Crean con enxeñaría xenética unha bacteria sintética que é inmune aos virus

Un artigo publicado en "Science" describe unha cepa artificial de 'E. coli' capaz de crear un "cortalumes" e impedir a replicación viral

Un equipo de científicos de Cambridge acaba de abrir unha porta que, nun futuro, achandará o camiño a aplicacións probablemente inimaxinables hoxe en día. Nun artigo que recolle Science, describen a creación dunha cepa sintética da bacteria Escherichia coli que, grazas á enxeñaría xenética, está configurada de tal forma que impide aos virus dominar o funcionamento das células e comezar a facer copias de si mesmos, desencadeando as infeccións. Os investigadores conseguiron, ademais, que esta bacteria artificial puidese fabricar aminoácidos (os compoñentes das proteínas) coñecidos como non canónicos (ncAAs), que poden atoparse na natureza ou no laboratorio pero que os organismos non usan de forma innata.

“A capacidade de xerar proteínas de deseño utilizando múltiples ‘bloques de construción’ non naturais desbloqueará innumerables aplicacións, desde o desenvolvemento de novas bioterapias ata biomateriais con propiedades innovadoras”, apuntan nunha análise que tamén recolle Science os científicos do Boston College Delila Jewel e Abhishek Chatterjee.

Publicidade

Para conseguir este fito, o grupo puxo o foco nos codóns, secuencias de tres nucleótidos que codifican a información para sintetizar os 20 aminoácidos básicos. Os sistemas biolóxicos na natureza baséanse en 64 codóns para codificar esta información; isto é, hai algúns deles que determinan o mesmo aminoácido. E o que fixeron foi reescribir a información xenética dalgúns destes codóns, que deste xeito son capaces de crear células sintéticas que adquiren propiedades novas, como a resistencia á infección viral.

Así, o novo traballo demostra como é posible a incorporación específica de múltiples ncAAs distintos en proteínas utilizando unha cepa sintética de E. coli. Obtéñense así células que non poden ler varios codóns e, por tanto, son completamente resistentes a unha gran variedade de virus. Dalgún xeito, ‘esborrallan‘ o texto que os virus precisan ler para facerse co control das células e comezar a reproducirse e infectar organismos. Tal e como explica Materia, a enxeñaría xenética conseguiu mellorar o código xenético orixinal da bacteria, froito de millóns de anos de adaptación e evolución, facéndoo inmune a un patóxeno que doutro xeito acabaría con elas.

Publicidade

Isto pode axudar a desenvolver un enorme abano de fármacos ou biomateriais con todo tipo de aplicacións. A partir da E. coli e outras bacterias creáronse centos de fármacos e outros produtos contra diversas patoloxías humanas. Este mesmo equipo de Cambridge xa conseguira en 2019 crear unha variante da mesma bacteria que puidese producir proteínas á carta.


Referencia: Sense codon reassignment enables viral resistance and encoded polymer synthesis (Publicado en Science).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Eclipse solar: o que lles ocorre ás bacterias cando o Sol desaparece

A radiación ultravioleta e os cambios na luz durante o fenómeno poden alterar a supervivencia e o comportamento bacteriano

Por que non debes tirar da cisterna coa tapa do váter levantada

O baleirado do inodoro é unha fonte potencial de transmisión de microorganismos infecciosos, porque pode xerar grandes cantidades de aerosois que conteñen microbios

Descifrado un mecanismo da ‘E. coli’, clave para entender a resistencia aos antibióticos

Investigadores españois achan un patrón físico detrás da filamentación, un proceso frecuente en infeccións como as do tracto urinario

11 obxectos cotiáns onde hai máis bacterias das que pensas

Esponxas, cepillos de dentes e carros da compra son algúns dos elementos máis expostos a microorganismos prexudiciais