A tradición vitivinícola vai estreitamente ligada á identidade de Galicia. Boa parte da poboación galega, en especial do sur da comunidade, participou nalgunha vendima, ou, canto menos, coñece a quen o fixo. É unha actividade cunha historia milenaria na rexión: o Museo do Viño de Galicia sinala que o lagar rupestre no Castro de Santa Lucía de Astariz (Castrelo de Miño) sitúa o cultivo da vide no territorio galego polo menos no século III d.C., aínda que a súa data de inicio oficial é descoñecida. Na actualidade, o proceso de cultivo, recollida e procesado das uvas para a produción de viño xúntase á diversidade paisaxística natural e a oferta gastronómica galega como un dos grandes reclamos turísticos que ofrece a comunidade.
Resulta un destino especialmente atractivo para os amantes do enoturismo debido ás cinco Denominacións de Orixe (D.O.) que reúne Galicia e que achegan unha importante variedade vitivinícola. O xerente da D.O. Monterrei, Gonzalo Losada, asegura que se trata dunha oferta con perspectivas ascendentes: “O turismo enolóxico é un nicho que aínda non está completamente explotado”. Concorda con esta opinión a técnica da Ruta do Viño das Rías Baixas Laura Espósito, que sinala que é un sector cunha ampla marxe de crecemento.
Cinco denominacións de orixe
Os produtos recoñecidos como parte dunha Denominación de Orixe Protexida son aqueles cuxas características están estreitamente ligadas co contexto xeográfico no que se atopan, dende a súa produción ata a súa posterior transformación e elaboración. Gonzalo Losada explica que se require cumprir unha serie de requisitos, como chegar a un certo rendemento por hectárea dentro dos límites xeográficos establecidos, manter un rigoroso control de calidade sobre a produción, empregar sempre só as variantes declaradas como parte dunha D.O., etc. “Existen órganos de control que están en continuo contacto coas bodegas; audítanas para verificar o cumprimento das normativas”, conta Losada.
En Galicia hai cinco Denominacións de Orixe que se concentran nas provincias de Ourense e Pontevedra. Na segunda atópase a D.O. Rías Baixas, coñecida polo seu viño Albariño. No territorio ourensán atópanse as catro restantes: da D.O. Ribeiro, a máis antiga de Galicia; a D.O. Ribeira Sacra, onde destacan as súas paisaxes e mosteiros; a D.O. Valdeorras, recoñecible pola variedade de uva Godello; e a D.O. Monterrei, onde conflúen o patrimonio histórico e a tradición vitivinícola.
A unión do viño coa identidade
Entre as características necesarias para considerar un produto parte dunha Denominación de Orixe, é preciso que a totalidade do seu proceso produtivo estea ligado á terra que ostenta o distintivo. Esta aposta polo produto local serve tamén para fomentar a asociación do viño ao lugar no que se fai, o que consolida a identidade vitivinícola de dita zona.
“Hai unha tradición vinícola moi longa. No caso de Monterrei, estamos a falar de que é a zona con máis lagares rupestres do norte peninsular. Nesta comarca xa se facía viño hai máis de 2.000 anos. En Mourazos atopouse unha estatua de Dionisio, a deidade grega patroa do viño, que nos leva máis de dous milenios cara ao pasado”, apunta Gonzalo Losada.
Este mesmo sentimento de identificación coa cultura vitivinícola vai máis alá da comarca ourensá. Laura Espósito conta que a zona das Rías Baixas está estreitamente ligada á produción do viño: “A tradición enolóxica está moi presente na identidade das Rías Baixas. Por exemplo, o método de emparrado do noso territorio é moi representativo e adoita chamar a atención dos visitantes. A nosa é unha identidade moi diversa: contamos con cinco subáreas coas súas respectivas tradicións, paisaxes e cultivos“.
O enoturismo, en cifras
Turismo de Galicia revelou nun comunicado que no ano 2025 rexistráronse preto de 160.000 turistas que visitaron a comunidade por motivos enogastronómicos. No documento apuntan que “este tipo de viaxeiro é especialmente estratéxico dentro do modelo turístico da Xunta pola súa capacidade de gasto. De feito, invirten un 30% máis en restaurantes e outras actividades gastronómicas que os visitantes xeneralistas”, e engaden que o gasto medio diario dos enoturistas ascendeu a 201,80 euros por persoa.
O xerente da D.O. Monterrei indica que o perfil máis habitual do turista enolóxico corresponde con visitantes urbanos, cunha posición media-alta e dunha idade entre os 40 e os 55 anos. Así e todo, aclara que tamén están a percibir un aumento no interese por parte dos adultos máis novos: “En xeral, crece a demanda enoturística en todas as franxas de idade, pero si que vemos que a xente nova se decanta máis por escapadas de fin de semana”. Monterrei é unha Denominación de Orixe emerxente, aínda dándose a coñecer, e estiman que acollen unha cifra anual de entre 500 a 700 visitantes ao ano.
A Ruta do Viño das Rías Baixas pertence ao Club de Produto Rutas do Vino de España; é a única de Galicia dentro da asociación. Segundo o último informe da asociación, que amosa os datos de 2024, a Ruta do Viño das Rías Baixas recibiu uns 155.000 visitantes. “Esta cifra sitúanos como a sétima dentro das 38 rutas que existen a nivel nacional”, declara Laura Espósito. A técnica conta que o perfil maioritario corresponde con visitantes de España: “En 2024 superaron o 70% dos turistas totais. Veñen principalmente de Madrid, Castela e León e Cataluña; adoitamos rexistrar menos usuarios de orixe local”.
“O seu interese segue incrementándose, sobre todo entre as persoas de cidades grandes que teñen curiosidade por coñecer a tradición vitivinícola da zona”, indica Losada. Engade que parte deste incremento nas visitas está estreitamente relacionado coa modernización das bodegas, que cada vez se conciencian máis do reclamo que supoñen, a través da súa actualización e acondicionamento para recibir visitas.
As actividades dispoñibles para o enoturista
Máis alá das tradicionais catas de viño ou as visitas ás adegas, dúas opcións que, por si mesmas, son o principal motivo de visita por parte dos enoturistas, as empresas e asociacións do sector son conscientes do valor engadido que supón a diversificación de actividades. “Realizamos un showcooking —un espectáculo de cociña— co chef José Luís Prieto, do restaurante Michelín O Retiro do Conde, e tamén temos prevista unha actividade deportiva, a primeira Lagares Wine Rune, que levará os participantes por un tramo de 10 quilómetros —en formato andaina ou carreira— que pasa por todas as zonas vitivinícolas de Oímbra”, explica Gonzalo Losada.
“Dende a Ruta do Viño das Rías Baixas promocionamos o territorio a través de actividades tanto cos nosos socios [adegas, destilerías, hoteis, restaurantes…] como co público final. Para os primeiros facemos propostas de formación e asesoramento. Para os segundos, temos unha ampla oferta de actividades que se poden realizar en asociación co factor vitivinícola: combinamos cerámica con viño, traballamos con flores, e mesmo facemos ioga entre viñedos”, conclúe Laura Espósito.













