Caza variada e clima moi frío: así era a vida nas Serras Orientais galegas hai 18.000 anos

Un estudo da USC analiza restos de fauna atopados en Valdavara 1, unha cavidade que foi ocupada de forma intermitente por cazadores-recolectores e outros depredadores

No corazón dos Ancares hai unha pequena cova de apenas seis metros de lonxitude, pero o seu reducido tamaño non impide que sexa un testemuño único da nosa prehistoria. A información que se agocha neste enclave permite entender a vida nas Serras Orientais galegas hai 18.000 anos, caracterizadas por un clima moi frío. A cova foi ocupada de forma intermitente por cazadores-recolectores e outros depredadores, como lobos e raposos. E os restos faunísticos que se conservan permiten recrear un período tan afastado no tempo como pouco estudado pola paleontoloxía galega debido á escaseza de xacementos. Agora, unha investigación liderada dende a Universidade de Santiago (USC) verte luz grazas á información extraída da cova de Valdavara 1.

O rebezo, a principal presa

“É un xacemento singular. En Galicia é o único rexistro completo que temos que nos permite reconstruír este período. Ten industria lítica, moita fauna e microfauna”, describe o investigador da USC Hugo Bal, primeiro autor do estudo no que tamén colaboran as universidades de León e Rovira i Virgili. A investigación en Valdavara 1 permitiu recuperar 2.180 restos de fauna datados entre 18.000 e 16.000 anos atrás; un período coñecido como Magdaleniense Inferior-Medio. A especie máis abundante foi o rebezo (Rupicapra pyrenaica), un ruminante algo máis grande que unha cabra que aínda habita hoxe zonas do Cantábrico, pero que é moi escaso na actual Galicia.

Que este caprino fose o animal máis numeroso foi un dos aspectos que máis chamou a atención dos investigadores. “Todos os depredadores que atopamos en Valdavara, tanto humanos como raposos e lobos, teñen como presa principal o rebezo“, indica Bal. Esta evidencia contrasta con outros xacementos arqueolóxicos do mesmo período, sobre todo en Asturias e Cantabria, onde o animal máis abundante é a cabra montesa.

Unha caza diversa para sobrevivir

“Ademais do rebezo, tanto os humanos como o resto de depredadores consomen fauna da contorna. Fronte a outros xacementos do Magdaleniense, cunha subsistencia centrada en torno ao 90% no cervo e na cabra montesa, en Valdavara cázase o que se atopa na zona”, aclara o primeiro autor do estudo. Así é que, entre os máis de 2.000 restos analizados na cova galega, aparecen especies de ungulados como o cervo (Cervus elaphus), o tarpán ou cabalo salvaxe euroasiático (Equus ferus), o bisonte (Bos Bison) e o xabaril (Sus scrofa) —aínda que estas tres últimas especies en cantidades moito menores—. Tamén hai carnívoros como o raposo (Vulpes vulpes), o lobo (Canis lupus) e o oso (Ursus arctos). Finamente, atopáronse restos de pequenos mustélidos, de coellos e de lebres, así como de aves e unha vértebra de peixe.

Publicidade

A ocupación humana

O estudo revela que só o 5,92% dos restos analizados presentan evidencia directa de modificación humana. O certo é que o pequeno tamaño da cova debeu limitar considerablemente as actividades que se podían levar a cabo dentro. “É probable que non se procesara fauna no interior da cova e que os restos se atribúan máis ao consumo”, sostén Hugo Bal. Segundo a investigación, Valdavara debeu estar ocupada de forma intermitente por humanos —como así demostran os artefactos líticos, óseos e os adornos persoais recuperados— e por diversos carnívoros como o lobo e o raposo, que utilizaron a cavidade como guarida. De feito, o 13,59% dos ósos recuperados mostran marcas de dentes e rastros de dixestión.

