elas grazas ás investigacións que acompañaron o seu proceso de recuperación contribuíron decisivamente á súa revalorización.

Cada unha das obras que poden admirarse na peza documental foi obxecto dun rigoroso e laborioso proceso de restauración dixital que combina fotogrametría de alta resolución, o esculpido 3D para a anastilose dos fragmentos perdidos “e unha restitución cromática integral destinada a recuperar o naturalismo emotivo que caracterizaba as efixies mateanas, así como a optimizar a lectura formal das súas vestimentas”, explica Prado-Vilar. Este procedemento permite apreciar “a extraordinaria sofisticación do deseño de panos, cuxos pregues se concibiron para responder aos fluxos de aire do nártex onde orixinalmente se situaban as esculturas”, engade.

Publicidade

Outras figuras

Pero na reconstrución audiovisual do Pórtico non só se descobren as figuras de Ezequiel e Xeremías na súa forma e colocación orixinais; tamén se aprecian de forma inédita outras obras mestras do Pórtico como as Testemuñas da Apocalipse, Enoc e Elías, que hoxe se atopan no Museo de Pontevedra; a estatua-columna descuberta en 2016 que seguramente representa o profeta Zacarías, un personaxe enigmático que tería ocupado o umbral da fachada mateana “anticipando a análoga posición que lle outorgaría Miguel Ángel no acceso á Capela Sixtina”, engade Prado; ou a extraordinaria efixie de Santiago miles Christi, a primeira representación monumental de Santiago como cabaleiro, orixinalmente disposta na parte baixa fachada da cripta do Pórtico para recibir as comitivas de nobres, príncipes e reis que acudían á catedral do Reino de Galicia para ser investidos cabaleiros.

O rei Salomón

Entre estas actuacións destaca a restauración dixital da escultura do rei Salomón. A intervención centrouse na recuperación da cabeza orixinal, hoxe substituída por unha prótese pétrea posterior que altera de maneira significativa a coherencia formal e expresiva da figura. Durante moito tempo creuse que a cabeza primitiva fora destruída no século XVII; porén, a investigación arquivística permitiu identificar dúas fotografías do século XIX (unha frontal e outra lateral) nas que se comproba con claridade que aínda se conservaba daquela.

A partir destas imaxes, e mediante unha análise comparativa coa cabeza do rei David procedente do mesmo obradoiro, levouse a cabo un proceso de anastilose dixital mediante esculpido 3D que permitiu reintegrar a cabeza cun elevado grao de precisión morfolóxica e estilística. Esta restauración dixital recupera a integridade formal e a dinámica expresiva da escultura, poñendo de relevo a sofisticación do seu deseño, o refinamento do tratamento dos panos e o seu intenso sentido do movemento, cualidades que a sitúan entre as obras mestras da escultura medieval.

Outros elementos

Ademais da restauración escultórica, abordouse tamén a recuperación de elementos estruturais fundamentais da fachada a partir de modelos fotogramétricos. Entre eles destaca o arco principal, reconstruído integramente a partir das dovelas conservadas. “Estas pezas revelan un nivel de sofisticación volumétrica e ornamental excepcional, con presenza de motivos xeométricos de claras raíces andalusís, e permiten comprender a magnitude dunha entrada que superaba os sete metros de luz, unha das grandes fazañas técnicas e visuais do Pórtico”, advirte Prado-Vilar.

Xunto a este traballo, levouse a cabo a restauración dixital do único rosetón conservado, procedente dunha das entradas laterais. A reconstrución das partes perdidas e da súa policromía fixo posible empregalo como modelo para a visualización do gran rosetón central, hoxe desaparecido, pero célebre na súa época e coñecido nas fontes como o “espello grande”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un fármaco reduce á metade os días de xaqueca en pacientes sen resposta a outros tratamentos

O 44% dos participantes do estudo experimentaron unha melloría clínica e diminuíron a intensidade da dor e a necesidade de medicación

Así é como as eclipses alteran a intensidade do vento, a temperatura e a formación das nubes

Os cambios atmosféricos que se producen cando a Lúa opaca o Sol son moi breves pero teñen moito interese para a meteoroloxía

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

Por que está de moda o magnesio?

Unha inxestión insuficiente do mineral pode asociarse a fatiga, debilidade e alteracións neuromusculares, pero non significa que haxa que suplementarllo a todo o mundo