Un descafeinado fai o mesmo efecto que un café normal? Un estudo di que si

Un experimento suxire que os consumidores habituais activan as respostas cognitivas e fisiolóxicas da cafeína só con expoñerse ao seu sabor ou olor

“Eu sen café non son persoa”. Unha cunca de café é a forma de comezar o día para unha gran parte da poboación, que tira da cafeína para enfrontar a súa xornada polo achegue enerxético desta bebida. Pero, e se o segredo do poder do café para activar mente e corpo non estivese na cafeína? E se fose igual un descafeinado que un café normal?

Estas son as sorprendentes conclusións recollidas nun estudo feito por investigadores eslovenos e dos Países Baixos que comparou os efectos do café, con e sen cafeína, no corpo humano. Fixérono sometendo a 20 universitarios a un experimento. Os seleccionados consumían unha media de tres cuncas de café ao día, e foron divididos, sen que o soubesen, en dous grupos: uns recibirían café con cafeína e outros placebo, é dicir, descafeinado.

Publicidade

“A anticipación xoga un papel importante, xa que os participantes que esperan cafeína a miúdo experimentan melloras cognitivas e de rendemento similares, independentemente de se consumen cafeína ou un placebo“, sinalan os investigadores no traballo publicado na revista Heliyon.

Sen diferenza entre os grupos

Antes de comezar, os 20 mozos recrutados para o estudo durmiron un mínimo de sete horas, non tomaron café entre sete e once horas antes nin comeran previamente. No laboratorio foron sometidos a probas de electroencefalograma basal e medicións cardiovasculares en repouso, antes de realizar un test de cálculo mental e de velocidade de reacción a uns estímulos auditivos.

Publicidade

Despois disto chegou o momento de partilos en dous. Por un lado, o grupo placebo, que recibiu café descafeinado. Por outro, os que sí tomaron cafeína. Media hora despois do consumo, sometéronse ás mesmas probas. As respostas fisiolóxicas si foron distintas pero, segundo os investigadores, non houbo diferenzas destacadas entre o funcionamento cognitivo dos grupos.

Nas probas de aritmética, sen mellora para os que tomaron cafeína. Nas de reacción a sons, os dous grupos melloraron os tempos de resposta aos estímulos. Un feito que para os encargados do estudo pon de manifesto que o simple feito de consumir a bebida, independentemente do seu contido cafeínico, contribúe a unha activación de corpo e mente.

Efecto de anticipación

“Até onde sabemos, isto non se reportara previamente. Podería deberse a un efecto de anticipación derivado da habituación ao café. De feito, demostrouse que os que beben café habitualmente amosan unha redución no tempo de ración ao percibir o seu aroma”, apuntan os autores.

Os electrocardiogramas e as medicións de presión arterial reforzan esta teoría. Os datos do EEG revelaron que as ondas cerebrais do procesamento cognitivo aumentaron despois de tomar café, e a frecuencia cardíaca e a tensión dos dous grupos aumentou, independentemente de se a bebida que inxeriran tiña ou non cafeína.

Para os investigadores, o estudo suxire que os consumidores de café responden a bebidas similares ao café sen importar que leven cafeína. “Os estímulos que imitan o café poden producir respostas cognitivas e fisolóxicas notablemente similares ás do café real”, conclúen.


Referencia: The complexity of caffeine’s effects on regular coffee consumers (Publicado en Heliyon).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tomas café? Estes son todos os medicamentos cos que pode interactuar (e aumentar os seus efectos secundarios)

A cafeína pode interferir con antidepresivos, desconxestionantes e fármacos para o TDAH ao reducir a súa eficacia ou provocar novos síntomas

Tres cafés ao día alongan a vida? Un estudo asocia o seu consumo cunha mellor saúde

Unha investigación da Universidade de Coimbra relaciona tres cuncas diarias cun maior tempo sen enfermidades graves

O mellor café de España sérvese en Compostela

Jacobo Abeijón e Beatriz Rial rexentan en Santiago Shop me Coffee, galardoada nos BCN Coffee Awards

A NASA xa ten resposta para as sorprendentes “arañas” que cobren a superficie de Marte

Investigadores estadounidense recrean nun laboratorio o proceso que dá lugar ás estrañas formas captadas polos satélites no planeta vermello