Bagazo de uva de Albariño para reducir o uso de antibióticos en animais

A catedrática de Química Analítica da USC Marta Lores coordina un proxecto que dispón de oito millóns para contribuír a evitar as resistencias bacterianas

Un conxunto de novos produtos que se usarán en animais, como alimentos, profilácticos ou diluíntes de esperma, baseados en extractos naturais que levan como ingrediente activo un composto obtido do bagazo de uva branca da variedade Albariño. Con eles intentarase reducir o uso de antibióticos na gandería ou a acuicultura, substituír os conservantes sintéticos e, por tanto, evitar un maior risco da aparición de resistencias bacterianas, un problema crecente de saúde pública que xa está a causar preocupación no sector da alimentación. É a base do proxecto NeoGiANT, coordinado pola catedrática de Química Analítica da USC Marta Lores, e que recibiu da Unión Europea un financiamento superior aos oito millóns de euros no marco do programa H2020.

“A proposta baséase na valorización de residuos da industria vitivinícola (co-produtos) procedentes de viños brancos de alta calidade que conservan, tras o proceso de vinificación, unha importante carga dos compostos bioactivos orixinalmente presentes na uva”, explica a profesora Lores. Co fin de obter un extracto multicompoñente listo para o seu uso dun modo eficiente e “verde”, aplícase unha metodoloxía alternativa á extracción convencional que é, ademais, facilmente escalable. Así, explican desde a USC, obtéñense ingredientes funcionais en sistemas de produción sostibles que contribúen a implementar accións de economía circular no sector do viño. “O obxectivo último do proxecto é reducir a aparición de novas resistencias antimicrobianas e controlar mellor as resistencias antimicrobianas existentes no eido da cría e reprodución de animais destinados ao consumo humano”, sinala a responsable do proxecto.

Publicidade

“As excelentes propiedades do extracto natural, baseadas nos polifenois bioactivos da uva Albariño, proporcionarán protección antimicrobiana e antioxidante aos animais, mellorando o seu benestar e rendemento e actuando como terapias preventivas”, engade Marta Lores. Os produtos que se desenvolvan estarán deseñados para controlar un bo número de enfermidades infecciosas de grande importancia na produción animal, tanto en gandería —bovina, porcina e avícola— como en acuicultura; pero non só para evitar o crecemento de microorganismos, senón para mellorar a saúde e o benestar dos animais, aumentando así ademais a rendibilidade das instalacións gandeiras e das piscifactorías.

O consorcio está integrado por 20 socios de nove países, dos cales catro son institucións de educación superior. Ademais da USC, toman parte as universidades de Porto, Berlín e Bohemia do Sur na República Checa. O equipo da USC está formado polos investigadores Carmen García Jares, Trini de Miguel, Sandra Sánchez, Patricia Díaz, Roberto Bermúdez e Maribel Quiroga.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Estas son as luces e sombras do xaxún

Un estudo do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts apunta a que esta abstinencia axuda ás células nai intestinais a rexenerarse e curar lesións, pero tamén aumenta o risco de cancro en ratos

Mira o que comes e como o envolves: “Hai interaccións de sustancias entre os envases e a comida”

Un investigador do CITIC presenta unha proposta para identificar biomarcadores de enfermidades gastrointestinais e analizar a influencia de determinadas substancias na microbiota

Unha tese da USC propón o uso de bagazo de Albariño para o penso e microalgas para facer filloas

O investigador Aly Jesús Castillo estuda o emprego de novos alimentos ou materias primas para dar resposta ás actuais demandas do sector agroalimentario

‘Come san, come sostible’: o xogo da USC para aprender a coidar a saúde e o medio ambiente

Un equipo de Santiago deseña un novo recurso didáctico para alumnado de Primaria baseándose na alimentación e na pegada de carbono