A IA de Google aprende galego: “É vital falalo para que a tecnoloxía non sexa unha barreira”

Gemini 3 integra o idioma por primeira vez, nunha actualización que reforza a comprensión multimodal á altura de competidores como ChatGPT e Copilot

As intelixencias artificiais (IA) forman xa parte da nosa vida cotiá. Como subliña o CEO de Google e da matriz Alphabet, Sundar Pichai, esta tecnoloxía evolucionou de ler texto e imaxes a ser quen de interpretar a contorna. Esta é a idea que destaca coa presentación de Gemini 3, preparado por primeira vez para funcionar en galego, catalán e éuscaro.

Porén, as novidades desta actualización van máis aló da incorporación de novos idiomas: mellórase a comprensión multimodal, incorpóranse novas capacidades de programación, ofrécense visualizacións máis complexas e aumenta a interactividade. Con estas funcionalidades, a IA de Google sitúase como un competidor de primeiro nivel fronte o ChatGPT e ao Copilot de Microsoft.

Publicidade

Un dos avances máis relevantes é precisamente a adaptación a 30 linguas. A redacción de GCiencia quixo comprobalo e probou o novo chatbot de Google en galego. Así, a IA respondeu a unha pequena entrevista, da que estas son algunhas das súas intervencións.

Por que fala en galego?

A primeira pregunta formulada foi: “Por que decidiches falar galego?”. A pesar de ofrecer inicialmente unha resposta breve, a IA adoita completar ese primeiro parágrafo cunha serie de puntos que xustifican a súa postura. A contestación comeza así:

Publicidade

Captura de pantalla da conversación de GCiencia con Gemini.

Neste caso, a explicación estrutúrase arredor de tres piares: adaptación e respecto ao usuario, presenza na rede e inclusión. “A miña prioridade é serche útil e comunicarme contigo do xeito máis natural posible”, sinala Gemini 3. Para xustificar o uso do galego, recorre ao denominado “principio do espello”: “O máis respectuoso e eficiente é responderche no mesmo idioma para facilitar a comprensión e fluidez da conversa”.

Ademais, indica que foi adestrado grazas á presenza do galego na comunidade dixital, un ámbito no que existe un “corpus literario e xornalístico moi rico”. Así, afirma ter aprendido gramática, vocabulario e expresións propias do idioma.

En calquera caso, a decisión de incorporar o galego dende Google responde tamén ao obxectivo de democratizar a información. “É vital falalo para que a tecnoloxía non sexa unha barreira”, sinala. Deste xeito, defende que aprender linguas diversas permite que a IA sexa accesible sen ter que recorrer ao castelán ou inglés. Por último, comparte unha reflexión sobre a lingua galega que versa así:

Captura de pantalla da conversación de GCiencia con Gemini.

Cal é a situación do galego en Galicia?

Cando se lle formula esta pregunta á IA de Google, esta é a súa resposta:

Captura de pantalla da conversación de GCiencia con Gemini.

Tras esta afirmación, ofrece unha recompilación de información relevante. Entre os datos máis destacados inclúe o publicado a finais de 2024, no que por primeira vez o castelán superou ao galego como lingua de uso habitual. Tamén explica posibles causas desta evolución: a fenda xeracional, cun uso elevado entre as persoas maiores de 65 anos, e a fenda entre urbano e rural, dado que en cidades como Vigo, A Coruña ou Ferrol o galego está a converterse nunha lingua minoritaria no día a día.

Outro factor que menciona é o ensino. Gemini lembra que institucións como a Real Academia Galega e sindicatos educativos alertan de que o Decreto do Plurilingüismo non se está a aplicar correctamente. A consecuencia, moitos estudantes, malia saber escribir e entender o idioma, non desenvolven fluidez oral.

Porén, a IA salienta fenómenos positivos que poden contribuír a mellorar a situación máis aló das medidas políticas, ofrecendo así unha luz de esperanza:

Captura de pantalla da conversación de GCiencia con Gemini.

GCiencia, a cara da divulgación científica en galego

Segundo Gemini 3, a divulgación científica en Galicia vive un momento de “doce contradición”. Por unha banda, asegura que nunca houbo tantos proxectos, portais e comunicadores de calidade; por outra, continúa a loita pola hexemonía do inglés e do castelán. “Poderiamos calificalo como un ecosistema moi activo, dixitalizado e prestixioso, pero que aínda pelexa pola masificación”.

Así, ao responder á pregunta “Cal é a situación da divulgación en Galicia?”, a IA sinala varios puntos clave, e entre eles chega a sorpresa.

Captura de pantalla da conversación de GCiencia con Gemini.

Si, Gemini recoñece a GCiencia como un “referente absoluto” no ámbito da ciencia en galego, contribuíndo a romper o prexuízo de que este idioma non vale para a ciencia. Non o dicimos nós: dio a IA. Así mesmo, destaca o papel das universidades e os museos, como os Museos Científicos Coruñeses (mc2), as tres universidades galegas e figuras mediáticas como Jorge Mira ou Ángel Carracedo.

A continuación, a intelixencia artificial de Google fai unha distinción fundamental entre a ciencia en galego e a ciencia dende Galicia. Sinala que boa parte da investigación producida en Galicia se publica en inglés para acadar proxección internacional, pero advirte dun problema: “A transferencia do coñecemento faise en castelán por inercia”. Tamén pon en valor unha data clave: o Día da Ciencia en Galego.

Gemini 3, ademais de falar un galego moi coidado, afirma que a divulgación científica en Galicia goza dunha “saúde de ferro na oferta, pero ten o reto da demanda”. Só falta que o discurso da ciencia en galego dea o salto dos medios especializados ás conversas de café (en galego, tamén).

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha conversa con Otero Pedrayo: un chatbot permite dialogar co escritor a partir da súa obra

O Consello da Cultura Galega e Galaxia presentan un modelo de intelixencia artificial para explorar o legado do autor coa garantía da fidelidade histórica

A cara oculta dos chatbots: o 50% das respostas médicas da IA son imprecisas ou perigosas

Un estudo que analiza cinco modelos, incluídos Gemini e ChatGPT, advirte de que a información proporcionada sobre saúde carece de rigor científico

O Proxecto Nós presenta o primeiro tradutor neuronal en galego

O encontro celebrado no Centro de Estudos Avanzados revelou ferramentas de síntese de fala e modelos lingüísticos que reforzan a presenza do idioma no dixital

Kiur, o software que combina IA e redes neuronais para apoiar aos sanitarios galegos

A ferramenta facilita a detección, análise e recomendación de tratamentos de feridas crónicas en persoas maiores, mellorando a eficiencia e a calidade asistencial