Xoves 28 Marzo 2024

Haberá partes do océano desertas por mor do cambio climático?

* Un artigo de

A temperatura é a propiedade ambiental con maior influencia na bioloxía dos organismos e, en consecuencia, na forma na que estes interactúan entre si e co medio que lles rodea. Ela determina a velocidade á que ocorren as reaccións químicas do metabolismo e, desta forma, rexe o tempo de procesos vitais como o crecemento, a fecundidade ou a reprodución.

Publicidade

Podería dicirse que a vida na Terra compórtase da mesma maneira que unha pota no lume: a maior temperatura, todo acontece máis rápido.

Nos ambientes acuáticos, ademais desta relación directa entre temperatura e bioloxía, a temperatura da auga determina outras propiedades físicas do medio como a cantidade de osíxeno disolto (fundamental para a respiración dos organismos) e a capacidade de absorción do CO₂ atmosférico (clave no control do efecto invernadoiro e da acidez dos océanos).

Se xuntamos as pezas deste quebracabezas e nos centramos nos océanos, é de agardar  que un aumento da temperatura da auga acelere o metabolismo dos organismos. Aumentaría a súa respiración e, por tanto, a súa demanda de osíxeno (elemento que será cada vez máis escaso no seu medio). Non parece unha situación ideal, desde logo. Aínda que sabemos que unhas especies resistirán mellor os impactos do cambio climático, outras (máis vulnerables) verán as súas poboacións mermadas podendo chegar a extinguirse.

Proxeccións para saber que pasará no futuro

Diante deste panorama, e para estudar de forma pautada as consecuencias globais futuras do quecemento do planeta, os científicos traballan con escenarios predefinidos de futuro, coñecidos como escenarios RCP. Baseados en potenciais patróns de emisión de gases de efecto invernadoiro, estes escenarios predín que a temperatura media dos océanos aumentará entre 0,8 e 3,1℃ a finais do século XXI.

Considerando estes rangos de temperatura, os científicos tratan de predicir cal será a resposta dos ecosistemas ás condicións ambientais futuras a través de experimentos nos que as especies mariñas son sometidas a eses niveis de temperatura.

Os resultados destes estudos de laboratorio e as observacións in situ de condicións ambientais apuntan xa a que estariamos a nos achegar aos rangos fisiolóxicos tolerables polas especies de zonas tropicais. Por tanto, o límite de habitabilidade destas rexións podería estar máis próximo do que pensabamos.

As especies foxen dos trópicos

En abril, un estudo publicado na prestixiosa revista PNAS constatou que a resposta dos organismos mariños de zonas tropicais ao quecemento global leva en marcha polo menos unhas décadas.

O traballo comprobou que entre 1955 e 2015 houbo un desprazamento xeral de especies mariñas desde a zona ecuatorial cara aos polos (zonas máis temperadas de maiores latitudes). Este patrón de abandono das zonas tropicais, calculado usando datos dunhas 50.000 especies mariñas, podería ser de tal dimensión que estas rexións estarían a deixar de ser os lugares do planeta con maior biodiversidade. E non só iso, parece ser que o número de especies desprazadas aumenta década tras década, acelerando a “fuxida” de especies tropicais.

Fenómenos así non son novos na historia da Terra. Os científicos xa observaron este tipo de patróns no rexistro fósil coincidindo con períodos de quecemento global no pasado.

O novo (e máis preocupante) da situación actual é a velocidade á que todo está a pasar. Este estudo sería a primeira evidencia científica a gran escala do abandono xeneralizado de especies das zonas tropicais por culpa do quecemento global de forma abrupta e acelerada.

Efectos tamén para os humanos

Se esta tendencia continúa, o impacto da desaparición da biodiversidade tropical será incalculable para a humanidade. Nas zonas tropicais (onde se estima que vive o 85% da poboación humana máis pobre do planeta) estimouse que a pesca podería caer un 40% cara a 2050 en relación aos valores do ano 2000 debido ao cambio climático. Isto supoñería un risco para a seguridade alimentaria e os ingresos procedentes do turismo nestas zonas.

Ademais, estímase que o aumento da temperatura húmida (medida en condicións de humidade máxima) terrestre por encima do límite fisiolóxico soportable polos humanos (35℃) dificultará a supervivencia das sociedades nestas áreas e desencadeará migracións climáticas cuxas consecuencias a nivel xeopolítico son aínda difíciles de predicir.

Diante esta perspectiva, e á vista da insuficiente contención das causas que favorecen o cambio climático, a comunidade científica céntrase agora na procura de opcións de mitigación e adaptación ás consecuencias do cambio climático na pesca. Estas medidas –que non son exclusivas das pesqueiras tropicais porque o desprazamento de stocks pesqueiros cara aos polos é global– teñen os seus piares principais na capacidade organizativa das comunidades humanas e institucións, e no aproveitamento do coñecemento científico e local.

Cumprir os acordos internacionais que establecen o límite do quecemento global do planeta en 1,5℃ para o século XXI (Cumio Climático de París, 2015) é, a día de hoxe, a única medida paliativa que podería frear esta tendencia catastrófica. Aínda que todo parece indicar que chegaremos tarde a esta meta, non todo estará perdido se se reactiva a vontade política.


* Juan Bueno Pardo é investigador posdoutoral en Ecoloxía Mariña na Universidade de Vigo.

Cláusula de divulgación: o autor non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declara carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

Os osos polares, en risco de morrer de fame polo desxeo do Ártico

Un estudo demostra que as estratexias alimenticias destes animais para sobrevivir nunha contorna de terra non evitan que perdan peso

Intelixencia artificial ante o cambio climático: ameaza ou aliada?

Os algoritmos que fan a vida máis sinxela teñen unha gran pegada de carbono. Esta tecnoloxía tamén axuda a resolver problemas ambientais