Xoves 15 Xaneiro 2026

Cinco dedos e 78 nomes en galego: do matapiollos ao dedo da puñeta

Un mapa interactivo creado polo Instituto da Lingua Galega documenta a enorme diversidade terminolóxica existente en Galicia e no norte de Portugal

Como normal xeral, os humanos temos 20 dedos en total, cinco por cada man e pé. Non obstante, os galegos tamén temos numerosas maneiras de nomear aos apéndices das nosas extremidades. Coñécense por cinco nomes diferentes, un por cada dedo: meñique, anular, índice, dedo maior e polgar. Con todo, hai ata 19 formas de referirse ao segundo e cuarto dedo, segundo o mapa do proxecto Patrimonio léxico da Gallaecia (PLG), unha iniciativa do Instituto da Lingua Galega (ILG) para poñer en valor o patrimonio material e inmaterial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Un dos obxectivos principais é divulgar a variación léxica da área en diferentes ámbitos temáticos, unha tarefa aínda en desenvolvemento polo equipo do PLG, que pretende continuar ampliando novos conceptos. Os datos proceden de dicionarios e pequenos vocabularios, de atlas lingüísticos, obras de carácter etnográfico, traballos académicos e mesmo recolleitas léxicas realizadas en centros educativos.

Publicidade

En total, este mapa recolle 78 palabras coas que referirse aos cinco dedos. De feito, o índice é o que menos sinónimos ten: furabolos emprégase na meirande parte de Galicia e Portugal, moito máis ca índice e xemelgo, voces propias de Xinzo de Limia. O concepto completo, con palabras como dedo índice, aparece en Porto do Son, e dedo furabolos no concello de Dumbría. Mentres, pai de todos emprégase na lucense Guntín e sarabolas en Portugal.

Do matapiollos ao dedo da puñeta

O dedo polgar ten un gran número de formas léxicas ás que se pode facer referencia. O termo máis empregado é, de Galicia a Portugal, matapiollos, aínda que existen outras variantes como escachapiollos, catapiollos en Campo Lameiro, escotapiollos en Vilardevós, rascapiollos na Peroxa ou trinchapiollos en Silleda. Pero non todas as voces teñen que ver con estes parasitos. Está estendido o concepto polgar, tamén gordo en Ramirás, Xinzo e na Estrada, e deda en Pantón. Algúns conceptos máis illados son pai de todos, rapatundas ou pequerrecho, empregados nos concellos de Ribadeo, Pol e Xinzo, respectivamente.

Publicidade

Un apéndice con numerosas variantes tamén é o corazón, nomeado sobre todo como maior de todos no territorio galego, ou pai de todos, sobre todo en terras lucenses, como ocorre co polgar. Sinónimos como grande, maior, grandiño ou maioral tamén aparecen en concellos como Leiro ou Monterroso. Outras denominacións fan referencia á súa situación: dedo do medio na Gudiña e meirande de todos na Peroxa. Dado o seu emprego como xesto insultante ou provocador, tamén se emprega dedo da puñeta no concello ourensán de Xinzo.

Para o máis pequeno, o meñique, adoita empregarse mendiño, pequeniño ou maimiño. Meniño é propio de Cee, Campo Lameiro e Ramirás, e amiguiño da Peroxa. Meñica tamén é outra das variantes, empregado na Gudiña, igual que besbelliña. No sur da provincia de Ourense empréganse gurgulliña en Porto e maimiña en Xinzo.

O dedo anular ten 17 lemas. O máis estendido na xeografía galega é sobriño, como se di en Guntín, Cee, Laxe, Silleda ou Entrimo. Tamén medianiño, e con menos frecuencia, compañeiro e mediano. Anular é frecuente en Xinzo de Limia, e dedo anular en Porto do Son. No Porto falan del como madriña, ou madriña da bebelliña, tamén en Ourense, por ir ao carón do pequeniño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nin bárbaros nin salvaxes: así coidaban os galegos dos seus enfermos hai 1.500 anos

Unha investigación da USC revela que as comunidades galegas mantiñan redes de solidariedade vitais para protexer os máis vulnerables

A perigosa bacteria que ataca os vexetais, ás portas de Galicia: “Non estamos preparados”

A 'Xylella fastidiosa' identificouse en case 600 especies e pode causar enfermidades graves e morte en oliveiras, cítricos, vides, froiteiras de óso e plantas ornamentais

O cemiterio dos peregrinos, a necrópole esquecida da historia de Compostela

Investigadores da USC reconstrúen a evolución dun espazo funerario clave, ligado á peregrinación medieval, hoxe oculto tras o Pazo de Raxoi e fóra da memoria colectiva

Identificados no noroeste peninsular 14 lagares de cera excepcionais en Europa

Un estudo da USC analiza a distribución de construcións tradicionais para aproveitar os produtos apícolas e das que apenas existen exemplos conservados no continente