A USC e Microsoft colaboran para desenvolver modelos de Intelixencia Artificial multilingüe

O CiTIUS é unha das tres entidades coas que a compañía tecnolóxica traballará para crear modelos fundacionais de IA en galego, éuscaro e catalán

Microsoft acaba de anunciar unha colaboración con tres centros de investigación de referencia en España, entre eles, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS). A finalidade destas sinerxías é desenvolver modelos fundacionais de intelixencia artificial en linguas oficiais do Estado. O anuncio constitúe un novo paso na estratexia da compañía para impulsar tecnoloxías da linguaxe baseadas en intelixencia artificial aberta, responsable e adaptada á diversidade lingüística europea. Así, pon os alicerces para liderar o desenvolvemento de modelos de linguaxe específicos para o catalán, o éuscaro e mais o galego. As outras dúas entidades seleccionadas son o Barcelona Supercomputing Center (BSC) e o centro HiTZ da Universidade do País Vasco.

Neste senso, Microsoft subliña a importancia de desenvolver modelos fundacionais multilingües que inclúan as linguas oficiais europeas, co obxectivo de “preservar o patrimonio cultural e desbloquear oportunidades económicas en toda Europa”. A compañía destaca que esta iniciativa permitirá “pechar a fenda lingüística dixital” e garantir que “todas as linguas europeas estean representadas na IA do futuro”.

Publicidade

Os modelos desenvolvidos estarán aloxados na plataforma Azure AI Foundry, no marco do programa Microsoft Open Innovation Center (MOIC). O seu obxectivo será crear modelos fundacionais que faciliten a integración de todas as linguas oficiais do Estado en sistemas dixitais avanzados, garantindo a súa presenza nas tecnoloxías de IA máis influentes do presente e o futuro.

A elección do CiTIUS como centro responsable do modelo en galego reforza o papel da USC como referente no ámbito das tecnoloxías lingüísticas. Galicia súmase así ao mapa internacional de innovación en IA, cunha proposta desenvolvida dende a contorna académica e pública que pon o foco na diversidade e a inclusión dixital. Esta colaboración reforza o liderado do CiTIUS no desenvolvemento de tecnoloxías lingüísticas avanzadas, situando a comunidade galega como un nodo clave na transformación dixital inclusiva en España.

Publicidade

Proxecto Nós

O Proxecto Nós é unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia en 2020, encomendada á Universidade de Santiago de Compostela a través do CiTIUS e o Instituto da Lingua Galega (ILG) co obxectivo de garantir a presenza do galego na contorna dixital do século XXI. O proxecto foi clave na creación de infraestruturas lingüísticas de base: dende corpus abertos e bancos de datos ata ferramentas de tradución automática, síntese e recoñecemento de voz. En 2023, o equipo presentou Carballo, o primeiro modelo lingüístico de gran escala adestrado integramente en galego.

Os avances logrados no marco de ‘Nós’ non só teñen ampliado xa as capacidades dixitais do galego, senón que situaron Galicia no mapa da IA europea, achandando o camiño para esta nova etapa de colaboración internacional. Antes, o proxecto tivo continuidade a través das iniciativas ILENIA (Impulso das Linguas na Intelixencia Artificial), centrada na creación de recursos e ferramentas lingüísticas para as linguas cooficiais, e ALIA (Artificial Linguistic Intelligence for Administration), unha alianza público-privada para desenvolver modelos fundacionais de IA orientados á Administración pública multilingüe. Ambas as iniciativas foron financiadas polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, consolidando o papel do CiTIUS no desenvolvemento de tecnoloxías lingüísticas no marco dunha estratexia estatal.

Nun novo fito nesta liña de investigación, o CiTIUS incorpórase agora a unha iniciativa que define o futuro dos modelos fundacionais de IA, contribuíndo ao progreso tecnolóxico cunha proposta construída en galego, dende Galicia e con proxección global.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos