Botar a cabeza cara a atrás cando sangra o nariz: que hai de certo neste costume?

Este fenómeno afecta arredor do 15% da poboación e prodúcese principalmente no terzo anterior do nariz, aínda que a inclinación non é a resposta para solucionalo

Cando temos unha hemorraxia nasal, é habitual reaccionar botando a cabeza cara atrás en canto o sangue comeza a manar. Pero, é realmente esta a maneira correcta de actuar ou, pola contra, un mito que nos leva a facer xusto o contrario do que deberiamos?

Por que nos sangra o nariz?

O sangrado nasal —ou epistaxe— é un fenómeno bastante común que afecta arredor do 15% da poboación. Prodúcese, polo xeral, no terzo anterior do nariz, onde se concentra unha rede de vasos sanguíneos bastante fráxiles e que poden romper con certa facilidade. Dáse sobre todo en crianzas, adolescentes e persoas maiores e, aínda que poida parecer alarmante cando acontece, o certo é que na maioría dos casos ten causas benignas e é autolimitado, polo que non require intervención médica e desaparece por si só.

Publicidade

“As hemorraxias nasais poden ter múltiples causas que podemos dividir entre causas locais e sistémicas”, explica Ainara Díaz Geada, profesora na facultade de enfermería da USC. “Entre as causas locais, a nivel inflamatorio o sangrado pode ser provocado pola exposición a irritantes ambientais ou pode deberse á rinite alérxica ou sinusite”. 

Outras das causas locais máis comúns son a sequidade ou irritación da mucosa nasal debido a ambientes con pouca humidade, calefacción intensa ou cambios bruscos de temperatura. Tamén é frecuente sangrar tras traumatismos leves, como rabuñarse ou darse un golpe no nariz. Ademais, algunhas persoas teñen vasos sanguíneos máis fráxiles, polo que son máis propensas a sangrar, especialmente no inverno ou durante episodios alérxicos. Outra das causas pode ser a presenza dun tumor, aínda que esta adoita ser a razón menos habitual.

Publicidade

En canto ás causas sistémicas, algunhas das máis comúns son o consumo de medicamentos, como os que se usan para a hipertensión, os antiinflamatorios ou os antiagregantes; ou sufrir algún trastorno hormonal, endócrino ou da coagulación. Con todo, sexa cal for a orixe, en ningún caso a solución para frear a hemorraxia pasa por botar a cabeza cara a atrás. 

Unha solución contraproducente

“Se ben é algo que se di sempre que hai que facer, desde a ciencia temos que desmentir que iso sexa o correcto”, asegura Díaz. “Se nós tiramos a cabeza cara a atrás cando sufrimos unha hemorraxia nasal, o que estamos facendo é facilitar o paso do sangrado cara á farinxe posterior, o que pode facer que traguemos ese sangue e, en casos extremos, chegar incluso a bloquear as vías respiratorias”.

Ademais da incomodidade evidente que supón tragar sangue, esta práctica pode ser perigosa en situacións de sangrado abundante, xa que pode contribuír a agravar unha situación que, en principio, sería leve e controlable.

“O que debemos facer, pola contra,” sinala Díaz, “é manter a cabeza erguida, en posición vertical, ou inclinada lixeiramente cara a adiante. A continuación, aplicar presión firme e continua sobre a parte branda do nariz, a zona cartilaxinosa, apertando as dúas fosas ao mesmo tempo durante uns dez ou quince minutos ata que cese o sangrado”.

Se despois dese tempo non se formou o coágulo necesario para deter a hemorraxia e o sangrado persiste, a recomendación é acudir a un centro de saúde para recibir atención especializada. Nalgúns casos, pode ser preciso aplicar un tampón nasal, cauterizar o vaso que sangra ou investigar posibles causas subxacentes.

Este tipo de exemplos amosan como moitas prácticas que herdamos e repetimos —simplemente porque “sempre se fixeron así”— poden non encaixar co coñecemento científico actual. É moi importante seguir os consellos médicos adecuados, xa que estes poden marcar a diferenza entre resolver un problema de maneira rápida e segura ou acabar con complicacións evitables.

Elena Martín
Elena Martín
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora. Licenciada en comunicación audiovisual por la USC, máster en documental creativo pola UAB e máster en tradución audiovisual pola UOC. Forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos