Preferencia polo dialecto occidental e marcado polo estilo persoal: así soa o galego nas redes sociais

Unha análise da fala de creadores de contido revela que a lingua de Galicia se usa como elemento de distinción e de identidade en TikTok e Instagram

As redes sociais avanzaron ata situarse como un dos puntos centrais da vida moderna. Serven para comunicar, para coñecer, para explorar; teñen usos máis e menos beneficiosos, máis e menos perigosos. A súa capacidade de transmisión é a base do seu funcionamento: imaxes, vídeos, ideas… e linguas. Son plataformas que permiten a difusión de idiomas debido á súa facilidade para conectar o contido de diferentes lugares do mundo, ademais de achegar os falantes nativos á opción de consumir propostas na súa lingua. O galego non queda exento desta realidade: cada vez resulta máis habitual atopar usuarios que crean contido no idioma de Galicia.

Un simposio do Instituto da Lingua Galega (ILG) pretende poñer o foco no papel do galego nas redes sociais. A profesora de lingua galega da Universidade de Santiago de Compostela Carme Silva Domínguez, quen forma tamén parte do comité organizador do evento, subliña a oportunidade que achegan as plataformas dixitais dende o punto de vista da filoloxía: “Son unha ventá á realidade. Permítennos observar a evolución lingüística, o galego da rúa, o que fala a xente nova… Cando poñemos unha gravadora diante das persoas, cambian o seu xeito de falar. Nas redes sociais, sobre todo con TikTok, esa fala é máis natural”.

Publicidade

O concepto de oralidade dixital

A docente da USC abordará o concepto de ‘oralidade dixital‘ no seu relatorio. Trátase da forma na que a comunicación falada se traduce aos espazos da rede. Conta que esta idea alude a transición entre o oral e o escrito, a todos os puntos intermedios que existen entre ambos extremos. “Hai determinadas plataformas, como Youtube, Instagram e TikTok, que teñen un compoñente máis oral que outras, como X ou BlueSky. A pesar disto, tamén teñen unha dimensión escrita importante”, explica Carme Silva.

A filóloga pon como exemplos os subtítulos dos vídeos e os comentarios que os usuarios deixan baixo os mesmos. “Xa se leva vendo dende hai aproximadamente 20 anos que a escrita das contornas electrónicas é oralizante, é dicir, ten riscos máis propios da comunicación falada”, apunta Silva Domínguez.

O motivo disto, engade, é que as mensaxes escritas que circulan en redes sociais —a través de diferentes formatos, como os xa mencionados subtítulos ou comentarios— enfrontan desafíos que non se presentan no contexto redactado fóra de Internet. Entre eses retos están, entre outros, a transcrición da fala dialectal de xeito que se manteñan as variacións fonéticas sobre os textos da pantalla ou a incorporación de palabras que se atopan nas redes pero que, ata entón, só existían no plano oral e non formaban parte da escrita. “O concepto da oralidade dixital explica esa transición, esa condición híbrida da fala e a escrita“, confirma a investigadora.

A cuestión do estilo: que galego usar?

As redes sociais están compostas por un cúmulo de perfís que loitan por diferenciarse nunha morea de información presentada baixo os filtros máis coidadosamente seleccionados, as tipografías precisas e as animacións máis dinámicas. Por suposto, o contido en si mesmo é outro factor de distinción entre creadores e creadoras de contido. Así e todo, existe unha ferramenta que non debe ignorarse: a lingua. O galego pode funcionar como elemento de diferenciación entre usuarios. Porén, existen múltiples variantes para determinar o rexistro (máis formal ou coloquial) e o nivel de adhesión ao estándar ou ás variedades dialectais.

“Estamos no proceso de recompilar o corpus da nosa investigación. Levamos feitas 66 entrevistas a persoas creadoras de contido e revisados uns 15 vídeos de Instagram e TikTok de cada unha. Vemos que a creatividade individual é moi acusada”, asegura Carme Silva. A filóloga explica que nesas conversas puideron percibir o elevado peso que recibe o estilo de cada usuario produtor no momento de decidir como falar ante unha cámara. As variables que xogan nesta escolla son, segundo indica a docente da USC, unha mestura de criterios normativos comúns e de circunstancias persoais, como: “onde naceu, que variante do galego coñeceu dende a infancia, que criterios de fala desenvolve como parte da súa marca persoal, cal é a finalidade ou obxectivo do seu contido ou se pon o seu perfil ao servizo de instancias empresariais”, apunta a investigadora.

