Sábado 7 Decembro 2024

O que pasa no teu corpo cando bebes café

*Un artigo de Thomas Merritt para

É posible que teñas nas mans unha cunca de café nas mans mentres estás lendo isto. É unha das bebidas máis populares do mundo, tanto que en países como os Estados Unidos, a xente bebe máis café que a suma de refrescos, zume e té. Dada a súa sona, sorprende ás veces a confusión que rodea a como este cálido e escuro néctar dos deuses afecta á nosa bioloxía.

Publicidade

Os ingredientes do café

Os principais ingredientes activos do café son a cafeína (un estimulante) e toda unha serie de antioxidantes. Que sabemos acerca de como inflúen no noso organismo? A grandes liñas, a información da que dispoñemos é bastante sinxela, pero a clave está nos detalles, e as especulacións sobre se o café podería axudar ou prexudicar adoitan dispararse sen que ninguén lles poña freo.

As propiedades estimulantes da cafeína son as que converten unha cunca de café na opción perfecta para espertar. Así, o café, ou a cafeína que contén, é a substancia psicoactiva máis consumida no mundo. Parece funcionar, polo menos en parte, como un estimulante ao bloquear o receptor de adenosina, un nucleósido que estimula o sono.

Publicidade

A cafeína e a adenosina posúen compostos heterocíclicos similares. A primeira leva a cabo un mimetismo molecular ao bloquear o receptor de adenosina, o cal impide que o corpo desenvolva a súa capacidade natural para descansar cando o necesita.

Ademais, este bloqueo é a razón pola que o consumo excesivo de café pode producir axitación e falta de sono. A fatiga pódese pospoñer ata que os organismos reguladores do corpo humano comezan a fallar, momento no que se producen os nervios e ata consecuencias de maior gravidade, como ansiedade e insomnio. Os efectos adversos son habituais e coñécense desde hai tempo: a posible relación entre o consumo de café e o insomnio descubriuse hai máis de 100 anos.

Documental da National Film Board of Canada sobre o impacto histórico do café na cultura, chamado Black Coffee: Part One, The Irresistible Bean.

Respostas únicas

Cada persoa responde de maneira distinta á cafeína. Polo menos parte desta alteración procede dos diferentes tipos de receptores de adenosina, as moléculas ás que a cafeína se adhire e bloquea, aínda que poden existir outras formas de variación xenética.

Algúns individuos non procesan a cafeína, polo que beber café podería supoñer un risco para a súa saúde. Afastándonos deses extremos, con todo, existen diferenzas na maneira en que respondemos a unha cunca de café. Como gran parte da bioloxía, esa diferenza é produto do ambiente, do consumo de café no pasado, da xenética e, por inverosímil que poida parecer, do azar.

Pode que o que máis nos atraia do café sexa o excitante xute de cafeína que nos proporciona. Pero iso non quere dicir que sexa o aspecto máis interesante desde o punto de vista biolóxico.

Nun estudo con ratos observouse que a cafeína provocou nas animais contraccións musculares, polo que é posible que traballe como un estimulante da actividade dixestiva. Con todo, outras investigacións demostraron que o café descafeinado pode producir o mesmo efecto, polo que todo apunta á existencia dun complexo mecanismo que abrangue outras moléculas presentes no café.

Moita xente non pode comezar o día sen unha cunca de café.
Moita xente non pode comezar o día sen unha cunca de café.

Os beneficios dos antioxidantes

Que sabemos acerca dos antioxidantes do café e do halo que os rodea? O certo é que non constitúen ningún misterio. Os procesos metabólicos xeran a enerxía necesaria para a vida á vez que producen residuos, a miúdo en forma de moléculas oxidadas que poden resultar prexudiciais para elas mesmas ou para outras moléculas.

Os antioxidantes son un grupo amplo de moléculas que poden eliminar os residuos perigosos. Todos os organismos producen antioxidantes como parte do seu equilibrio metabólico. Aínda así, non está claro se os suplementos adicionais de antioxidantes posúen a capacidade de aumentar estas defensas naturais, dúbida que non evitou as especulacións.

Relacionouse aos antioxidantes con case todo o que ten que ver coa saúde, incluso a exaculación precoz. Con todo, teñen algún fundamento os tan cacareados efectos positivos? Sorprendentemente, a resposta é, de novo, un rotundo “quizá”.

O café e o cancro

O café non vai curar o cancro, pero é posible que axude na súa prevención, así como outras enfermidades. Parte da relación entre o café e o cancro reside na pregunta de que é o cancro: explicado de forma sinxela, trátase dun crecemento celular descontrolado, o cal indica cando os xenes se expresan activamente e cando non.

O grupo de investigación do que formo parte estuda a regulación da expresión xénica. Por iso, estou en condicións de asegurar que nin unha cunca de café nin unha inxección de cafeína farán que os xenes activos ou inactivos no momento incorrecto empecen a seguir as regras.

Os antioxidantes que contén o café poderían ter un efecto anticanceríxeno, xa que combaten a deterioración celular. Un tipo de dano que poderían axudar a mitigar é o producido polas mutacións xenéticas; de feito, o cancro é provocado por mutacións que desembocan na desregulación dos xenes.

Os estudos elaborados teñen demostrado que o consumo de café combate o cancro en ratos. Pola súa banda, investigacións realizadas en humanos indican que o consumo de café está asociado á redución de casos dalgúns cancros.

Resulta interesante constatar que o café foi relacionado tamén coa diminución doutras enfermidades. O consumo elevado de café vinculouse coa redución de casos de párkinson e outras formas de demencia. Polo menos un estudo experimental con ratos e cultivos celulares evidencia que a protección xerada atopa a súa orixe na combinación de cafeína e antioxidantes do café.

De igual maneira, o consumo notable foi relacionado coa diminución de pacientes de diabetes tipo 2. Se hai algo que parece común a todas as enfermidades é a súa complexidade, a combinación de efectos e as diferenzas existentes entre individuos.

Tras coñecer toda esta información que podemos intuír sobre a bioloxía do café? Ben, tal e como lle explico aos meus alumnos, é complicado. Con todo, como ben sabe a maioría dos lectores deste artigo, o que é seguro é que o café axuda a que abramos os ollos pola mañá.


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dous de cada dez galegos emborracháronse ata a intoxicación aguda no último ano

A enquisa EDADES reflicte que Galicia supera en cinco puntos porcentuais a prevalencia nacional dos casos de embriaguez nos últimos 12 meses

É a dieta rica en potasio un antídoto contra a hipertensión?

O mineral contrarresta o exceso de sodio e considérase un factor preventivo e terapéutico para a presión arterial alta

Galicia emprega IA e venda en farmacias para anticiparse aos virus respiratorios

Una rede de estabelecementos e un modelo matemático servirán para predicir este inverno as necesidades asistenciais derivadas das infeccións

Por que terxiversamos a información cando ameaza as nosas crenzas?

O principal motor psicolóxico da desinformación e das teorías da conspitación non é outro que a defensa das nosas ideas para ter razón a toda costa