Humanos como morcegos: un experimento constata a aprendizaxe da ecolocación

Un estudo da universidade de Durham, realizado durante 10 semanas, expón que persoas de diversas idades, videntes e invidentes, melloraron esta capacidade

O estudo constatou unha mellora na ecolocación, independentemente da idade ou da capacidade visual dos participantes. Imaxe: Pixabay.
O estudo constatou unha mellora na ecolocación, independentemente da idade ou da capacidade visual dos participantes. Imaxe: Pixabay.

Algúns animais, como os morcegos ou os golfiños, desenvolveron unha especie de sexto sentido para situarse na contorna: a ecolocación; a través a emisión de ondas de son e a interpretación do eco que estas ondas emiten nos obxectos nos que rebotan, son capaces de moverse no espazo, evitar os posibles perigos e obstáculos. Pero poden os humanos desenvolver a capacidade da ecolocación? Semella que si, segundo un estudo da Universidade de Durham, no Reino Unido, que publica a revista Plos One. O traballo, no que participaron persoas de entre 21 e 79 anos, algunhas delas con cegueira, constatou despois de 10 semanas de experimento que os participantes melloraron as súas capacidades para localizarse na contorna a través de ‘clics’, isto é, breves emisións que rebotan en diversos espazos.

Os investigadores incluíron persoas con cegueira para analizar se había diferenzas significativas coas persoas que manteñen a visión, xa que é coñecido que os e as invidentes poden usar a ecolocación a través deles mesmos e instrumentos como os bastóns para detectar obstáculos e os espazos nos que se sitúan. Con todo, segundo advirten os autores deste traballo, hai moitas persoas que non aprenden a desenvolver esta habilidade, moi relevante no desempeño cotián. E este novo estudo constata que se pode mellorar cun adestramento sinxelo.

“Non podo pensar noutro traballo con participantes invidentes que tivera unha reacción tan entusiasta”, explica unha das autoras, a psicóloga Lore Thaler. No transcurso de 20 sesións, que duraron arredor de 2 a 3 horas, os investigadores constataron que tanto participantes cegos como videntes, tanto novos como vellos, melloraron considerablemente a súa ecolocación.

Durante semanas, os participantes foron adestrados para navegar por labirintos virtuais con diferentes deseños, así como para identificar o tamaño e a orientación dos obxectos ao chascar a boca e emitir os ‘clics’ en forma de son.

Nas últimas dúas sesións, os participantes probaron as súas novas habilidades de navegación nun labirinto virtual no que nunca se adentraran. Mesmo cando estaban cegados nestas contornas, as colisións foron diminuíndo co paso do tempo. Constatouse así que os ‘clics’ estaban axudando ás participantes no experimento a moverse polos espazos con maior facilidade.

Así, os autores atoparon que as persoas que comezaban a aprender este proceso se desenvolvían tan ben como outras con cegueira que levaban anos practicando este tipo de orientación. Noutras probas a maiores para determinar a forma e orientación de determinadas superficies, os participantes ‘aprendices’ desenvolvéronse tan ben como os ‘expertos’.

Algúns estudos anteriores xa atoparan que as persoas videntes podían aprender a ecolocación baseada en ‘clics’ despois dunha serie de capacitación, pero este é o primeiro estudo que proba se os resultados son tamén aplicables a persoas cegas e de distintas idades. Segundo explican os científicos, as partes ‘visuais’ do cerebro son as que permiten aos ecolocadores ‘ver’ o mundo arredor, pero ata agora non estaba claro se aquelas persoas que crecen como invidentes poden usar tamén as mesmas redes neuronais.

Do mesmo xeito, abordouse a opción de que as persoas de maior idade puidesen perder habilidades pola menor plasticidade do cerebro. Pero os datos suxiren que a idade non é un factor limitante na ecolocación, xa que as persoas de máis idade, e tamén cegas, adquiriron esta habilidade co adestramento axeitado. Así, aínda que as persoas máis novas desentrañaron máis rápido os labirintos, o adestramento conduciu a cambios notables en todos os participantes, independentemente da idade.

Na enquisa de seguimento realizada tralo experimento, todos os participantes cegos deron conta dunha mellor mobilidade, e o 83% do total reportaron unha mellor independencia e benestar. Conclúen os autores que os seus resultados “suxiren que a capacidade de aprender a ecolocación baseada en clics non está fortemente limitada pola idade ou nivel de visión”, e que isto “ten implicacións positivas para a rehabilitación de persoas con perda de visión ou nas primeiras etapas de perda progresiva da visión”.


Referencia: Human click-based echolocation: Effects of blindness and age, and real-life implications in a 10-week training program (Publicado en Plos ONE).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.