O concello de Moaña inicia un estudo para colocar caixas que favorezan a presenza de morcegos como forma de loitar naturalmente contra os mosquitos tigre (Aedes albopictus). Aínda que a súa efectividade como método directo contra a praga é dubidosa, a iniciativa busca reforzar o ecosistema nunha aposta pola loita integrada contra especies invasoras.
Moaña aposta por unha estratexia para facer fronte ao mosquito tigre. O concello do Morrazo está a preparar a instalación de 30 caixas-refuxios de morcegos. Con esta medida quere favorecer o establecemento de novas colonias de especies autóctonas deste mamífero, que se alimenta de insectos, como medida de control natural desta especie invasora.
Para isto, no último mes monitorizouse a poboación local de quirópteros mediante unha serie de detectores con ultrasóns, instalados en diversos puntos das parroquias da vila. Agora estase na fase de análise de resultados, tras da que se farán uns mapas das zonas máis adecuadas para instalar as caixas. A iniciativa estase a desenvolver entre o concello, as asociacións veciñais da vila e a Asociación Morcegos de Galicia, co asesoramento de persoal investigador da Universidade de Vigo (UVigo).
Implicación veciñal
Segundo explica Zeltia López Gallego, bióloga e membro da Asociación Morcegos de Galicia, foron as asociacións veciñais as que se encargaron de preparar as caixas, denominadas bat box en inglés. Estas consisten nuns modelos cunhas aberturas inferiores para que os animais se pousen aí e, idealmente, as empreguen como refuxio. Para este proxecto cóntase con varios modelos que serven para distintas especies.
A monitorización servirá para situar as casetas en función de onde se detecte a presenza de cada especie. Por exemplo: se no estudo acústico se confirma a presenza de Pipistrellus, unha especie moi común de morcegos, nunha área en concreto, porase aí o refuxio propio da especie para mellorar as posibilidades de que formen unha nova colonia. A idea é situar as casetas próximas ás súas zonas de alimentación, onde non conten con outros refuxios naturais.
“En moitas zonas de España estanse instalando caixas refuxios de morcegos coa intención de frear as pragas, pero hai poucos estudos que saiban que está a pasar”, explica López Gallego. Ás veces a instalación dos refuxios faise sen ter claro de que comunidade de animais hai na zona, polo que non sempre se colocan en sitios óptimos. Ou pasado o tempo, os morcegos non chegan a adoptar as caixas como as súas vivendas: un risco que aquí tamén hai, recoñece a bióloga.
Son efectivos os morcegos contra o Aedes albopictus?
Porén, a eficacia directa desta medida é cuestionable. Explícao Yasmina Martínez Barciela, investigadora e entomóloga do Grupo de Bioloxía Ambiental da UVigo. “Non é unha medida que estea comprobada como control directo e eficaz desta especie”, sinala. “O principal motivo débese á súa bioloxía: mentres que o mosquito tigre é unha especie de actividade diúrna e crepuscular, os morcegos son nocturnos e crepusculares; polo que o único momento de coincidencia da súa actividade sería no solpor”, continúa. Ademais, os quirópteros non se alimentan en exclusividade deste insecto, polo que non son o principal depredador natural da especie.
Disto son conscientes desde a organización da iniciativa. Dolores Chapela, concelleira de Medio Ambiente de Moaña, explica que este “é un método complementario, non 100% para a eliminación”. A concelleira enfatiza que desde a UVigo xa se lles advertiu de que non é un procedemento efectivo para a eliminación directa da praga, pero pode axudar tanto contra esta especie como contra outras. Zeltia López Gallego apoia isto:“Non hai estudos agora mesmo que confirmen que os morcegos se alimenten destes mosquitos concretamente. Si se sabe que se alimentan doutros mosquitos e doutras pragas, como a avelaíña, que pode afectar o arroz, a mazá, o viño…”, salienta.
Conservación da biodiversidade
“Se quixeramos saber exactamente se os morcegos están comendo o mosquito tigre”, engade López Gallego, “teriamos que esperar a que as caixas se ocuparan para poder extraer excrementos e analizalos xeneticamente”, algo que escapa do propósito inicial do proxecto. “Os métodos de control de pragas que se benefician dos servizos ecosistémicos que prestan os animais consisten en métodos integrados, que comprenden non só a promoción de determinadas especies que poden comer esas pragas, senón tamén un xeito de conservar o medio ambiente o máis san posible para evitar novas invasións”, sostén.
Estas invasións biolóxicas, nas que especies foráneas se trasladan a un novo hábitat, danse especialmente en hábitats moi degradados; polo tanto, canto mellores condicións, menos posibilidades de sufrir unha invasión biolóxica e máis de que a fauna local faga o traballo de control. Martínez Barciela abunda nesta idea: “Recuperar poboacións de morcegos que se viron afectadas nos últimos anos é bo para a regulación dos insectos no medio, o equilibrio ecosistémico xeral e a conservación da biodiversidade. Dado que un ecosistema estable é máis resiliente ante invasións biolóxicas, esta iniciativa si podería favorecer indirectamente e/ou complementar o resto das medidas de control de mosquitos que se levan a cabo en Moaña”.
Como minimizar a presenza de mosquito tigre
Cales serían esas outras medidas? Para a entomóloga, o máis eficiente é o control mecánico mediante accións como a eliminación de criadeiros ou o saneamento de desaugadoiros, tanto en medios públicos como privados. O concello de Moaña está xa a traballar nesta liña, explica Dolores Chapela, pero a acción do consistorio non é suficiente: as augas en fincas privadas son o 80% do total, por iso aínda que se actúe sobre as augas públicas, o problema continúa. A concelleira sinala que se está a desenvolver unha campaña de comunicación para concienciar a poboación, con recomendacións sobre o tratamento das augas en cemiterios, lavadoiros etc. Isto entronca coas recomendacións da subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Marta Piñeiro, que alerta de que as accións na contorna doméstica son esenciais: “Hai que baleirar a auga de lugares como os maceteiros, os depósitos ou os pneumáticos, xa que é aí onde se adoita atopar este espécime”.
“A min gústame ver este proxecto máis como que ten un aspecto divulgativo e de concienciación social da importancia de ter un ecosistema san”, incide López Gallego. A bióloga explica que, no control de pragas, pódese optar pola vía química, máis efectiva pero que pode ter unha contrapartida na forma de danos ao ecosistema e á saúde humana, ou pola forma máis natural, que sería a loita integrada. Polo momento, no concello de Moaña estase optando por esta segunda vía.
Aedes albopictus en Galicia
A presenza do Aedes albopictus ou mosquito tigre notificouse por primeira vez no mes de xullo en 2023 en Galicia e foi, precisamente, en Moaña. En 2024, identificáronse 40 insectos deste tipo ata esta data, todos na zona do Morrazo e Vigo. O mosquito tigre, que se chama así polas franxas brancas que ten no corpo, é un potencial transmisor de enfermidades como o chikungunya, o zika e o dengue. En caso de ter avistado un, pódese notificar a través da aplicación Mosquito Alert.