O proxecto para impulsar o galego na intelixencia artifical recoñece a diversidade dialectal

O Instituto da Lingua Galega, a través do Proxecto Nós, colaborou coa redacción do primeiro conxunto de preguntas dispoñibles para a recollida de fala espontánea en galego en Common Voice

O galego e a súa diversidade dialectal dan un novo paso para garantir a súa presenza no ecosistema dixital do futuro, ademais de documentar e protexer a súa riqueza oral. A plataforma colaborativa Common Voice, alimentada por persoas voluntarias de todo o mundo, incorpora unha nova funcionalidade para o recoñecemento da fala, que permitirá rexistrar doazóns con acentos diversos, variantes léxicas e morfolóxicas, cambios de código ou fenómenos propios da oralidade que adoitan desaparecer na fala lida.

O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago, a través do Proxecto Nós, colaborou coa redacción do primeiro conxunto de preguntas dispoñibles para a recollida de fala espontánea en galego. Porén, calquera persoa pode propoñer novas preguntas a través da plataforma, o que garante que os contidos evolucionen de forma aberta e participativa.

Publicidade

Ata agora, as contribucións nesa plataforma colaborativa consistían en gravacións de lectura en voz alta de textos dispoñibles en dominio público. A nova funcionalidade, que de momento está en fase de proba, abre a porta á recollida dunha fala máis natural, diversa e representativa do uso real da lingua no día a día, de xeito que a través de preguntas sinxelas rexistradas en Common Voice, as persoas voluntarias poderán gravar respostas breves e espontáneas que recollerán a súa variedade dialectal.

As achegas recollidas a través de Spontaneous Speech darán lugar a un conxunto de datos independente, que se publicará baixo licenza CC0. Isto permitirá que persoal investigador, lingüistas e outros perfís accedan a datos de fala espontánea en lingua galega de forma libre e gratuíta. Deste xeito, foméntase o desenvolvemento de tecnoloxías inclusivas e plurais, adaptadas ás necesidades reais das persoas usuarias, e a ciencia aberta ou cidadá, coa posibilidade para calquera persoa de participar na recolla de datos.

Publicidade

Doazón de voz con AgasallaNós

Baixo o lema AgasallaNós, o Proxecto Nós ten dispoñible unha páxina web sinxela e accesible para facilitar a participación na recollida de voz en galego. A través desta, calquera persoa pode doar a súa voz, tanto lendo textos en voz alta como respondendo as novas preguntas de fala espontánea. O obxectivo é recompilar gravacións que representen a diversidade do galego, co fin de contribuír ao desenvolvemento de tecnoloxías de recoñecemento da fala que identifiquen toda a riqueza da nosa lingua.

Con esta idea, o Proxecto Nós segue coa súa iniciativa de situar o galego canda as linguas máis desenvolvidas no ámbito da tecnoloxía da lingua e a Intelixencia Artificial. O seu obxectivo principal é xerar os recursos necesarios para facilitar o desenvolvemento de servizos e produtos baseados na tecnoloxía da lingua como asistentes de voz, tradutores automáticos ou axentes conversacionais.

En paralelo, o proxecto promove tamén a presenza dixital do galego, facilitando a creación dunha ampla variedade de ferramentas e de recursos de alta calidade e de uso libre. Algunhas delas (un tradutor neuronal multilingüe, un recoñecedor de voz que converte fala en texto escrito, e unha aplicación de síntese de voz que le en galego) xa están á disposición e accesibles a través da web do proxecto para calquera persoa, institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore a lingua galega. Deste xeito, ademais de garantir os dereitos lingüísticos da comunidade galegofalante no mundo dixital, tamén se contribuirá á modernización e dixitalización do ecosistema de empresas galegas e á creación de valor con novos produtos que empreguen o galego.


Podes coñecer máis sobre AgasallaNós na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un texto inédito de 1760 saca á luz o achado dun corpo saponificado en Noia: “Foi unha profunda conmoción”

O cura de Fruíme investigou o caso e negou a santidade do cadáver, ao que o pobo lle arrincara varias partes para usalas como reliquias

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos