As cabanas de Enoturismo María Manuela en Boqueixón
As cabanas de Enoturismo María Manuela en Boqueixón

Enoturismo na Ribeira do Ulla: durmir nun bosque con vistas ás vides

Por Boqueixón pasan dos vías de peregrinación, e aquí existe un complexo turístico único para pasar a noite nunha cabana e o día rodeado de uvas de albariño

Durmir nunha árbore e á beira de viñedos de albariño. Este é o curioso proxecto que se desenvolveu en Boqueixón, e no que deron un paso máis aló con respecto as cabanas hotel que xa existían en Galicia. Esta experiencia no medio dun bosque é a primera deste tipo que se fai en territorio español.

Este innovador complexo turístico conseguiu para a súa construción o apoio de fondos do programa Leader, xestionados a través do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela. En total foron 175.000 euros, o que supón o 44 % do custo total do proxecto, que permitiron construír seis cabanas de madeira integradas na paisaxe, con capacidade para aloxar a 18 persoas.

Enoturismo María Manuela comezou cando recibiron en herdanza dos avós maternos de Adriana Rodríguez unhas fincas nas que comezaron a plantar vides de albariño. Compraron tamén outros terreos anexos nos que había unha carballeira, ademais de castiñeiros, piñeiros e outras árbores. Cando comezaron a talar as árbores, deulles tanta mágoa, que decidiron paralo e pensar que facer cun lugar tan fermoso. Foi entón cando idearon a posibilidade de construír unhas cabanas nas árbores, pero mesturando o mundo do viño. Ao tratarse de chan rústico, estiveron traballando durante 3 anos nun plan especial, que tivo luz verde hai pouco e que está aínda arrincando.

Unha das cabanas diante das vides de albariño
Unha das cabanas diante das vides de albariño

O primeiro que fixeron foron seis cabanas, que levan nomes de árbores e que inauguraron o pasado mes de novembro. Tamén están a finalizar a recepción, que pensan inaugurar xa nos próximos días. O seu obxectivo é o de promover un turismo especializado nas zonas de produción vinícola, tratando de dar a coñecer desde dentro o mundo do viño. Nos terreos nos que se construíu este novo aloxamento turístico existe unha plantación de albariño amparada pola denominación de orixe Rías Baixas. Ademais, nunha segunda fase está prevista a construción dunha adega de produción onde se elaborará o viño da propia leira. Contan tamén cun permiso para edificar outras seis cabanas máis, aínda que a adega vai ser o punto principal deste complexo, e esperan tela en funcionamento a finais deste ano ou comezos do que vén.

De momento o que fan é vender a uva que sae das súas fincas de produción a Mar de Frades, pero cando teñan a adega pensan sacar a súa propia marca de viño, que se vai chamar María Manuela na honra da bisavoa e da avoa de Adriana Rodríguez. “Para nós é unha forma de recordalas e de homenaxear a estas mulleres do rural que levaron unha vida moi sacrificada. Por iso a imaxe do logo é unha muller nova”.

Destas fincas de máis de sete hectáreas sae un viño máis ácido e menos doce do que se pode atopar no Salnés, polo que lle da algo máis de acidez ao produto final. A uva ten unha maduración máis tardía, polo que se recolle unha semana despois que noutras zonas de albariño. A zona onde están estas vides de María Manuela coñécese como a Ribeira do Ulla. Trátase dun lugar en auxe para plantar albariño. “É unha terra moi pobre, e a uva, canto máis pobre sexa a terra, mellor sae. Dase a circunstancia de que nas nosas fincas cruzáronse as placas tectónicas, e na superficie temos a placa tectónica máis antiga. De feito, de aquí sacaron un monolito para o museo do viño de Galicia por esta curiosidade”.

Nas máis de sete hectáreas deste complexo teñen plantado albariño da ribeira do Ulla que destaca pola súa acidez

O obxectivo desta iniciativa foi o de ofertar un servizo diferenciado a través dunha arquitectura singular, poñendo en valor unha zona rural de gran beleza, pola que discorren dúas vías de peregrinación, ademais de fomentar actividades de carácter lúdico-recreativas en contacto coa natureza.

Agora mesmo, os que van ata as cabanas só poden dar paseos polas vides ou durmir mirando aos viñedos. A partir da apertura da recepción, van facer unha vinoteca onde se poidar dar un paseo polas denominacións de orixe galegas, amais de facer, cando veña a primavera e o verán, catas e experiencias dirixidas ao mundo do viño, como visitas guiadas ou mesmo participar na próxima vendima. “Aquí vén moita xente de cidade a vivir esta experiencia. As vendimas son moi duras, polo que trataremos de que a xente participe durante unhas horas, para saír de aquí con esa sensación de ter pasado un tempo entre vides”, conclúe Adriana Rodríguez de Enoturismo María Manuela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.