  • Ferramentas e ornamentos elaborados con materias primas animais. A) Punta de lanza feita de corno de cervo. B) Vara feita con corno de cervo. C) Fragmento de óso con decoración graduada. D) Canino de cervo perforado. E-Q) Conxunto de contas feito coa cunha de 'Antalis novembcostata', un tipo de molusco
  • Selección de restos óseos con marcas de dentes e rastros de dixestión. A e B) Radios de rebezo. C e D) Fémures de ungulado. E) Metápodo de rebezo. F) Escápula de lebre. G) Metápodo de raposo. H) Úmero de ourizo. I) Falanxe distal de rebezo. J) Radio de rebezo. As imaxes móstranse ampliadas a 10X

Hai outros indicios que tamén achegan evidencias sobre a ocupación humana da cova. Sábese que houbo un fogar e, polo tanto, que se deberon realizar tarefas domésticas no interior de Valdavara. O único que parecen demostrar os restos faunísticos é que as actividades de aproveitamento da caza non se fixeron dentro da cova, senón talvez no exterior. Bal detalla que a cavidade é tan só unha das bocas que hai na zona, dado que o xacemento pertence a un complexo moito máis amplo inserido na Serras Orientais galegas.

Unha posible “recolonización”

Este estudo é o inicio dunha investigación que pretende reconstruír de forma completa a vida de hai 18.000 anos neste enclave de transición entre a alta montaña e os vales. O investigador da USC cre que o xacemento pode achegar información única sobre un momento de “recolonización da zona”. “O último máximo glaciar rematou hai 19.000 anos; un período no que as Serras Orientais, onde está Valdavara, eran impracticables. Pero dende hai uns 18.000 ata os 16.000 anos comezaron a chegar ondas de cazadores-recolectores cunha nova tecnoloxía: a magdaleniense”, explica o primeiro autor do estudo.

Do clima á arte

O clima daquel momento debía ser moi frío. Esta é unha das pistas da segunda liña de investigación que está a traballar Hugo Bal xunto ao seu equipo, que tratarán de facer unha reconstrución paleoclimática para entender en detalles as condicións nas que se vivía hai 18.000 anos nos Ancares. Unha das variables que están a estudar é o grao de humidade que, máis alá da temperatura, é o que vai marcar que tipo de comunidades arbóreas e vexetación había. Isto, a un tempo, influíu na abundancia da fauna que atraía aos grupos de cazadores-recolectores a esta área. Pero a humidade é, como explica Hugo Val, un aspecto moi variable a nivel rexional e menos global que a temperatura.

Outra das liñas sobre as que Valdavara axudará a verter luz é sobre a arte. “Hai un conxunto artístico no xacemento. Atopamos máis de 20 pezas que son materia prima faunística, é dicir, ósos e cunchas que foron traballados e decorados”, sinala o investigador da USC. Malia que isto é “moi común” no Magdaleniense, non existían rexistros semellantes en Galicia ata a data. De feito, o único que ata o de agora podía transmitir información sobre este período eran os xacementos Dos Niñas e Férvedes II, que só puideron achegar industria lítica por estar ao aire libre. Tamén hai un rexistro no nivel B de Cova Eirós, pero é moi pequeno e apenas ten restos de fauna, polo que non achega case información sobre o período.

O estudo liderado dende a USC demostra que Valdavara 1 é un xacemento clave na investigación paleolítica do noroeste da península ibérica. Deixa claro que unha cova de tan reducido tamaño ten moito potencial para revelar como se vivía nas Serras Orientais galegas hai 18.000 anos, un período do que apenas existen evidencias na actual Galicia. Os estudos de paleontoloxía, con menos tradición que en Asturias e Cantabria, son aínda unha materia pendente. Pero este tipo de investigacións demostran todo o que se pode revelar sobre un pasado afastado pero fundamental para entender o noso presente.


Referencia: Zooarchaeological study of the Magdalenian sequence of the Valdavara 1 site (Becerreá, Lugo, NW Iberia) (Publicado en Journal of Archaeological Science: Reports)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pontevedra convoca unha xornada para analizar os nesgos na ciencia co gallo do 25N

O encontro, organizado por GCiencia e pola Concellería de Igualdade, celebrarase o sábado 29 de novembro no centro social O Gorgullón

Unha nova visión da arte rupestre: reconstrúen en 3D os petróglifos de Campo Lameiro

Un equipo da USC e do CISPAC defende o uso de técnicas dixitais para rexistrar con precisión motivos deteriorados ou ocultos pola vexetación

“O discurso do ‘terrorismo incendiario’ evade as causas estruturais dos lumes forestais”

As profesoras da UDC Elvira Santiago e Carmen Rodríguez analizan a prevención, xestión e recuperación de desastres naturais

De rebelión militar a electrochoque: a crúa represión franquista nos psiquiátricos galegos

A historiadora Noelia Valiño analiza máis de 800 historias clínicas e acha varios casos nos que a opresión foi o único motivo de internamento