A misteriosa extinción masiva de tiburóns que se produciu fai 19 millóns de anos

A revista 'Science' recolle en dous artigos unha desaparición do 90% das especies destes animais, da que non se coñecen as causas

O mundo 19 millóns de anos atrás era moi, moi distinto do de hoxe en día. En terra firme e baixo o mar existía unha enorme diversidade biolóxica que facía, por exemplo, que houbese 10 veces máis tiburóns ca hoxe. Pero de súpeto, máis do 90% destes depredadores mariños esvaecéronse. As causas seguen sendo un misterio, pero os feitos xa se coñecen grazas a unha investigación que publica en dous artigos a revista Science.

“Estudamos os fósiles de dentes de peixe e as escamas de tiburón en sedimentos de augas profundas, e creamos un rexistro de 85 millóns de anos sobre tiburóns e outros peixes, para ter unha idea de como era a variabilidade da poboación a longo prazo”, explica a paleoceanógrafa Elizabeth Sibert, da universidade de Yale. Ao comparar a proporción dos dentes e dentículos (estruturas que se encontran na superficie da pel) de tiburón antigos cos outros peixes, soterrados ata 5.700 metros de profundidade no leito mariño, atoparon un notable cambio na vida océanica acontecido nese rango de 19 millóns de anos atrás.

Publicidade

Ata ese momento, as mostras de sedimento tiñan unha gran cantidade de restos de tiburón, tanto dentes como dentículos. Pero con data posterior a esa, a proporción de mostras de tiburón caeu ata un terzo. Foi no momento que se corresponde co Mioceno temperán, entre 16 e 20 millóns de anos antes de agora, cando os sedimentos oceánicos pasaron de conter un fósil de tiburón por cada cinco fósiles de peixes a un fósil de tiburón por cada 100 fósiles de peixes.

É unha caída inesperada, dúas veces meirande cá observada no evento de extinción Cretácico-Paleóxeno, que causou a desaparición de tres cuartas partes da vida vexetal e animal fai aproximadamente 66 millóns de anos, entre eles os grandes dinosauros.

A presenza destes antigos dentículos no sedimento mariño é apenas un dos indicadores do número de tiburóns que algunha vez se moveron nos océanos, pero o destacable é que o mesmo cambio foi observado en distintas rexións do mundo. Tanto no Pacífico Norte como no Sur, atopáronse evidencias dunha forte diminución destas especies, estimada en máis do 90%. O período, que durou aproximadamente 100.000 anos, fixo que despois disto a diversidade de tiburóns na terra non volvese a recuperarse.

As observacións realizadas expoñen que as especies que vivían máis preto da costa tiveron mellor sorte, e as liñaxes actuais son as que descenden destes tiburóns que sobreviviron. Para os científicos que realizaron estes achados, o descubrimento é preocupante, pois podería significar que estes animais teñen dificultades para recuperarse de grandes extincións. E isto non é unha boa noticia para os procesos que actualmente están en marcha.

Vínculo coa situación actual

As investigacións recentes expoñen que os tiburóns oceánicos diminuíron nun 70% desde os anos 70 do século XX, principalmente pola sobrepesca. Están xa extintos no 19% dos arrecifes coralinos da Terra. E os científicos están, por tanto, preocupados por se este impacto pode chegar a ser irrecuperable. “Os paralelismos entre a actual crise e a extinción dos tiburóns peláxicos 19 millóns de anos atrás fannos ver como un déjà vu, pero esta vez o ritmo é moito máis rápido que calquera outro evento na historia do planeta”, advirten os autores.

O cambio global da actualidade é, por tanto, un risco adicional, xa que no Mioceno temperán o clima era relativamente estable, din os investigadores. Daquela non hai constancia de alteracións nos sistemas oceánicos, polo que as causas daquel feito seguen sendo un misterio.

Despois daquilo, explican, outros animais, como os atúns, as aves mariñas, os cifios ou as baleas comezaron a encher os baleiros e deixaron sen espazo ao tiburón na rede trófica, o que dificultou a curto prazo a súa recuperación. Como depredadores no cumio da cadea, estes escualos teñen relacións complexas e profundas co resto de elos do ecosistema, polo que a súa perda pode causar un ‘efecto dominó’ e provocar cambios irreversibles na biodiversidade. Neste sentido, os autores desta investigación consideran que aquela desaparición causou un “importante buraco” na vida do oceáno que se estende ata hoxe, en relación á diversidade previa que había nos mares.

Respecto á situación actual, o equipo que participou nestes traballos apunta que a súa investigación “podería iniciar unha carreira para comprender este período de tempo e as súas implicacións, non só para o xurdimento dos ecosistemas modernos, senón tamén para entender as causas dos principais colapsos na historia da diversidade dos tiburóns”, conclúe a científica Pincelli Hull, da Universidade de Yale.


Referencias:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ratos impotentes teñen ereccións tras aumentar unhas células do pene

A revista 'Science' publica un estudo en roedores transxénicos aos que se lles incrementou o número de fibroblastos

Novos restos fósiles suxiren que a Terra viviu unha sexta extinción masiva

Unha caída global nos niveis de osíxeno fai uns 550 millóns de anos conduciu á primeira extinción masiva coñecida

Un modelo 3D revela que o megalodón podía devorar presas do tamaño dunha orca

Un equipo científico internacional realizou a primeira reconstrución tridimensional da quenlla xigante extinta

Detectado na atmosfera un novo tipo de composto químico moi reactivo

Un equipo danés descobre os trióxidos, formados por tres átomos de osíxeno unidos entre si, dos que, ata o momento, non había evidencias