As Serras Orientais de Galicia, o refuxio climático dos derradeiros neandertais do norte peninsular

Os últimos cazadores-recolectores enfrontáronse a un medio considerablemente máis frío e a un réxime de precipitacións similar ao actual

Un medio considerablemente máis frío e un réxime de precipitacións similar ao actual. Esta é a principal conclusión dun novo estudo que analiza as condicións climáticas ás que se enfrontaron os derradeiros neandertais de Galicia. O artigo, publicado na revista Journal of Archaelogical Science: Reports, centra o seu foco na fauna e na información paleoclimática e paleoambiental que pode achegar o emblemático xacemento de Cova Eirós (Triascastela, Lugo), onde foi realizada a investigación. Segundo trasladan os autores, as Serras Orientais de Galicia, cun clima máis propicio, foron un “auténtico refuxio climático” para os derradeiros neandertais.

O traballo ofrece a análise de máis de 1.000 restos fáunicos recuperados no Nivel 3 do xacemento, cunha antigüidade de en torno aos 41.000 anos. Nesta época os neandertais aínda ocupaban as Serras Orientais de Galicia, explotando unha ampla variedade de recursos entre os que o cervo era a súa principal presa, pero non a única, pois mesmo se detectou a explotación intencional de osos das cavernas. Este estudo serviu para comprobar que estes grupos neandertais tiñan unha gran mobilidade polo territorio, do que facían un uso extensivo e se aproveitaban do feito de que a cova se atope nun ecotono (a fronteira entre distintos ecosistemas), o que proporcionaba acceso a máis recursos.

Publicidade

Reconstrución das condicións climáticas

Ademais de abordar as estratexias de subsistencia neandertais, o principal feito a destacar deste artigo é que ofrece unha reconstrución aproximada das condicións climáticas ás que se enfrontaron estes cazadores-recolectores. A partir da información ecolóxica que achegan as máis de 30 especies identificadas na cova —varias delas extintas hoxe, coma o mamut laúdo— os investigadores puideron deducir unha temperatura media anual sensiblemente inferior á actual, cun descenso medio de -3 graos; mentres que as precipitacións se mantiveron bastante elevadas, cunha diferencia de tan só 150 mm anuais menos que na actualidade.

Isto permitiu que se mantivera unha comunidade vexetal relativamente importante, cun medio dominado por bosques de baixa densidade intercalados con pradarías húmidas nun momento no que na maior parte da península ibérica dominaban o frío e a aridez, o que converte as Serras Orientais de Galicia nun auténtico refuxio climático que permitiu a supervivencia dos grupos neandertais ata momentos máis recentes que noutras zonas do norte peninsular.

Publicidade

  • Restos fáunicos con evidencias de explotación antrópica (marcas de corte, fragmentación intencional e termoalteración).
  • Restos macrofáunicos recuperados no Nivel 3 de Cova Eirós.

Participantes no estudo

A investigación está liderada por Hugo Bal García, do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste – Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), e por Iván Rey Rodríguez, do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo. Traballan tamén nela o investigador principal do proxecto, Ramón Fábregas Valcarce (USC, CISPAC), Arturo de Lombera Hermida (UNIOVI, CISPAC), Mikel Díaz Rodríguez (UVigo, CISPAC), Carlos Fernández Rodríguez (ULE) e Xosé Pedro Rodríguez Álvarez (URV, IPHES-CERCA).

O estudo enmárcase nos proxectos de investigación desenvolvidos no xacemento con financiamento do Ministerio de Ciencia do Gobeerno de España e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.


Referencia: Landscape and subsistence in NW Iberia during the Middle Palaeolithic (MIS 3): Faunal analysis of Cova Eirós (Triacastela, Galicia, Spain) (Publicado en Journal of Archaeological Science: Reports)

3 COMENTÁRIOS

  1. Tamen estaría ben facer un pouco de xustiza historica recente e dicir que se non fora por activistas que teñen nomes e apelidos ao mellor non existía nada que estudar porque a Cova estivo a punto de ser destruida.

    • En xustiza, a empresa que explota a canteira tamén tivo parte de apoio no devenir da conservación da coba de Eirós. As Asociacións ecoloxistas tiveron o maior peso na procura de acadar a xustiza que merece este xacemento.
      O feito é que agora ten o grao de protección e de investigación axeitado.
      Tivemos moita sorte.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De cervos a cabalos: este era o menú dos neandertais que habitaban Cova Eirós

Un novo método baseado en coláxeno aplicado dende a USC identifica restos óseos fragmentados e amplía o coñecemento sobre a súa alimentación

Caza variada e clima moi frío: así era a vida nas Serras Orientais galegas hai 18.000 anos

Un estudo da USC analiza restos de fauna atopados en Valdavara 1, unha cavidade que foi ocupada de forma intermitente por cazadores-recolectores e outros depredadores

Árbores autóctonas e xardíns verticais: así serán os refuxios climáticos en Ourense

A Consellería de Medio Ambiente impulsa na cidade un plan piloto para protexer a poboación das altas temperaturas e fomentar espazos verdes urbanos

Atopada a pegada dactilar máis antiga do mundo? Luces e sombras do achado do CSIC

Expertos critican as conclusións e interpretacións dalgúns datos facilitados polo centro público e aseguran que é necesaria máis evidencia