Carme Silva incide no impacto do tipo de vídeo á hora de seleccionar diferentes rexistros: “Os creadores e creadoras de contido saben que teñen á súa disposición elementos lingüísticos moi diversos para escoller á carta. Non é o mesmo facer lifestyle que ter un perfil ligado a un negocio ou ser un activista. A lingua é un recurso moi vasto que non está limitado ao estándar“.

O gran favorito: o galego occidental

Carme Silva explica que, malia a diversidade ligada á creatividade de cada persoa, as pesquisas que puideron realizar ata o momento si apuntan un patrón: o galego occidental é o máis presente no imaxinario dos creadores e creadoras de contido entrevistados, mesmo cando non todos o falan. “Estudos previos xa comezaban a detectar unha revalorización dos trazos característicos do galego occidental. Creo que non entrevistamos a ningún creador de contido que nos falara mal desta variante”.

A filóloga indica que hai diferentes elementos que toman parte na decisión de usar, ou non, o galego occidental. O máis prevalente é a cuestión da procedencia; isto é, se a persoa que fala provén ou non do oeste da comunidade, zona propia da variante lingüística. “O crossing é un proceso das sociedades multilingües polo que as persoas máis novas se aproximan a dialectos da xente da súa mesma idade para crear un achegamento”, conta Carme Silva. No caso do galego, este termo empregaríase para definir a adopción dos recursos occidentais por parte daqueles falantes dos dialectos centrais-orientais, e viceversa. Porén, a filóloga indica que non é un intercambio habitual nos perfís dixitais galegofalantes: “É como se o crossing estivera prohibido. Unha das persoas entrevistadas mesmo nos dixo que se collía eses termos ou estruturas sentiría que non é a fala dela, que a está roubando“.

Distintos rexistros para diferentes plataformas

As primeiras impresións que os investigadores puideron recoller, e que están suxeitas a un corpus en crecemento, confirman que hai diferenzas importantes no tipo de contido que se sobe a Instagram fronte a TikTok. Carme Silva indica que as entrevistas que realizaron ata o de agora permiten saber que non se adoitan compartir os mesmos vídeos nas dúas plataformas, senón que esa publicación simultánea se reserva a contidos específicos. “En TikTok é máis común que queiran chegar a moitas persoas, que busquen a viralidade, pero fano cun tipo de linguaxe máis persoal, dirixida a amigos“, apunta a filóloga. Engade que no caso de Instagram hai unha maior distancia entre os usuarios produtores e os consumidores.

Parte desa separación está relacionada co perfil demográfico de quen usa cada rede social. Silva conta que en TikTok os creadores teñen idades máis próximas aos receptores, que en xeral serán, en ambos casos, xente nova. En Instagram, pola contra, o público é máis amplo. “As persoas maiores de 40 anos adoitan ter certos problemas para entrar no universo de TikTok, pero si coñecen Instagram”, indica a docente.

Isto leva a dúas realidades diferentes: os vídeos de TikTok presentan máis naturalidade, cun enfoque destinado a un “grupo de iguais”, como apunta Carme Silva, mentres que os de Instagram pasan por un grao maior de manipulación. Esta fiestra que abren as redes sociais permite coñecer unha fala ‘de a pé’, un galego máis cotián que se disolve fronte á gravadora dun investigador, pero non á do seu propio teléfono móbil.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

TikTok e as súas malas prácticas: normalizamos xa os riscos e as alertas sobre a rede social?

Crece a preocupación pola distribución de contido de abuso sexual infantil na plataforma. Por Jose Antonio Cortés Quesada e Arantxa Vizcaíno Verdú

Soutar, apañar ou rebuscar: as máis de 40 formas lingüísticas de recoller castañas en galego

O Atlas Lingüístico Galego recolle 47 palabras e expresións para nomear a tarefa, con variantes que reflicten a diversidade léxica do idioma

Sen voz pasiva nin frases longas: as pautas que propón unha tese para redactar textos sinxelos en galego

Cristina López Canabal elabora unha guía para facer máis comprensible a literatura mentres se afasta dos estigmas sociais en torno ás obras adaptadas

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua